A bancocracia, a ditadura dos bancos

Instalacións do Silicon Valley Bank CC-BY-NC Alpha Photo

"Mentres o discurso oficial dos banqueiros e dos gobernos afirma que os bancos", logo da crise bancaria do 2008- "procederon a unha limpeza dos seus activos e a unha apropiada cura de adelgazamento, eso no é o que pasa na realidade" (ERIC TOUSSAINT: "Bancocracia")
 

O risco que pode supor a crise do Silicon Valley Bank (SVB) dependerá de se as startups son ou non a punta do iceberg de algo mais grande e amplo tal que desate a desconfianza dos investidores provocando un colapso dos mercados financeiros de consecuencias devastadoras para o Sistema Financeiro Internacional. Algo que, coñecendo o funcionamento dos grandes bancos nos se debera descartar dada a fraxilidade dun sistema creado no marco e ao amparo da globalización neoliberal.

Experiencias anteriores como sucedeu co "caso Madoff" ensinan que o que inicialmente parece anecdótico pode chegar a converterse en estrutural dados os problemas sistémicos da banca internacional que se manteñen actualmente sen grandes cambios polo que non cabe descartar nada, diga o que diga o Presidente dos Estados Unidos o señor Biden, que apenas se diferencia do que no seu día dixera o que daquela era seu Presidente, o señor Barak Obama cando estoupou a crise bancaria xa coñecida (2008)

Por que estas crises serven para poñer de novo en evidencia que todas aquelas declaracións altisonantes que se fixeran na primeira xuntanza do G.20 -2,3 abril de 2009- que seguiu a crise bancaria de 2008 relativas a regulación, a transparencia e o control dos mercados financeiros, todas ou case todas se fixeron cara a galería. Realmente os cambios foron tan mínimos que se pode dicir con total seguridade que estamos na mesma situación de desregulación e falta de transparencia que cando a crise anterior. Incluso nos podemos preguntar: volverán as operacións públicas de salvamento?.

Esta falta de control e transparencia é a que posibilita que se den casos como este do SVB e que non se poida asegurar que non se vai repetir noutras entidades bancarias. O SVB era o banco das startup -empresas especializadas en novas tecnoloxías que tiñan os seus depósitos e recibían prestamos do citado banco- que a cabalo de auxe deste sector e aproveitando a abondosa liquidez posta a súa disposición, tanto polos bancos a tipos de xuro moi baixos, incluso negativos, como polos fondos especulativos que vían no sector un nicho de enormes ganancias, medraran como setas nos Estados Unidos -en tres anos pasaron de 5.700 a 10.700-. 

Pode chamar a atención o comportamento do SVB polos riscos asumidos durante todos estes anos pois se sabia que, por caso, a valoración en Bolsa das startups estaba inflada -unicornios chamaban as que superaban o valor dos 1.000 millóns de dólares-. O SIB concedía prestamos a estas empresas en condicións de elevado risco como posteriormente se puxo en evidencia cando as startup empezaron a ter perdas debidas as caídas nas vendas -a burbulla estourou como sucede con tódalas burbullas-. Unhas perdas que farían caer o valor das accións -deica un 40%- dificultando aínda mais a obtención de prestamos -que xa se vira en apuros polas subas nos tipos de xuro- que intentaron superar coa venta de valores pero sen que puideran evitar que moitas startups pecharan -2.000 nos dous últimos anos-.

Esta crise das startups arrastrou consigo ao SVB que empezou a ter grandes problemas financeiros, agravados pola preferencia pola enxeneiría bancaria que provocaron unha situación explosiva. Por si isto non fora suficiente o SVB tamén sería unha vítima mais da nova política monetaria da Reserva Federal pois tiña un volume nada desprezable de diñeiro -mais do 50% do valor dos activos- investido en bonos do tesouro que coa suba dos tipos de xuro caeron de valor. Para rematar a faena os grandes fondos especulativos que investiran no negocio das novas tecnoloxías e tiñan os fondos depositados no SVB empezaron a retirar o seu diñeiro na procura de nichos mais seguros. Todo isto levou a un completa falta de liquidez e a correspondente imposibilidade do banco para facer fronte as súas obrigas. Unha situación que intentou superar vendendo accións a baixo prezo o que provocou o pánico entre os seus clientes que empezaron a retirar os seus diñeiros hasta tal nivel que se tivo que parar a venta de accións. O banco SVB colapsou e, como estamos vendo, arrastrou a outros bancos consigo. 

O SVB pode ser un caso illado pero na actualidade non parece seren ó único banco que rexistre perdas e, como dicía ao principio, o que parece anecdótico pode converterse en estrutural dada a falta de regulación do sistema bancario que permite uns moi elevados niveis de apalancamento -endebedarse mais para gañar mais- tal que os bancos si fora necesario non estarían en condicións de devolverlle todo o diñeiro aos seus clientes. Por outra parte seguen con prácticas de altísimo risco de carácter especulativo que non constan nos balances -actividades fora de balance- pero que se ven favorecidas pola falta de regulación bancaria, teñen creado o que se chama banca na sombra -shadow banking- co que eluden as lexislacións nacionais e internacionais e manteñen entre os seus activos montañas do que se chaman produtos estruturados -títulos de moi alto risco pero con unha rendibilidade moi superior ao resto- que son auténticas bombas de reloxería (ERIC TOUSSAINT: "Bancocracia").

Este comportamento, que é común a tódolos bancos, supón que os riscos dunha crise bancaria sexan permanentes. Crises que dada o seu enorme poder económico se converten en crises sistémicas pero que os bancos non dubidan en correr pois saben, como agora sucede con Silicon Valley Bank (SVB), Signatura Bank (SB), Credit Suisse (CS)..... e os que veñan detrás que, si fora preciso, os gobernos acudirán ao seu rescate sen importar o custe. Tal e o seu poder político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.