50 anos de 'O meu país' de Miro Casabella

Capa do disco 'O meu país' Dominio Público

Como é posible que no cincuentenario desta canción musicada e interpretada por Miro Casabella, sobre o poema de Xoán M. Casado (1949-2002) non tivera nin unha soa referencia, en todo o ano que remata agora, na prensa galega xa fora española e españolista, galeguista ou nacionalista?

Como é posible que no cincuentenario desta canción musicada e interpretada por Miro Casabella, sobre o poema de Xoán M. Casado (1949-2002) non tivera nin unha soa referencia, en todo o ano que remata agora, na prensa galega?

Esta fermosísima canción gravouse en Barcelona nos Estudos de RCA, en 1971 aínda que saíu en 1972. Tratase dun single coas cancións Como os vellos trobeiros (cara A) e O meu País (cara B), editado por EMI-REGAL, coa colaboración de Música del Sur que dirixía Salinger. Disco de 45 RPM.

Foi presentado na galería e librería de Sargadelos de Barcelona por insistencia de Isaac Díaz Pardo, que tanto admiraba a cantautor do Valadouro, que neses días facía o servizo militar. Nese contexto tamén se inauguraba a semana do libro galego na cidade condal e que tería continuación no Castro de Sada (A Coruña) fito tamén tan importante como ignorado. Co disco editáronse tamén as dúas cancións traducidas ao castelán e o catalán (obra do escritor Jaume Picas i Guiu (1921-1976) e un texto introdutorio do propio Miro Casabella. 

Capa do disco 'O meu país' Dominio Público

O poema lembra en certa medida á poesía “Penélope” de Xosé María Díaz mais tamén un diálogo co himno galego, Os Pinos, o poema de Eduardo Pondal musicado por Pascual Veiga

O poema lembra en certa medida á poesía “Penélope” de Xosé María Díaz mais tamén un diálogo co himno galego, Os Pinos, o poema de Eduardo Pondal musicado por Pascual Veiga. Son seis estrofas tan libres como o nordés nunha clara prosopeia casadiana. A natureza, a súa personificación, as metáforas, o porvir, a esperanza. Por unha banda o pondaliano esperta do teu sono e pola outra o seu alento e desalento; as nosas vaguedades cumprido fin terán ou agarda novos dias, marchando de vagar; historia e lenda; o mar e marusías, o vento e as carballeiras, o tempo intemporal. Semella un soño surrealista de sube e baixa, de ledicia e amargura, de optimismo crítico, autocrítico e pórse a camiñar. 

Semella un soño surrealista de sube e baixa, de ledicia e amargura, de optimismo crítico, autocrítico e pórse a camiñar

Esta canción foi incorporada tamén ao primeiro LP de Miro titulado Ti Galiza (Ariola, 1977), que contaba cunha excelente capa do artista Ortiz Alonso. Este longa duración constaba de 12 cancións, sendo O meu país a número 1. Miro demostra o seu dominio de diversos rexistros vocais dos que fará gala en toda a súa obra. Unha voz potente, clara, nítida, mais tamén, como no Meu país, lene, aveludada, xunto cuns silenzos emocionantes que conteñen o alento do ouvinte.

 

O meu país

O meu país, é verde e neboento

é saudoso e antergo, é unha xente e un chan

o meu país, labrego e mariñeiro

é un recuncho sen tempo, que durme nugallán

Que quece na lareira, aló na carballeira

bota a rir

é unha folla no vento, alento e desalento

o meu país

O meu país, tecendo a súa historia

muiñeira e corredoira, acocha a sua verdá

o meu país saúda o mar aberto

escoita o barlovento e ponse a camiñar

Cara a metas sen nome van ringleiras de homes

e sen fin

tristes eidos de algures, vieiros pra ningures

o meu país

O meu pais, nas noites de invernía

debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz

o meu país, de lenda e marusías

agarda novos dias, marchando de vagar

 

Polas corgas e herdanzas

nasce e morre unha espranza, no porvir

é unha folla no vento, alento e desalento, 

o meu país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.