A educación é un dereito para as nenas e os nenos e un deber para as familias e as administracións públicas. Estas deberán poñer todos os medios para que a calidade sexa óptima, formando persoas con espírito crítico, coñecementos científicos e valores democráticos. Unha dilatada vida profesional, unha permanente reflexión sobre a práctica docente e unha autocrítica permanente considero que me validan para aportar as seguintes consideracións. Teño, por outra banda e cun protagonismo non menor, a condición de pai (agora, felizmente, a de avó), o que amplía a perspectiva para opinar desde os sectores máis influíntes no eido educativo: o familiar e o profesional. Se a isto lle engado a permanencia na función directiva durante vinte anos considero que estou en condicións de aportar experiencias cunha certa credibilidade, admitindo desde xa o dereito a discrepar.
As persoas son bastante máis que dividendos para unhas ratios que xustifican comparecencias
A educación está instalada nunha situación de crise permanente. Nos últimos anos véñense sucedendo leis educativas sen consenso nin vixencia á marxe dos cambios de goberno. Nelas contémplase a excelencia como o remate dun proceso polo que as alumnas e alumnos con sobredotación ou capacidades extraordinarias acadan, coa súa formación, o protagonismo que a sociedade lles reclama en avances tecnolóxicos, científicos, artísticos, culturais...
Obviamente, un ten que estar de acordo coa extracción de todas as potencialidades que o alumnado ofrece. Pero é evidente que esta intención, que non deixa de ser unha atención á diversidade, enmascara outra clase de excelencia non menos valiosa e que define perfectamente a eficacia dun sistema educativo: tratar que as e os que dispoñen doutra dotación cheguen tamén ao desenvolvemento pleno das súas capacidades. Porei dous exemplos: alumno definido no seu día como de “educación especial” e hoxe titulado para o manexo da maqunaria máis sofisticada e desprazar un camión de trinta toneladas por todo o estado, e outro na súa etapa escolar calificado antisistema, inadaptado e incapaz de soportar dúas sesión de clase seguidas, pero que con medidas internas de carácter moi flexible e sen recurrir á protocolaria apertura de expedientes que non ían supoñer máis que incitación ao absentismo e inhibición, remata a escolaridade e hoxe é profesional cualificado no mundo do mar que se manifesta “feliz polo que é, polo que fai e polo que ten: profesión e familia”.
A atención á diversidade lévanos a unha excelencia que debe gratificar a todas as persoas que crean na educación como elemento transformador
Non sen paixón e emotividade teño que manifestar que son estes dous exemplos de como a atención á diversidade nos leva a unha excelencia que debe gratificar a todas as persoas que crean na educación como elemento transformador. Como profesional da educación e convencido de que a afectividade é motor fundamental para as relación humanas, non podo deixar de reflexar a satisfacción que me producen os exemplos que veño de citar. Afortunadamente, non son casos excepcionais e refrendan a tese de que as persoas son bastante máis que dividendos para unhas ratios que xustifican comparecencias.
O compromiso dos colexios públicos cunha educación pública, universal, inclusiva, de calidade e progresista estivo e está fóra de toda dúbida. Os distintos sectores que integran as comunidades educativas (profesorado, familias e persoal de administración e servizos) teñen unha probada traxectoria neste compromiso, un incuestionable dereito a seguir no obxectivo de ofrecer a mellor educación e a lexítima capacidade para esixir da administración os medios e recursos materiais e humanos necesarios.
As xustificacións, exclusivamente numéricas, da Administración non se sosteñen porque a frialdade do número non contempla a necesidade de actuar
As xustificacións, exclusivamente numéricas, da Administración non se sosteñen porque a frialdade do número non contempla a necesidade de actuar. A concurrencia de casos que demandan a atención específica e por persoal con cualificación vai moito máis alá de contestacións que xustifican un recorte en recursos por parte dunha Administración insensible, economicista co ensino público e absolutamente irrespectuosa co principio de autonomía dos centros que figura en calquera exposición de motivos das lexislacións educativas. Son, incluso, desmotivadoras para as e os profesionais que con tanto e tan pouco recoñecido empeño se esforzan por atallar as evasivas de procedencia superior e frustrantes para as familias que sosteñen os servizos públicos cos seus impostos. Non é arrogante solicitar empatía a quen toma as decisión e pedir que descenda á realidade da aula.
Case ao remate do meu desempeño profesional, e cando nun período vacacional comentaba cun amigo español, profesor en Finlandia, o diferentes que eran as nosas condicións de traballo, eu dicíalle que tiña máis de vinte alumnos/as dos que algún precisaba de apoio e que este se limitaba a dúas ou tres sesión semanais. A súa resposta era elocuente: tiña doce alumnos e un profesor de apoio a tempo total. Son escéptico con respecto a moitos aspectos relacionados co informe PISA pero, por una vez, non me quedou máis remedio que renderme á evidencia. Elocuente a diferenza de criterio e de sensibilidades con respecto a dotación de medios entre autoridades educativas.