Coincidía estes días con algunhas profesoras de universidade: unha de Farmacia comentaba que o alumnado chegaba sen saber facer regras de tres, algo esencial nese campo e do que, como lle insistiu aos discentes, eran capaces os nosos avós, non alfabetizados. As dos ámbitos de Humanidades compartían comigo certa preocupación porque estabamos a constatar dificultades xerais na comprensión de textos e na mesma escrita
Coincidía estes días con algunhas profesoras de universidade: unha de Farmacia comentaba que o alumnado chegaba sen saber facer regras de tres, algo esencial nese campo e do que, como lle insistiu aos discentes, eran capaces os nosos avós, non alfabetizados. As dos ámbitos de Humanidades compartían comigo certa preocupación porque estabamos a constatar dificultades xerais na comprensión de textos e na mesma escrita: puntos antes de pronomes relativos, perda do réxime de maiúsculas e minúsculas e quen pon acentos vai para Premio Nacional, ironicei. É difícil corrixir os erros ou as derivas nas estruturas gramaticais porque ás veces @ propi@ alumn@ é incapaz de recoñecer un suxeito –moito menos as funcións doutros sintagmas-. Dende o meu punto de vista, algo ten que ver isto coa denostación da sintaxe. Por moito que non guste ás mentes máis aparentemente literarias, é necesaria para favorecer un pensamento estruturado. De feito, un alumno me preguntaba estes días de onde vén a palabra frase: de referirse, con deíxe, a unha realidade, de sinalala coa linguaxe, posteriormente. A raíz etimolóxica máis profunda remontaríase ao indoeuropeo e vincularíase ao pensar. É dicir, organizar frases garda relación co pensamento lóxico.
As profesoras da universidade, obviamente, pensan que os problemas veñen dos ciclos inferiores. As profesoras de secundaria ou bacharelato tamén pensamos o mesmo: a uns rapaces que se achegan á maioría de idade lles resultaba complexo comprender, estes días, o emprego dos tempos compostos nunha lingua estranxeira. Se estamos empezando a ser usuarios das linguas, polas modas pedagóxicas, e non comprendemos a estrutura ou funcionalidade, como se pode, traéndoo ao meu campo, ensinar filosofía? Pódese si se entende por filosofía un xogo posmoderno para a integración de valores hexemónicos. De entendela como un instrumento máis para o desenvolvemento do pensamento abstracto, resulta un arduo traballo con pobres resultados: hai que pasar, nun ano, de organizar frases e parágrafos articulados con dificultade a compor un comentario de texto (filosófico). Esta formulación pedagóxica contén un dilema laboral e deontolóxico: a inspección visitou a alguén que suspendía “a demasiadas persoas”. Cando aprobou a todas, non volveu máis.
Que debo facer? Tentar parar soa un tsunami e morrer afogada? Ao fin e ao cabo, para que serve o pensamento abstracto e a capacidade de razoamento nunha época como a nosa?
Que debo facer? Tentar parar soa un tsunami e morrer afogada? Ao fin e ao cabo, para que serve o pensamento abstracto e a capacidade de razoamento nunha época como a nosa? En primeiro lugar, simplemente cómpre lembrar a reflexión de Arendt que disparaba cara os réximes que suspendían a capacidade de pensar, pois niso consistían os totalitarismos. Vinculado ao punto anterior, serve para o desenvolvemento da capacidade ética, isto é, para poder reflexionar sobre o comportamento propio, o que asegura sociedades de benestar. É certo que o benestar pasou a entenderse unicamente como elemento material, e, neste sentido, tamén é necesaria a abstracción, o pensamento, e a responsabilidade ética: acaso non queremos ir ao médico e que saiba atendernos emocional e profesionalmente? Se imos ao taller ou se chamamos a un servizo de telefonía móbil, o mesmo: queremos que nos solucionen o problema e de xeito honrado. Mirade: o outro día fun á óptica para a recollida anual de lentes de contacto. A dependenta, moi nova, púxose nerviosa e daba mostras de non entender que non me tiña que dar cinco caixas, porque seis por catro xa son vinte e catro. Tivo que consultalo cunha compañeira. É dicir, as funcións profesionais, isto que tanto interesa por veces á sociedade ben pensante, tampouco se poden desenvolver debidamente e o que coñeciamos ata o de agora, que era mellorable, empeza a desmantelarse.
