A Atlántida do Común. Laboratorios políticos municipais e periferia

"Temos laboratorios onde facemos toda clase de ensaios sobre a luz, as radiacións e as cores; partindo de obxectos incoloros e transparentes podemos representar tódalas diversas cores, non as do espectro (como acontece nas xemas e nos prismas) senón cada unha en particular. Representamos tamén multiplicidades de luces, que podemos levar a gran distancia e facelas tan potentes como para distinguir pequenos puntos e liñas." Francis Bacon, A nova Atlántica, 1626.

 

1. Descentrar a mirada.

O centro cega. A centralidade é problemática. As cousas a miúdo comezan nas marxes, periferias e arredores

O centro cega. A centralidade é problemática. As cousas a miúdo comezan nas marxes, periferias e arredores. A ideoloxía que acabaría por apoderarse do Imperio Romano decidindo durante case dous milenios a sorte de Europa, xurdiu das ruínas dunha insignificante provincia do Oriente Próximo. A aparición do réxime industrial non sería explicable sen as transformacións do sistema de plantacións colonial, en resposta ás continuas revoltas de escravos que sacudiron o século XVIII. O maio parisiense estudantil en verdade empezou nunha universidade anódina, Nanterre. Unha das máis influentes filosofías do século XX foi escrita nunha cabana da Selva Negra. O detonante da maior onda democrática das últimas décadas ardeu no corpo dun vendedor ambulante tunecino, en Sidi Bouzid. Algunhas das políticas que achandaron o camiño para a reformulación neoliberal do goberno en termos empresariais foron ensaiadas en pequeno enclaves municipais, como Visalia, no áspero Joaquin Valley californiano. Certo co 15M irrompeu con forza no Kilométro Cero, pero os que baixaron á praza portaban máscaras anónimas e bandeiras de Exipto e Islandia.

"Tomar o centro do taboleiro político", esa foi a consigna, practicada dende o primetime televisivo. Pero sen outra irrupción marxinal, dende abaixo, dende os movementos a nivel municipal, a aposta de Podemos xa tería feito augas. Certo que o municipalismo e o presidencialismo se engarzaron de xeito virtuoso. O espazo aberto por Podemos contribuíu significativamente á chegada dos partidos-movemento ás alcaldías de Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Cádiz, etc. As vitorias destes renovaron a posibilidade de estar nas xerais de novembro con posibilidades. Máis aínda, a devandita articulación será decisiva. Por exemplo respecto á débeda. De concertar a súa acción a Rede de Cidades Rebeldes, a insubordinación contra a "débeda ilexítima" pode estenderse a lugares inesperados. A reestruturación da mesma programada dende un executivo afín, podería apoiarse neste substrato combativo intensificándoo.

Pero, que significa gañar? Para que e como? Os novos gobernos municipais comezan a poñer en marcha o seu plan de choque contra a crise tentando evitar os desafiuzamentos

Agora ben, tanto como se falou sobre a "centralidade", fíxose sobre un verbo, "gañar", convertido en consigna. Pero, que significa gañar? Para que e como? Os novos gobernos municipais comezan a poñer en marcha o seu plan de choque contra a crise tentando evitar os desafiuzamentos, atendendo as necesidades máis urxentes das poboacións máis vulnerables, como as alimentarias, o cal é tan importante como insuficiente. O obxectivo non pode limitarse a saír dunha crise, a actual, que non é senón o último avatar doutros 123 estalidos, 123 burbullas identificadas polo propio FMI que lonxe de manifestarse e acoutarse localmente se foron concatenando dende a supresión do patrón-ouro no 1971, coa instauración do sistema internacional de divisas flotantes, o auxe do capitalismo financeiro e a financiarización neoliberal da vida cotiá.

Burbulla de burbullas, a Gran Burbulla segue crecendo aínda hoxe alimentada pola estratexia do quantitative easing da Reserva Federal estadounidense, que inunda o planeta con dólares-débeda explosivos. O futuro non está escrito. Pero non resulta difícil imaxinar novos escenarios críticos no futuro próximo, evidentemente máis virulentos. De volver golpear en España, pouco quedaría do colchón welfarista para amortecela. O reto non é só saír desta crise, senón poñer fin á espiral das últimas décadas refundando a política.

 

2. Sopesar.

Non parece desatinado pensar que sexan outros lugares periféricos os máis susceptibles de converterse en laboratorios da nova política capaces de xerar prototipos replicables

No plano municipal, Madrid e Barcelona non deixarán de ser capitais. Mais, non parece desatinado pensar que sexan outros lugares periféricos os máis susceptibles de converterse en laboratorios da nova política capaces de xerar prototipos replicables. A provincia coruñesa é un destes espazos. As súas tres cidades -Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol- están gobernadas por partidos-instrumentais nacidos dos movementos sociais -especialmente en Coruña- e outras forzas esquerdistas que adoptaron a gramática inspirada polos "indignados". Danse condicións comparativamente favorables. Nas tres cidades gobernan en minoría e serán obxecto dun continuo bloqueo, pero o PSOE depende do apoio das "mareas" para rexer a Deputación coruñesa. Dende o autonómico o Partido Popular podería intentar estrangulalas, pero isto significaría facer o propio coa práctica totalidade das urbes galegas, pois todas, con excepción de Ourense, quedaron para a oposición, e as eleccións autonómicas, a un ano vista, limitan aínda máis as súas manobras. A cuestión da escala tampouco é trivial. Un mesmo conxunto de proxectos pequenos pero innovadores, que en Madrid ou Barcelona serían non só difíciles de implementar, dada a situación institucional, senón que poderían pasar como anecdóticos pola súa magnitude, en escalas urbanas menores serían susceptibles de alcanzar un impacto material e simbólico considerable.

