Do “arrimar o ombreiro” ou o “xunto sairemos desta” fomos pasando pouco a pouco a “isto non é unha crise, é unha estafa” ou “esta crise pagámola nós”. Unha linguaxe social que reflicte a cada vez máis clara percepción de que, tras esa pretendida unidade, existe en realidade a clásica división dos que, por unha banda, se enriquecen igual ou máis ca antes e dos que, pola outra, sofren como nunca as consecuencias de tanta avaricia. Unha fractura social que ten no lado negativo, no dos avarentos, a dous grupos claramente identificados: a clase política e o sector financeiro. O empresariado percíbese como unha vítima e isto, sen dúbida, provén da particularidade española de ser o país da UE con maior número de PEMES por habitante.
A iniciativa arredor dos desafiuzamentos procede, precisamente, dos dous grupos identificados do lado dos avarentos
A iniciativa arredor dos desafiuzamentos procede, precisamente, dos dous grupos identificados do lado dos avarentos. Aínda que na linguaxe se comunique agora sobre a necesidade de evitar as inxustizas que todos os días se cometen, nada se dixo nin se fixo antes de que se manifestara esta fractura social. Agora que as cinchas apertan, e quizais a algúns lles comece a doer, é cando se reacciona. Tarde, mal e arrastro.
Aínda que a xustiza ten sentenciado a favor dos clientes vítimas de engano nada se ten proposto para que os responsables de todo isto paguen, e as vítimas deixen de pagar
Con todo, a reacción estratéxica a evitar a consolidación desta fractura social garda unha porta traseira. Aínda que se recoñece a venda de hipotecas en condicións de abuso. Aínda que se recoñece a actuación abusiva da banca respecto aos seus clientes na venda de produtos financeiros. Aínda que a xustiza ten sentenciado a favor dos clientes vítimas de engano nada se ten proposto para que os responsables de todo isto paguen, e as vítimas deixen de pagar. Cando o lóxico é anular o acto de abuso e suspender as débedas, e que os responsables das fraudes asuman a responsabilidade derivada e paguen como corresponde, nada se propón neste sentido. Por que?
Dous anos de cadencia alivian, pero non solucionan nada. Limítanse a pasar o desafiuzamento de mortal a crónico
Dous anos de cadencia alivian, pero non solucionan nada. Limítanse a pasar o desafiuzamento de mortal a crónico. A espada de Damocles pende sobre quen non o merece. Todos os casos de abuso xustificado e demostrable seguirán tendo unha débeda inxusta, e quen os meteron nesta situación seguirán durmindo tranquilos sen pagar polos seus actos. A clase política e o sector financeiro pactarán para que isto sexa así. Quizais para desmobilizar. Quizais para parar a fractura social que máis directamente lles afecta. Quizais para mellorar unha imaxe social que, de seguir caendo en picado como cae, os podería expulsar da lexitimidade social por moito tempo.
A clase política e o sector financeiro pactarán para que isto sexa así. Quizais para desmobilizar. Quizais para parar a fractura social que máis directamente lles afecta
Dentro de dous anos esta bomba de reloxería volverá a estoupar. Se as previsións económicas se cumpren, en 2015 España estará nunha situación moi parecida á actual: terá unha cifra de desemprego similar –as previsións estiman o comezo da creación de emprego neto para 2014 polo que a reversión da situación nos devolvería dentro de tres anos á situación que agora temos; os recortes de déficit e a devolución dos préstamos ou axudas que se pediron e se poden seguir pedindo, posiblemente, empeorarán a calidade de vida de moitos cidadáns, cebándose en quen en peor situación está. Como se espera que xestionen as familias durante estes dous anos a súa situación, se as propias previsións do goberno din que estaremos daquela igual ou peor ca agora?
A bomba de reloxería estoupará e volveremos ao punto de partida
España afronta os problemas como Grecia: no canto de amañalos no momento os converte en bombas de reloxería aprazando a súa solución, ou as consecuencias do problema (agravadas no tempo, claro), cara ao futuro. A burbulla inmobiliaria xurdiu precisamente así. Moitos outros problemas esperan solución do mesmo xeito. Un país que non sabe amañar os seus problemas é un país morto e sen futuro.
A bomba de reloxería estoupará e volveremos ao punto de partida. O problema seguirá aí e, posiblemente, volveremos a reprogramar a bomba esperando que o problema se amañe, ou se esqueza ou dilúa a súa importancia para que deixe de afectar tanto como afecta á clase política e ao sector financeiro. Se os que toman estas medidas son os que pretenden sacarnos da crise, apañados estamos.