A banca segura e fiable

CC-BY-SA Praza Pública

A historia recente da banca a ámbolos dous lados do Atlántico é a historia dun esfarelamento provocado e, ao tempo, previsible. Non é que a historia anterior fora modélica pero si é certo que dende que se aprobara a derogación da Lei Glass Steagall (durante o segundo mandado de Bill Clinton. 12 de novembro de 1999), que supuxo a definitiva desregulación do sistema financeiro (desapareceu a diferenza entre banca comercial e banca de investimento), os aspectos mais escuros e, incluso, sinistros das operacións financeiras pasaron a ocupar un lugar preferente nos negocios bancarios e a dominar a economía do mundo. 

Unha economía mundial marcada pola financiarización, pola hexemonía do capital financeiro (bancos, fondos de investimento, etc.). Un capital no que os bancos grazas a liberalización financeira e o segredo bancario convertéronse nunhas institucións que mudaron totalmente a orientación dos seus negocios. Non menos favorecedor dese cambio foi que os gobernos occidentais pasaron a considerar o control estrito da inflación como un dos obxectivos prioritarios. Un obxectivo que leva a que a inflación se manteña en niveis moi baixos, incluso negativos. Valores que inciden no negocio bancario tradicional con menores ganancias por menores diferenciais no tipo de xuro, pero que favorecen que a banca, agora liberada das limitacións que impoñía a citada Lei Glass Steagall, prime nas súas operacións as de carácter especulativo por proporcionarlle maiores ganancias e a mais curto prazo. Unha preferencia que leva a que se multipliquen tanto os produtos financeiros como as operacións de carácter especulativo. Unha multiplicación que supón que se dispare o risco que tales operacións agochan e se multipliquen os afectados como nos mostrou a grande recesión última. 

Así, hai continuas evidencias de que, por caso, a grande banca europea nin é segura nin é fiable. Nas derradeiras décadas tivo lugar en Europa un fortísimo proceso de concentración bancaria tal que algúns grandes bancos teñen un volume de activos superior ao PIB do seu propio estado de orixe. Así si nos fixamos nos 10 maiores (HSBC Holdings, BNP Paribas, Credit Agricole Group, Deutsche Bank, Banco Santander, Barclays PLC, Societe Generale, Groupe BPCE, Lloyds Banking Group e ING Group) posúen en conxunto mais de 17 billóns de dólares en activos, estando todos eles por riba de 1 billón de dólares. Si fai pouco mais dunha década ningún banco tiña un volume de activos superior ao PIB do seu país agora os dez bancos anteriormente citados superan xuntos (17 billóns de euros) o PIB da Unión Europea (15,4 billóns) e, no caso español, o Banco Santander con 1,7 billóns de euros en activos supera o PIB estatal (1,2 billóns). Un patrimonio que se acompaña cunha crecente cota do mercado bancario que nalgúns estados europeos chega ao 75%, podéndose dicir que os 20 bancos europeos mais grandes controlan mais do 50% do mercado europeo. Contra toda lóxica durante a grande recesión o balance dos grandes bancos non diminuíu senón que aumentou: non houbo, como nos aseguraron, nin limpeza de activos nin cura de adelgazamento 

Unha situación que agocha enormes riscos. Riscos derivados das malas prácticas bancarias destes xigantes das finanzas. Malas prácticas que, como comprobamos os/as galegos/as, foron copiadas tamén por algunhas caixas de aforros e pequenos bancos que deixaron de ser fiables e seguras/os. Malas prácticas que, a pesares da grande crise financeira, séguense aplicando hoxe en día

Malas prácticas plasmadas, por caso, no elevadísimo apalancamento destes grandes bancos facilitado pola falta de control das autoridades nacionais e internacionais e unha lexislación neoliberal (acordos de Basilea) que lles permite xogar co rateo fondos propios/activos. Un apalancamento que se orixina na debilidade duns fondos propios que leva a que os bancos recorran de xeito crecente ao endebedamento para financiar as súas actividades. Unha situación que a pesar da súa relevancia na crise do 2008 non cambiou: todo sigue igual. Recentemente as autoridades comunitarias veñen de fixar un solo do 3% -o que permite un apalancamento de 33 veces- que pode parecer relevante pero dada a liberdade que teñen os grandes bancos tanto para fixalos valores e a categoría dos seus activos (por caso determinados títulos de débeda que poden ser considerados como fondos propios) como para sacalos dos balances (por caso os prestamos a particulares) este rateo non impedirá que continúe o apalancamento crecente dos mesmos e, xa que logo, medren os riscos e os efectos dunha creba. De feito fontes do BCE aseguran que os grandes bancos europeos seguen recorrendo ao apalancamento como antes da crise e a grande recesión: “o apalancamento segue ao mesmo ritmo” (J-C. Trichet, expresidente do BCE). As crecentes alarmas sobre a situación do xigante europeo Deutsche Bank así o evidencian: segundo fontes do sector o seu altísimo grado de apalancamento (50%), xunto a unha impresionante colección de activos tóxicos, o sitúan como un dos principais riscos sistémicos da económica europea na que podería provocar unha crise semellante a que provocou a caída de Lehman Brothers na economía mundial. 

Malas prácticas, facilitadas pola liberalización financeira, como por caso que os grandes bancos europeos atenden cada vez menos a financiar o sector produtivo ou a prestar as familias, para investir en operacións especulativas de altos risco alimentando así burbullas que ameazan con explotar en calquera momento provocando novas e maiores recesións. Na grande banca europea os créditos concedidos a familias e a empresas (non financeiras) é unha parte cada vez mais irrelevante nos activos: entre un 10 e un 20% como máximo. Isto rateo indica que estes grandes bancos privilexian as actividades especulativas sobre as produtivas. Unhas actividades especulativas que, dado o segredo bancario, son cada vez mais opacas e tamén de maior risco (algúns produtos estruturados, por caso os MBS ligados a burbulla inmobiliaria, son auténticas bombas de reloxería). Si temos en conta que, dado o elevadísimo nivel de apalancamento destes grandes bancos, unha mínima perda do valor dos seus activos (por caso, 4%) pode provocar a bancarrota quen pode garantir que, dado o carácter altamente especulativo de moitos destes activos, tal perda non se vai a producir?, que pasou no 2008?. E dada a dimensión que acadaron estes xigantes bancarios, e a súa interconexión, que pasa si un cae en bancarrota?. Repito: que pasou fai 10 anos?.

Pero irmáns, irmáns galegos, non vos preocupedes. Nesta Galiza feliz, que tan ben reflicte a telegaita, non hai risco de crises financeiras. A banca en Galicia é segura e fiable. Sempre o foi. Velaí, por caso, a experiencia recente tanto das vellas caixas de aforro (CaixaNova e Caixa Galicia) como do conxunto do sistema bancario galego (Bancos Pastor, Gallego, Etchebarría…). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.