A maior vitoria dun sistema de dominación non é someter ao pobo, senón facerlle crer que a estrutura que o oprime lle pertence. Durante décadas, fóisenos inducido un estado de inxenuidade colectiva segundo o cal as institucións son árbitros neutrais e a democracia unha conquista irreversible. Pero baixo a pátina de normalidade constitucional, latexa un organismo moito máis vello e resistente: un búnker que non entende de votos, senón de mandatos.
Se a análise dada no meu ensaio O pouso da sombra: a caverna do estado profundo, publicado en Praza Pública, nos descubría a existencia dun "pouso" institucional, esa sedimentación de poder que sobrevive a calquera cambio de goberno, esta segunda fase de deconstrución debe ser moito máis radical: o Estado español non constitúe unha ferramenta ao servizo dos españois do común, nin moito menos das nacións que o integran. O Estado constitúe, en rigor, a súa facenda privada, un búnker de casta onde, a democracia, opera como un contrato de arrendamento precario que os donos poden rescindir en canto o inquilino se volve demasiado esixente.
I. O Vértice da Inmunidade: A Coroa como Seguro de Vida
A Monarquía non debe lerse como un símbolo de unidade, senón como o dispositivo de seguridade dun sistema que se recoñece herdeiro dunha orde non democrática. A Coroa é a clave de bóveda porque garante a continuidade biolóxica e xurídica do poder sen o filtro das urnas.
A súa inviolabilidade non é un privilexio arcaico, senón unha necesidade operativa (un mecanismo que crea un espazo de opacidade absoluta onde o alto funcionariado, a maxistratura e o capital financeiro poden operar sen medo á fiscalización). O Rei non reina para o cidadán, senón que o fai como garante de que a estrutura de mandos que se consolidou en 1975 permaneza inexpugnable ante calquera intento de reforma real.
II. O Lawfare e a Endogamia: O Dereito como Praxe de Guerra
O uso selectivo da xustiza é a proba máis evidente de que o Estado pertence a unha elite. Cando os tribunais actúan como unha milicia togada, están enviando unha mensaxe clara: "Vostedes votan, pero nós decidimos o que é legal". O lawfare non busca castigar o crime, busca castigar a audacia de querer transformar a realidade.
Nesta dinámica, as instrucións prospectivas contra opoñentes políticos, ou o bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial, non son disfuncións, senón actos de reafirmación de propiedade. Esta casta perpetúase mediante unha endogamia formativa, un circuíto de academias e colexios maiores de elite onde se educa ás novas xeracións do búnker na idea de que, eles, son os únicos depositarios da esencia do Estado. O acceso ao poder é un filtro de clase que asegura que o funcionario non responda ante o cidadán, senón ante a lealdade á súa propia corporación.
III. A Razón de Estado e o Control da Información
Para que o Estado siga sendo "deles", a Sombra precisa recordar periodicamente quen posúe o monopolio da forza e do segredo. As zonas de escuridade (dende a guerra sucia ata a opacidade en atentados traumáticos como o 11M ou o 17A) son os perímetros onde a soberanía popular ten estritamente prohibido o paso.
O poder real reside en quen decide que información chega ao decisor. A información estratéxica é o capital privado da Sombra, protexido por unha Lei de Segredos Oficiais que funciona como un valado electrificado. Baixo o concepto de Razón de Estado, o búnker oculta as súas conexións con cloacas e confidentes, xustificando a opacidade en nome dunha seguridade que só serve para protexer a inmunidade dos seus operadores.
IV. O Mecanismo de Sanción e a Colonización Económica
O búnker ten un sistema de defensa contra os seus propios membros que intentan democratizalo. Calquera xuíz ou funcionario que intente investigar as cloacas sofre un proceso de morte civil e profesional (un mecanismo de sanción interna que garante que ninguén se atreva a abrir as fiestras para que entre a luz).
Esta disciplina interna compleméntase coa colonización do capital. O Estado non serve ao cidadán porque xa ten un contrato de exclusividade coas empresas do IBEX-35, onde as "portas xiratorias" son o tributo patrimonial polos servizos prestados. O BOE redáctase pensando no dividendo de mañá, garantindo que o patrimonio da Sombra e o do capital financeiro sexan, na práctica, a mesma cousa.
V. Galicia: O Laboratorio da Invisibilización Radial
O deseño radial do Estado, onde todo o poder se concentra nos poucos quilómetros cadrados da capital, é a fortaleza física do búnker. Esta xeografía permite que as elites se recoñezan e protexan, convertendo as demandas das periferias en ruído irrelevante.
Dende esta perspectiva, Galicia é concibida como un activo a explotar e non como un suxeito a escoitar. O búnker utiliza a súa maquinaria para que a nosa autonomía sexa tratada como unha usurpación, bloqueando a xestión do noso litoral, as nosas infraestruturas ou a nosa lingua, mediante informes técnicos que funcionan como títulos de propiedade. O centralismo é o método que empregan os propietarios para asegurar que o mando non escape do centro radial.
PREMISAS PARA A RUPTURA
Para desarticular esta estrutura, non abondan as reformas superficiais. Precísase unha estratexia de demolición controlada baseada en:
Despatrimonialización do Acceso: Abolición do sistema de casta nas oposicións e derrogación da Lei de Segredos Oficiais. A información debe deixar de ser un capital privado da Sombra.
Desmantelamento da Inmunidade: Fin da inviolabilidade real e reforma radical do Poder Xudicial, para que deixe de ser un corpo de garda e pase a ser un servizo público baixo control cidadán.
Descentralización do Mando: Romper o Madrid radial, federando os centros de decisión e impoñendo a soberanía económica sobre o IBEX-35.
Conclusión Final: Recuperar o que nunca foi noso
O pouso da sombra é a herdanza dunha expropiación que a Transición non reverteu. Galicia, como nación periférica, posúe a claridade que outorga a distancia para entender que, mentres o búnker siga en pé, calquera vitoria electoral será unha ficción sobre o papel. A democracia non será tal ata que o Estado deixe de ser "deles" para ser, por fin, do pobo.