A austeridade é unha merda

Mario Draghi non peregrinou a Compostela con Angela Merkel e Mariano Rajoy para comer queixo e pementos de Padrón. Se cadra por iso tivo unha revelación e lanzouse a encher de diñeiro os mercados europeos. Mentres Angela e Mariano bailaban a muiñeira da recuperación sobre as súas raíces vigorosas, SúperMario facía de "Mini eu" e pasaba ao bando dos traidores que pensan que estamos a recortar por riba das nosas posibilidades.

Cantos máis millóns pretendes gañar, máis austeridade debes predicar

O renacido MiniMario empezou a achegarse ao coro de alarmistas que sempre sostivemos que o problema está na demanda, o emprego é a clave, a estanflación non é unha lenda urbana e a austeridade é unha merda moralista que só serve para xustificar o infrinxir dor a millóns en beneficio duns centos de privilexiados para quen non rexen as súas leis. A economía trata da administración dos recursos escasos. Cantos máis millóns pretendes gañar, máis austeridade debes predicar. Canto máis deveces subir o soldo, máis deberás baixárllelo aos demais.

O problema é o gasto, pero a falta de gasto, non o exceso

A propaganda oficial repite que tras un lustro de exitosa austeridade, agora que podemos, Draghi aprobou un paquete de medidas de impulso económico baixando tipos e comprando débeda. Tamén vai penalizar os bancos por gañar miles de millóns pedindo diñeiro barato ao BCE e prestándoo aos estados con intereses de usureiro. Noutras palabras, o problema é o gasto, pero a falta de gasto, non o exceso, e sempre houbo diñeiro e riqueza a fartar, pero dedícase á especulación porque o sufrimento sae máis rendible que dar crédito e fabricar coches ou televisores ou construír hospitais e estradas.

Con esa hipocrisía diplomática imprescindible para chegar tan alto, o gobernador do BCE confirmou coas súas decisións que todo aquilo que nos dicían que debiamos facer e estabamos a facer tan ben, está mal e agora van facer todo o contrario sen recoñecer sequera que o sabían e fixérono só porque era bo para os negocios.

os torturadores empezan a darse conta de que xa non se pode torturar máis o preso sen matalo

Tamén a OCDE acaba de admitir que non se pode seguir baixando máis os salarios porque non vai quedar case ninguén a quen venderlle todas esas cousas que producimos tan baratas. Que Amancio Ortega ou Emilio Botín sexan cada vez máis ricos causa nulo impacto sobre a demanda e tampouco xera máis crecemento.

Non é que estivesen equivocados todos estes anos e agora se decatasen do seu erro. Máis ben os torturadores empezan a darse conta de que xa non se pode torturar máis o preso sen matalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.