Danse tamén condicións adversas, como a relativa escaseza de cadros e mentes pensantes en comparación con aquelas metrópoles. Ante esta carestía, sumada a inestabilidade institucional e a falta de experiencia no goberno, aos novos gobernantes pódelles tentar actuar cunha prudencia indistinguible do conformismo, e así xestionar o "plan de choque" limitándose, polo demais, a responder a cuestións de mera reforma local. Sen dúbida levarán adiante as súas propostas democratizadoras, en termos de transparencia e participación. E se ben o primeiro quizais chegue para quedar, o segundo esgotarase se a política non cambia de raíz. Isto mesmo aconteceu nun dos municipios da conurbación herculina, Oleiros, aínda gobernado por un partido nacido do movemento municipalista da Transición, cunha estatua do Che Guevara na súa principal avenida e unha democracia participativa en retirada.

Durante os últimos quince anos fóronse limitando as súas competencias e capacidade lexislativa, reforzando os controis das instancias organicamente superiores

O listado de puntos que as mareas teñen no seu contra non remata. A constante perda de autonomía municipal en España é un deles. Durante os últimos quince anos fóronse limitando as súas competencias e capacidade lexislativa, reforzando os controis das instancias organicamente superiores. Para reverter esta tendencia, para lanzar un Proceso Constituínte do municipal, hai que chegar á administración central. Para asegurar o cambio os municipalistas deben ter representación no Congreso e o Senado, propoñendo os seus propios representantes nas circunscricións provinciais. Aínda con todo, é moito o que ata entón se pode facer cos activos humanos que xa contan as cidades galegas, e cos que poden chegar de fóra inspirados por unha experiencia innovadora.


3. Instituír o común.

Non se trata só de recuperar o público con remunicipalizacións que avalen un aumento do gasto social mediante distintos subsidios, senón de crear tamén e facer crecer unha nova economía, distinta a aquelas outras economías propietarias, públicas ou privadas

Politicamente quizais o fundamental neste clúster de cidades atlánticas pase polo concernente a un cambio da "matriz económica", que non só produtiva. É aí onde, precisamente, a democratización, en termos de participación, pode botar raíces. Non se trata só de recuperar o público con remunicipalizacións que avalen un aumento do gasto social mediante distintos subsidios, senón de crear tamén e facer crecer unha nova economía, distinta a aquelas outras economías propietarias, públicas ou privadas.

O paradigma que vén desenvolvéndose dende inicios dos anos 1990 chámase "pro-común. Neste a distinción entre produtor, distribuidor e consumidor, xestor do recurso e mero usuario complícase ou mesmo implosiona, dándolle as súas institucións un novo sentido á participación política. Por exemplo, a Cidade dos Comúns podería dotarse, como noutros lugares existe xa, de bancos de tempo e moedas municipais e intermunicipais. Redes e circuítos autónomos. Un fluxo alleo á especulación de divisas co que fomentar a alianza de Cidades Rebeldes e o circulación económica dos viveiros de empresarialidad peer-to-peer e copy left -isto é, pro-común- que dende o asociacionismo e os gobernos se impulse.

As distintas institucións da economía do común poderían encontrarse espacialmente en centros cívicos convertidos en ágoras polivalentes contenedoras das instancias deliberativas descentralizadas -orzamentos participativos, etc. Deste modo unha mesma plataforma para democratizar e aproveitar e poñer en valor monetario a creatividade social convértese en insignia, dándolle a volta ás tres cidades neoliberais; a saber: a Smart City do control tecnolóxico, a Cidade Creativa do capitalismo cognitivo e a Cidade-Marca do modelo neoliberal dos territorios en competencia, todas elas alimentadas polo petróleo da débeda.

O pro-común incita a devandita mobilización. Constitúe un suxeito político

O reto pasa por unha transformación da matriz económica onde un dos seus compoñentes, o pro-común, se expanda colonizando os espazos do público e o privado. Pero o propio crecemento desta economía implica abrir as portas a unha sociedade mobilizada, participativa política e economicamente. O pro-común incita a devandita mobilización. Constitúe un suxeito político. Sobra dicir que sen o poder constituínte do movemento, creando as súas propias institucións e opoñéndose e refreando a acción antagonista dos poderes fácticos, non se poderá avanzar moito nas políticas sociais nin se crear os laboratorios que xeren os prototipos do cambio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.