A capitulación de Rajoy

A vice oficial negaba enfaticamente, canda o ministro Soria, a evidencia de que o Goberno pediría na tarde o rescate financeiro. Coincidían co xornal de Pedro J Ramirez, que non so rexeitaba no seu editorial do sábado a inminencia da solicitude do rescate, senón que acusaba a xornalistas e políticos europeos  de tecer rumores, contra a evidencia dun Eurogrupo convocado de urxencia para as 16 horas por videoconferencia que, evidentemente, non se ía xuntar para falar da Eurocopa de fútbol.

A iniciativa do pedimento de rescate non foi española, senón do Eurogrupo

A iniciativa do pedimento de rescate non foi española, senón do Eurogrupo. O Goberno Rajoy apostaba, antes da crise de Bankia, polos instrumentos aprobados en febreiro e abril ( R.D. 2 e 18/2012) e pola poxa das entidades participadas polo FROB. Despois de descubrir a catástrofe Bankia barallou a posibilidade de financiala con débeda pública até que a falla de recursos do FROB fixo evidente que habería que pedir o rescate financeiro. Mais Guindos e Rajoy querían agardar a que fose inevitábel en termos de caixa. Porén o Eurogrupo impúxolle ao Estado español o pedimento inmediato dos fondos, co obxecto de previr as consecuencias para o euro da conxunción entre o posíbel trunfo electoral de Syriza na Grecia e a imposibilidade española de se financiar a xeito.

Faltan a verdade Rajoy e Guindos cando din que o crédito ás entidades financeiras vai ser incondicionado en termos macroeconómicos e fiscais

Faltan a verdade Rajoy e Guindos cando din que o crédito ás entidades financeiras vai ser incondicionado en termos macroeconómicos e fiscais. Pode que Rajoy non saiba ler inglés, pero o comunicado é inequívoco: o Eurogrupo confía que España intensifique o control do seu déficit e desequilibrios macroeconómicos e continúe nas súas reformas fiscais, laborais e estruturais e vixiara de preto para acadar estes obxectivos xa no vindeiro semestre.

Por que este engano, srs. Rajoy e de Guindos? Se con ler en inglés na paxina web da Comisión Europea somos quen a  descubrilo. Somos menores de idade, por acaso?


A arrincadeira: NG Banco e as preferentes

A recapitalización xerará novas posibilidades para enfrontar financeiramente as inevitábeis sentenzas e laudos arbitrais futuros a prol dos titulares das preferentes

O rescate financeiro contribuirá a viabilizar o futuro autónomo de NG Banco e moito mais se esta entidade capta, nesta nova conxuntura e antes do 30-S, investidores privados internacionais que afasten mais a nefasta idea da absorción por Bankia. Asemade, a recapitalización xerará novas posibilidades para enfrontar financeiramente as inevitábeis sentenzas e laudos arbitrais futuros a prol dos titulares das preferentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.