A esquerda política galega atópase nun tempo de mudanza. Os dous principais partidos atravesan fondas reestruturacións internas (BNG e PSdeG-PSOE), mentres outras opcións políticas parecen tomar forma (e algunhas mesmo corpo) para competir con elas por eses votos. Destes dous procesos, internos e externos, sairá un novo contexto competitivo que marcará o resultado das vindeiras eleccións autonómicas e, posiblemente tamén, o exercicio da política en Galicia durante os próximos anos.
No curto prazo, para os socialistas convértese en decisivo recuperar o rigor analítico perdido. As pasadas eleccións en Asturias e Andalucía supuxeron para o PSOE unha perda de máis de 670.000 votos entre ambas as comunidades
No curto prazo, para os socialistas convértese en decisivo recuperar o rigor analítico perdido. As pasadas eleccións en Asturias e Andalucía supuxeron para o PSOE unha perda de máis de 670.000 votos entre ambas as comunidades. Sen embargo, as análises compracentes, os anuncios de novos ciclos sen expiar as culpas dos anteriores, e o pendente dun período de renovación insistentemente demandado dende a cidadanía, fan presaxiar unha aínda imparable sangría de apoios e perda de confianza social –que se está a trasladar a outras opcións de esquerda ou á abstención. A próxima estación electoral, se nada pasa, será Galicia, e mensaxes igualmente compracentes non semellan ser a receita máis adecuada para o inicio da reconquista.
No BNG os problemas teñen unha natureza moi diferente, pois a súa solución non pasa xa por si mesmos. A escapada dunha parte importante da súa militancia, e con ela dun capital social fundamental na explicación dos seus pasados logros electorais, afecta decisivamente a súa competitividade no futuro.
No BNG os problemas teñen unha natureza moi diferente, pois a súa solución non pasa xa por si mesmos. A escapada dunha parte importante da súa militancia, e con ela dun capital social fundamental na explicación dos seus pasados logros electorais, afecta decisivamente a súa competitividade no futuro. Un novo contexto que obriga a reconstruír as mensaxes, a reorganizarse internamente, e a reubicarse estratexicamente no espazo sociopolítico. Esta semana tomou aínda as primeiras decisións de relevo neste sentido, esperando, quizais con excesiva pasividade, a que as forzas frontistas acabasen o seu período de reflexión sobre se quedar ou non.
O Novo Proxecto Común, por chamarlle coa denominación que máis sona, representa a terceira pata deste banco con forma de interrogante. Unha forma aínda por definir e sen pistas na sociedade, nun tempo de ilusión e esperanza que pasa sen que nada se concrete. A cidadanía galega amósase necesitada de referentes novos, pero tamén abondo escéptica como para non coller de primeiras unha opción de última hora que apareza tarde, mal e arrastro. O reloxo de area corre e, cada día que pasa, a ventá de oportunidade para chegar con forza ás vindeiras autonómicas se pecha un chisco máis.
A cidadanía galega amósase necesitada de referentes novos, pero tamén abondo escéptica como para non coller de primeiras unha opción de última hora que apareza tarde, mal e arrastro
Por debaixo destes tres grupos, unha miríade de pequenos partidos e formacións sociais teñen a oportunidade histórica de concentrar arredor súa, e construír entre todos, un polo alternativo de esquerda que aproveite o espazo deixado por estes partidos. As súas bases dialogan nas manifestacións, falan nos bares, comparten ideas na rúa… pero aínda non se sentaron a aproveitar a forza dos seus puntos en común. Noutros puntos da xeografía europea esta fórmula cristaliza e acada éxitos electorais. En Galicia debemos aínda esperar, se ben me gustaría que fose por pouco tempo, para ver un Die Linke (Alemania) ou un Front de Gauche (Francia) galo. Na dereita galeguista, sen embargo, xa se están poñendo a elo –outra cousa será ver se con éxito ou non.
En Galicia debemos aínda esperar, se ben me gustaría que fose por pouco tempo, para ver un Die Linke (Alemania) ou un Front de Gauche (Francia) galo
A cidadanía galega de esquerdas se move incerta entre a abstención ante o descontento actual coas forzas aspirantes a gobernar, o cambio cara a novas forzas políticas de futuro incerto pero máis innovadoras e limpas de pecados pasados, ou o refuxio en forzas tradicionais con menores oportunidades de goberno pero ideoloxicamente máis representativas do seu sentir. As manifestacións do 29M demostraron unha esquerda política viva, desexosa de reivindicar os seus valores e transformar a sociedade. Os partidos están a poucos meses de demostrar a súa validez como articuladores políticos eficaces destas inquedanzas. A día de hoxe o panorama non parece ser o máis idóneo. Tempo hai para rectificar.