Cando se escoita falar de eleccións en Galicia hai que buscar a cacicada que fará Feijoo. Se miramos os datos dos programas de cooperación veremos por onde vai. En pleno proceso electoral, o mesmo día en que Feijoo anunciaba a convocatoria de eleccións para o 25 de setembro, sae no DOG unha orde para que os concellos contraten unhas 900 persoas paradas. Pero non todos os concellos, soamente os concellos de menos de dez mil habitantes. ¿É o número de habitantes un criterio para discriminar nunha política de emprego?
O mesmo día en que Feijóo anunciaba a convocatoria de eleccións, sae no DOG unha orde para que os concellos contraten unhas 900 persoas paradas. Pero non todos os concellos, só os de menos de 10.000 habitantes
Se miramos a relación entre a poboación en idade de traballar, de 16 a 64 anos, e as persoas paradas, esta é relativamente similar nuns concellos e noutros. Nos menores de dez mil habitantes hai 12,4 demandantes parados por cada cen habitantes desa idade e nos de máis desa cifra, hai 13,9 demandantes. O tempo en paro tamén é moi similar. Hai un 48,5% de parados de máis dun ano nuns, por un 47,9% nos outros. O número de habitantes non ten que ver co paro.
Se o que se pretende é fixar a poboación en idade de traballar ou de deter a perda de poboación, hai outros índices, elaborados tamén polo Instituto Galego de Estatística, que poden permitir unha distribución máis acorde cos obxectivos. Dos trece concellos que tiveron aumento de poboación dende 2010, once teñen menos de dez mil habitantes e se miramos dende o 2000 dos 59 que tiveron crecemento, 37 son tamén menores.
Dos 258 concellos que, segundo o IGE, teñen menos de 10.000 habitantes, 150 están gobernados polo PP. Esa é a única razón pola que só vaian ter contratacións os concellos de menos de 10.000 habitantes
¿Onde está o elemento máis distintivo entre uns concellos e outros? Ese elemento é o seu comportamento electoral. O PP goberna no 52,5% dos concellos de Galicia pero sobre o 28,7% da poboación. Dos 258 concellos que, segundo o IGE, teñen menos de 10.000 habitantes, 150 están gobernados polo PP. Esa é a única razón pola que soamente vaian ter contratacións os concellos de menos de dez mil habitantes. Hai 60.783 persoas paradas que poden optar a ter un contrato de seis meses e 172.664 que son discriminadas e non terán opción.
Hai 60.783 persoas paradas que poden optar a ter un contrato de seis meses e 172.664 que son discriminadas e non terán opción
Esta razón tamén ten que ver co sistema de repartición. Feijóo anunciou que se farían uns 900 contratos. Se miramos como se vai facer esa repartición, cada concello terá dous contratos e, posteriormente, irase repartindo sucesivamente en orde de poboación de menor a maior. É dicir, que os concellos con menos de 2.500 habitantes levarán o financiamento para catro contratos e os demais, tres. Os concellos gobernados polo PP poderán levar uns 532 contratos, o 58,8% do total, cando no territorio no que gobernan están o 26,5% das persoas paradas.
O prazo de solicitude rematou o día 1 de setembro e o sistema de reparto é de concorrencia non competitiva. Se apuran as Xefaturas Territoriais de emprego, poderían estar xa saíndo as resolucións aprobatorias e nesta semana ter as ofertas de parados presentadas. As oficinas de emprego mandarían as cartas a casa e máis de 5.000 votantes recibirán, á vez que a papeleta do censo, unha citación para que acuda un día, despois do 25 mellor porque así non hai frustracións, para que participe nunha oferta de emprego para un contrato de seis meses a tempo completo que lle pode supor, ademais, un subsidio de 6 ou 21 meses, segundo teña ou non cargas familiares.
Esta é unha das cacicadas de Feijoo para estas eleccións. Hoxe aparece na prensa que se vai decidir a maioría por 4.700 votos e citará a cinco mil parados para unha oferta. Feijoo cos cartos que recibe do Estado para todos os parados pretende atraer o voto de soamente os de concellos de menos de dez mil habitantes. Pretende garantirse os votos que pode necesitar. Os demais parados, os que non son deses concellos, deberían, cando menos, votar a outra opción diferente ao PP porque lles discriminou. E os dos concellos de menos de dez mil habitantes tamén, por dignidade, porque Feijoo durante catro anos lles privou destas medidas.
Por se todo isto non fose suficiente cacicada, hai que valorar algunha máis. En 2009, o goberno de Touriño deixou unha partida de fondos propios da Xunta para que os concellos puidesen contratar persoas paradas de 8,5 millóns de euros. Feijóo suprimiuna. No Estado hai uns fondos que se transfiren ás comunidades, para que os concellos poidan contratar demandantes. Nos orzamentos da Xunta en 2011, último ano do goberno de Zapatero, aparecían 50 millóns como transferencias, este ano, con Rajoy, soamente 1,3 millóns.
O PP recortou o programa de contratación das persoas paradas e o reduciu nun 88%. Agora, sen orzamento e tendo que facer unha ampliación de crédito, lémbrase que hai unha medida consistente na contratación de persoas paradas por concellos
Se o PP mantivera o mesmo esforzo para financiar a contratación de demandantes parados polos concellos galegos, habería 59 millóns de euros e poderían facerse 7.647 contratos, en vez dos 900 desta orde que conta con financiamento de 6,9 millóns de euros. O PP recortou o programa de contratación das persoas paradas e o reduciu nun 88%. Agora, sen orzamento e tendo que facer unha ampliación de crédito, lémbrase que hai unha medida consistente na contratación de persoas paradas por concellos e, despois de tela catro anos conxelada, a recupera o día que convoca as eleccións para que podan ser beneficiarios fundamentalmente os parados dos concellos onde goberna o PP. Se isto non é unha cacicada…