Resulta que @s propi@s adolescentes, repetindo mantras, demandan un maior compoñente práctico na educación (confúndeno, como os adultos, co produtivo): saber facer unha factura, por exemplo. Entón explícolles que non poden pedir que se adíe un exame o día antes, porque a organización do tempo ou a responsabilidade son saberes prácticos (inmanentes, para a vida) e produtivos (transcendentes, para os desempeños profesionais) que teñen que interiorizar. Tamén desenvolver a capacidade e a xestión da frustración, cando calculamos mal o investimento ou esforzo que temos que facer para conseguir un obxectivo: aprobar un exame, por exemplo. Competencias de verdade, e non as escritas con fume –polos seus vendedores- no papel da lei.
A infantilización intelectual dos individuos deriva con rapidez nunha atrofia cognitiva, neuronal, fomentada pola lexitimación institucional de axentes de socialización vinculados ao mundo audiovisual e dixital e vehiculizados a través dos dispositivos electrónicos. Mais esta vai acompañada da infantilización emocional que o outro axente de socialización, a familia, fomenta entre as novas xeracións
A infantilización intelectual dos individuos deriva con rapidez nunha atrofia cognitiva, neuronal, fomentada pola lexitimación institucional de axentes de socialización vinculados ao mundo audiovisual e dixital e vehiculizados a través dos dispositivos electrónicos. Mais esta vai acompañada da infantilización emocional que o outro axente de socialización, a familia, fomenta entre as novas xeracións. Un exceso de protección oculta, en moitas ocasións, unha concepción neoliberal de tal institución: Aristóteles xa advertía de que os pais adoitaban a proxectarse nos fillos, pero nunha sociedade narcisista iso chega a extremos insostibles para o tecido social, que deixa de terse en conta. Esíxese que @s case maiores de idade se manteñan nunha sorte de 6º da Eso: fánselle os esquemas, insísteselles con infinita pedagoxía nas bondades do estudo diario. Ata, por favor, se suplica a toma do bolígrafo para tomar apuntamentos. Hai preguiza, pero tamén é certo que se observaron xa problemas de precisión prénsil nos primeiros cursos da Eso á hora de suxeitalo e empregalo.
Deste xeito, é sinxelo pór en marcha o devir lumpen das clases obreiras, así como imposibilitar unha resposta política articulada fronte ás condicións materiais que lles queden. Serán capaces, como moito, de implosionar revoltas que non afectan o máis mínimo ao desequilibrio global
Cóntame miña nai, ao respecto de anécdotas que vivimos a diario, que, cando chamaban da escola os días de piscina dicindo que miña irmá se atopaba mal, ela ía a dicirlles que non fixeran caso, que simplemente non quería ir nadar, pero que a levasen. Cómpre dicir que nós non recibimos unha educación autoritaria, nin moito menos. Atopamos agora, con moita emoción, poucas nais e pais con vontade de educar, isto é, de facer dunha persoa alguén con dignidade, honestidade, fortaleza, humildade, e tamén coñecedora dos seus límites e dos límites sociais. Estanse a dar, por certo, problemas psicolóxicos derivados da anomia.
As familias adoitan achegarse a demandar que se adapte o nivel á apetencia de esforzo que queren facer os seus descendentes, ou mesmo ao que farían eles: en varias ocasións escoitamos insinuacións queixosas por mandar ler un libro ao ano (que nin sequera hai que mercar). Na materia de inglés, non. Nesta disciplina solicítase, en xeral, non máis esixencia, pero si maior nivel, porque loitan, nos afectos, a propaganda que lles transmite que só o inglés permite a promoción social coa lei do mínimo esforzo. Non ven que as sentencias sobre educación que ditan os “expertos” -sen traballo de campo- nas canles do Grupo Prisa amparan un proceso de segregación social que retira o acceso ao coñecemento por parte das clases populares. Deste xeito, é sinxelo pór en marcha o devir lumpen das clases obreiras, así como imposibilitar unha resposta política articulada fronte ás condicións materiais que lles queden. Serán capaces, como moito, de implosionar revoltas que non afectan o máis mínimo ao desequilibrio global. Será, a risco de resultar milenarista, o fin da democracia por vir e o asentamento do seu simulacro, a demagoxia, que, como sabían os antigos, degrada en tiranías.