A abdicación de Juan Carlos I de Borbón y Borbón-Dos Sicilias

No final da mañá deste 2 de xuño de 2014, soubemos, surpresivamente, da abdicación do rei de España, sr. Juan Carlos I de Borbón y Borbón-Dos Sicilias.

Sen dúbida algunha era unha nova que agardábamos os republicanos, mais tamén os monárquicos.

Para o caso do republicanismo, daquelas e daquelas que arelamos unha democracia sen condicionantes alleos, trátase sempre dunha boa nova que fique vacante o posto que cando está ocupado lémbranos que somos súbditos (=Sujeto a la autoridad de un superior con obligación de obedecerle, segundo en español se pode ler no ‘real’ dicionario español). Aínda que só for por uns minutos ou días, esta vacante indica que non somos súbditos (dado que non hai autoridad de un superior máximo ao que, obligatoriamente, obedecer).

Para o caso do republicanismo, daquelas e daquelas que arelamos unha democracia sen condicionantes alleos, trátase sempre dunha boa nova que fique vacante o posto que cando está ocupado lémbranos que somos súbditos

Para os monárquicos a abdicación conduce á unha necesaria ‘actualización’ e ‘modernización’ da Casa ‘Real’ española. Unha renovación protagonizada por un ‘preparado’ sucesor, o príncipe Filipe, que continuaría a liña protagonizada pola saga familiar borbónica.

Para alén do feito en si e a dualidade que se apresenta a partir da mesma, quero aquí reparar na breve alocución do monarca español no presente día. Nesta, o sr. Juan Carlos I de Borbón y Borbón -Dos Sicilias fixo fincapé en que tería tomado xa esta determinación diante do seu pasado aniversario. Traslada a idea de que el, aló polo mes de xaneiro, unilateralmente, tería tomado a decisión de dar lugar (o 2 de xuño de 2014?) á devandita abdicación.

Estou certo de que nen tomou unilateralmente a determinación, nen esta derivar de acreditar o monarca na necesidade dunha renovación xeracional

Dado que non é propio dun chefe de Estado da súa talla tomar determinacións -máxime como a que aquí nos trae-, sen as consultas correspondentes, estou certo de que nen tomou unilateralmente a determinación, nen esta derivar de acreditar o monarca na necesidade dunha renovación xeracional no mando do seu casal e o Estado, dada a súa idade (...que diferenza hai agora con 76 anos, respecto de cando contaba con 75 anos ou, proximamente, 77?).

Un novo tempo

Estou certo de que, ao igual que a II República española, proclamada o 14 de abril do 1931, derivou dunha presión popular democrática que deu lugar á vitoria das candidaturas municipais republicanas nas eleicións de dous días atrás, neste caso os resultados das pasadas eleicións ao parlamento europeu fixeron acender todas as alarmas da Casa Real española. Todo o descontento popular que foi acumulando a vella política, a política sistémica -e dentro desta, unha monarquía que se víu habitualmente salpicada de affairs de diversa índole-, deron lugar a unha tesitura, cuantitativamente constatábel, que apunta no escenario hispánico a un cambio de ciclo, a un novo tempo.

Os resultados das pasadas eleicións ao parlamento europeu fixeron acender todas as alarmas da Casa Real española

Este novo tempo hai moitos e moitas que non o acaban de visibilizar -igual porque nel non teñen cabida…- mais a monarquía española e, nomeadamente, o seu, aínda, cabeza, Juan Carlos I de Borbón y Borbón-Dos Sicilias, acho víu (e ve) á perfeizón este novo escenario, desexando que os seus estexan presentes no mesmo. Consciente da complexidade do contexto, quere contribuír a esa presenza o monarca. A súa experiencia e formación (a partir de tempos de non menor complexidade para as realidades sistémicas -entre os finais da década dos ’60 e a primeira metade, sobre todo, dos ’70) dálle unha larganza táctica para saber que aqueles resultados eleitorais do pasado 25 de maio apremiaban en favor dun golpe de efecto; en definitiva, a abdicación

A voz do pobo

Isto que aquí traemos a colación, non é máis que un reposicionamento da monarquía como institución que, xa digo, durante minutos ou días, fai que nós non sexamos formalmente súbditos. Depende de nós que os minutos, ou días, sexan anos, décadas... É necesario defender un referendo no que a cidadanía, libre e democraticamente, decida cal quere que sexa o marco máximo de referencia no que viver e se desenvolver. Nós, galegas e galegos de Nación, témolo claro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.