Para rir a escachar. Se non estiveran en xogo millóns de vidas humanas (entre elas, as nosas) a máis de miles de millóns de euros.
Carreira de tempo, a ver quen logra antes unha vacina.
Carreira de porcentaxes de eficacia. A ver quen da máis. A este paso, pasarán do 100 %
Carreira de credibilidade... neste caso, todo o mundo ofrece máis e mellor.
E poderíamos seguir. As tres ‘carreiras’ anteriores están interconectadas. Por bater a marca de tempo, os anuncios esquecen ou ningunean que ningunha delas está totalmente dispoñible polo momento, sexa por cuestión burocrática, sexa por falta de estudos de comportamentos secundarios, sexa porque a rápida evolución do virus fai case imposible que a vacina contemple as novidades desa evolución.
En credibilidade, relacionado co anterior, todas as empresas tentan convencer de que os trámites que faltan son iso, ‘puro trámite’ que se encargarán de axilizar, e que teñen probas abondo para lanzarse. Nese convencer, a punta de lanza empregada nos medios máis que a vacina correspondente está ben probada (o que se tenta ser considerado algo presuposto, como a valentía na mili en tempos de paz), é a porcentaxe de eficacia. Comezou o primeiro laboratorio asegurando o 90 %. É dicir, que sería efectiva en 9 de cada 10 persoas, para asegurar a seguinte un 95 %. E as seguintes, de aí non poden baixar, claro. Mais, pensando un pouco, se só fose probada en dez persoas, dicir 90 % é dicir que unha non enfermou, o que non tería moito significado estatístico: valla apuntar que nas enquisas electorais cóllense miles de persoas para un só país, e teñen unha marxe de erro que á vista está, e non por ser moi baixo. E non dan moitos datos para ver a bondade da mostra en relación á poboación mundial. O único indicativo que atopei a día de hoxe, 17 de novembro, foi no caso do 95 % de eficacia, no que as novas dan conta de que o estudo se efectuou sobre 95 persoas (iso si, dunha mostra de 30 000). Deixando aparte que sexa un redondeo, 95 persoas como test para a poboación mundial son escasas, e evidentemente o tempo para o estudo de efectos secundarios, ou da conservación (fálase de 6 meses a -20 ºC, o que significaría que xa a tiñan desde maio) tamén. A ti que te parece?
O ritmo ó que se poden producir as doses é aínda unha incógnita, mesmo se algún político xa ten falado e asegurado millóns de doses para antes do Nadal (ben, iso xa foi hai uns días, agora andan por xaneiro).
A distribución? Iso é cousa dos gobernos, as compañías producen e venden. Quen non se lembra da venda á mellor oferta de máscaras a pé de pista no aeroporto, máscaras que chegaban ó mercado a prezos prohibitivos e non sempre cumprindo as especificacións?
A distribución polo miúdo? Digamos que primeiro tocará protexer ó persoal sanitario, logo ós maiores, quizais ó persoal académico, e seguir por diferentes grupos. Máis ou menos. Influirá o lugar que ocupan os políticos? E os magnates? Por outra banda, que influenza terá a riqueza dos países na obtención das doses? Será regulada a ganancia das empresas produtoras? As incógnitas non son poucas, e o mero feito de pensar sobre algunha variable denota moito sobre a nosa propia idea sobre a humanidade ou o actual sistema socioeconómico mundial.
Mentres, a incógnita xeral segue, e ímonos afacendo ás máscaras, con modelos cada vez máis fermosos, baratos e adaptados. Sobre a efectividade, podemos volver ó comezo destas liñas. Sobre o que significa para a mente o afacernos a un bozo podemos falar outro día, o mesmo que en relación ó manexo das novas que van xurdindo sobre a economía (aí están as bolsas subindo co simple anuncio dunha vacina da que pouco se sabe máis aló de que nalgún momento ía chegar.
E, claro, a previsión / protección antes e despois da vacina nunca está de máis, implicando a nosa protección a dos demais, e viceversa. Somos animais sociais e necesitámonos os uns ós outros, aínda que ás veces pode parecer que o que necesitamos é prescindir dos demais.