Cúmprense neste dias o 50 aniversario dunha das intoxicacións máis graves que houbo en España durante o franquismo: o caso do metílico, que provocou máis de 50 mortes e ducias de afectados, moitos deles con cegueira definitiva, debido ao consumo de bebidas alcohólicas elaboradas con alcohol metílico. A intoxicación tivo unha especial incidencia en Galicia, onde se orixinou a fraude, e en Canarias.
Cúmprense neste dias o 50 aniversario dunha das intoxicacións máis graves que houbo en España durante o franquismo: o caso do metílico, que provocou máis de 50 mortes e ducias de afectados, moitos deles con cegueira definitiva
Nos primeiros meses de 1963 un avaricioso e desaprensivo bodegueiro ourensán, Rogelio Aguiar, propietario de Bodegas Aragón, levaba xa meses experimentando con distintos alcohois para conseguir prezos baratos e ganancias grandes. Así, merca a Alcoholes Aroca, de Madrid, distribuidor de alcohol metílico, hasta 75.000 L deste produto, moi tóxico e de uso exclusivo industrial, etiquetado claramente como Non apto para consumo de boca. Con el, prepara diversos licores e distribúe a outros almacenistas, sen advertir da súa posible toxicidade. Un dos destinatarios sería a casa Lago e Hijos de Vigo, que prepararía así mesmo outras bebidas.
Unha das partidas chegaría desde Vigo a Canarias, á localidade de Haría, unha pequena vila do norte de Lanzarote, onde se producen, en marzo de 1963, tres mortes (entre elas a de María Zerpa Álvarez, curiosamente, enterradora municipal)
Elisa Álvarez Obaya con notable sagacidade sospeita polos síntomas dos afectados que a orixe podería estar nunha intoxicación por metílico
Neste municipio traballaba desde 2 anos antes como Inspectora Farmacéutica Municipal Elisa Álvarez Obaya, unha asturiana nacida en Villaviciosa en 1934; Elisa estudara a carreira de Farmacia Compostela, se ben tería que terminala en Barcelona en 1961 polos desgustos que lle daba unha das asignaturas (ironicamente a de Bromatoloxía-análise de alimentos, materia que máis tarde a faría famosa). Con notable sagacidade sospeita polos síntomas dos afectados que a orixe podería estar nunha intoxicación por metílico.
Ante iso inmobiliza rapidamente licores sospeitosos en bares e comercios; analiza na súa farmacia as botellas e garrafas de augardente, comprobando a presenza do metílico tóxico. Despois redactaría un informe ao alcalde que sería fundamental na resolución do caso.
Poucas semanas despois, acumularíanse en Ourense nun único proceso este e outros casos sucedidos e nomearíase un Xuiz Especial para toda España, José de Cora Rodríguez, naquel entón maxistrado da Audiencia de Ourense.
No proceso foron detidos, como relata o xornalista Fernando Méndez no seu libro Metílico, 50 años envenenados, Rogelio Aguiar e a súa muller; Román Lago Cabral e Román Lago Álvarez, propietarios de Casa Lago, así como o xerente de Industrias Rosol, que fabricaba vinagres na Coruña, e outras persoas. Todas condenadas a varios anos de cadea e ao pagamento de indemnizacións millonarias, que quedarían en nada pola insolvencia das firmas.
En Galicia tivo unha importancia grandísima; ademais dos miles de bares e almacenes onde podía existir augardente, licor-café, ponches…, que quedarían inmobilizados, todas as fábricas de conservas galegas foron inspeccionadas
Se ben a intervención da farmacéutica en Canarias daría o aviso clave, evitando moitas mortes, non evitou outras, pois os almacenistas alertados, o único que procuraron foi tentar desfacerse do produto e das probas, sen alertar ás autoridades do risco que existía.
En Galicia tivo unha importancia grandísima; ademais dos miles de bares e almacenes onde podía existir augardente, licor-café, ponches…, que quedarían inmobilizados, todas as fábricas de conservas galegas foron inspeccionadas: lémbrese que os escabeches se fabrican con vinagre, que podía conter metílico. Por dar unha idea, na localidade de Cariño, no Ortegal coruñés, había nesa altura máis de 20 fábricas de conservas, con miles e miles de litros de vinagres sospeitosos
Durante o xuízo, desenvolvido en 1967, e que acadaría unha importantísimo resonancia mediática non se puido chegar a investigar á Administración pola súa posible responsabilidade por falta de control, a pesar dos esforzos do fiscal do caso, Fernando Seoane Rico, e do xuíz, que tiveron en Carrero Blanco e Herrero Tejedor, ministros na época, un muro infranqueable.
En Galicia produciríanse 25 mortos en Ourense, 7 en A Coruña, 18 en Canarias e 1 no Sáhara
En Galicia produciríanse 25 mortos en Ourense, 7 en A Coruña, 18 en Canarias e 1 no Sáhara; total 51 mortes, máis varias persoas que quedaría cegas. Sen embargo, a cifra de mortes e de afectados posiblemente sería moito maior; téñase en conta que unha das partidas de augardente foi incluso exportada e EEUU; analizada na aduana de Nova York, foi inmobilizada e destruída. Pero tal vez houbo outros destinos, e quen sabe cantos mortos e afectados…
A descubridora do fraude, a farmacéutica Elisa Álvarez Obaya recibiría varias condecoracións en 1965. A Real Academia de Farmacia outorgaríalle a Medalla Carracido, na categoría de Bronce, e o goberno premiaríaa coa Encomenda da Orde Civil de Sanidade. Morrería en Las Palmas en 2010.
O fiscal do caso, Fernando Seoane Rico, xubilado en 1990, recibiría a Medalla de Galicia en 1992. E o Xuíz Especial, José de Cora Rodríguez, natural de Mañon (A Coruña), seguiría unha salientable carreira xudicial. Chegaría a ser Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e máis tarde primeiro Valedor de Pobo de Galicia, e tal vez o único que desenvolveu ese posto con prestixio e recoñecemento social e dos diferentes partidos.
Na novela de Gloria Lago que narra a vida da súa familia viguesa, atribúe o papel de honrados comerciantes aos seus familiares, condenados naquel xuízo
Baseándose no libro Metílico, 50 años envenenados, antes citado, o director de cine Emilio Ruiz Barrachina tiña previsto hai tempo previsto realizar unha longametraxe-documental sobre esta historia, na que o actor Juanjo Puigcorbé representaría o papel do fiscal Fernando Seoane.
O asunto tivo un epílogo curioso en Galicia hai poucos anos. En 2009, Gloria Lago, presidenta dunha coñecida -e polémica- asociación bilingüismo, publicou a novela El reloj de cuco, na que trataba de vindicar a memoria do seu pai e avó, propietarios da casa Lago e Hijos de Vigo, condenados naquel caso de fraude e intoxicación mortal. Na novela, que narra a vida da súa familia viguesa, atribúe o papel de honrados comerciantes aos seus familiares, condenados naquel xuízo.