A batalla de Madrid

Se se confirma a tendencia que reflicte unha enquisa recente, que o PP perde a súa maioría absoluta na comunidade de Madrid, algo importante pode ocorrer na vida social e a política española. Madrid non ten soamente unha dimensión local, a que afecta os seus veciños, senón que ten unha dimensión estatal, neste momento a moitísimos efectos Madrid é España e España é Madrid.

Se se confirma a tendencia que reflicte unha enquisa recente, que o PP perde a súa maioría absoluta na comunidade de Madrid, algo importante pode ocorrer na vida social e a política española

Desde os anos oitenta percibín que Madrid protagonizaría a nova época tras a restauración democrática e preocupábame o modo en que afectaría á construción en marcha do Estado. Como son ousado e pesado, para que imos negalo, é un tema sobre o que escribín ao longo de tres décadas. Constato que neste momento practicamente todo o poder financeiro, mediático e, loxicamente, político reside aí e que os intereses deses poderes definen as políticas económicas e sociais en marcha. E é evidente que os dous partidos estatais maioritarios gobernaron con distintos matices en distintas épocas pero, visto que o proceso de acumulación de poder foi un proceso regular e constante desde os anos oitenta, parece evidente tamén que ambos os partidos coincidiron de fondo na visión do Estado e o papel da capital.

Toda burguesía é o que é, clasista, depredadora e voraz, aínda que cada unha teña os seus trazos característicos

Madrid é unha cidade que creceu vertixinosamente, sextuplicou a súa poboación ao longo do século XX, cun forte estirón na súa segunda metade, e por ser tan nova é fráxil e complexa. A cidade corte orixinal retratárona moi ben Galdós e Valle pero é en L de Baroja, La colmena de Cela, El Jarama de Ferlosio, Tiempo de silencio de Fernández Santos, La caída de Madrid de Rafael Chirbes, Romanticismo de Manuel Longares..., onde atopo un retrato verídico dunha cidade chea de ansiedade, de dor e cunha clase dirixente incriblemente reaccionaria e inculta.

Toda burguesía é o que é, clasista, depredadora e voraz, aínda que cada unha teña os seus trazos característicos; a burguesía madrileña naceu cortesá e segue séndoo, aliméntase do Estado, e formouse con arribistas chegados á corte de todos lados e con todos os acentos, adventicios que celebran os seus ritos de iniciación castiza fumando un puro nos touros e sentando no palco do Bernabéu. Aínda que pareza incrible, non son tópicos, son ritos formais. É esa clase social a que conformou a ideoloxía do Estado e, por extenso, da poboación española. Unha burguesía que maltratou os veciños da cidade, non fixo caso da nova inmigración que chegaba e había que atender e integrar nun proxecto cívico, devorou o territorio, acabou con predios e transformou ese punto rodeado sen carga no mapa nun buraco que absorbe os recursos do estado. O Madrid desa burguesía é un ávido buraco, cidade Bankia.

Unha burguesía que maltratou os veciños da cidade, non fixo caso da nova inmigración que chegaba e había que atender e integrar nun proxecto cívico, devorou o territorio

É ese grupo social o que, primeiro, condicionou o proceso político iniciado en 1978 e, finalmente, e xa dun modo ostensible até a obscenidade, conduciuno até aquí. Até o baleirado das posibilidades democráticas que tiña unha Constitución que, aínda que nacera xa limitada, ofrecía un campo de xogo común. É esa burguesía a responsable de que España hoxe sexa como é e estea como estea.

É ese grupo social o que, primeiro, condicionou o proceso político iniciado en 1978 e, finalmente, e xa dun modo ostensible até a obscenidade, conduciuno até aquí

Pero non hai nada que sexa eterno, aínda que a medida humana poida facer que o vivamos como perpetuo, e ese poder estase erosionando. Aínda que sexa algo fortuíto, a imaxe de Esperanza Aguirre atropelando un municipal, fuxindo e mentindo descaradamente, aínda que o xuíz o considere falta é a imaxe dunha delincuente, algo impensable hai un par de anos. Polo medio ocorreron moitas cousas, desde as vergoñas ao aire de Caixa Madrid até a heroica loita dos sanitarios madrileños que venceron limpamente, aínda que con gran sufrimento, a esa política sanitaria de lerchas.

O espazo da política cortesá é tan promiscuo que contamina a todos, ninguén parece escapar do abrazo dun único poder asfixiante

A citada enquisa, aínda que apunta a ese retroceso do PP reflicte tamén o forte dominio ideolóxico da dereita e de que modo mantén suxeito o poder. Por unha banda mostra un Partido Socialista perpetuamente incapaz de ofrecer unha verdadeira alternativa política e ser visto como unha rexeneración; os episodios ao redor de Caixa Madrid mostran unha simbiose entre uns e outros que chega a alcanzar a sindicatos e a IU. O espazo da política cortesá é tan promiscuo que contamina a todos, ninguén parece escapar do abrazo dun único poder asfixiante. E, doutra banda, mostra como as interpretacións da realidade que fan os políticos e os medios de comunicación da dereita, practicamente todos excepto tres ou catro webs, están asentadas entre a poboación.

A mera debilitación dun poder tan compacto coma o actual do PP, un poder reaccionario herdeiro directamente do franquismo e onde non se distingue o poder político do económico, xa é en si mesma unha mellora democrática

Así as cousas, que o PP goberne con UPyD ou non, non é un cambio tan substancial; basta saber o que conseguiu ese partido en Galicia sen ter representación nin sequera organización, que desaparecese o BNG dos informativos da televisión autonómica. Con todo, sexa o resultado final e os pactos posteriores que sexan, a mera debilitación dun poder tan compacto coma o actual do PP, un poder reaccionario herdeiro directamente do franquismo e onde non se distingue o poder político do económico, xa é en si mesma unha mellora democrática.

Peor non pode ser, digo eu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.