Non por ter consecuencias graves na economía esta crise ten unha orixe estrita ou principalmente económica. De feito, se miramos nas causas orixinarias, nas variables que permitiron os excesos cuxas consecuencias económicas padecemos hoxe, veremos que non teñen esa natureza, senón que son de índole principalmente político-institucional: os bancos centrais non fixeron o seu traballo supervisor, as entidades financeiras fomentaron a venda irresponsable e temeraria dos seus produtos –algún deles tras enganar os particulares sobre as consecuencias de contratalo, as institucións lexislativas pecharon os ollos e taparon as bocas ante feitos máis ca coñecidos, mentres as institucións representativas capeaban o temporal dun sistema político construído sobre a base da ambigüidade do café para todos.
Toda esta cadea de irresponsabilidades se deseñou e comezou a actuar xa hai moito tempo atrás
Toda esta cadea de irresponsabilidades se deseñou e comezou a actuar xa hai moito tempo atrás. O carácter cíclico eufórico-depresivo do capitalismo e os efectos críticos do crédito, que tan ben explicou hai máis de un século Rosa Luxemburgo en Reforma ou Revolución, explican parte da varianza desta crise. Pero tamén hai unha parte moi importante da explicación, quizais a maior parte da varianza, atribuíble ás institucións que, coñecendo a teoría, non quixeron poñer en marcha as medidas prácticas que evitasen todo o que hoxe en día se está a desencadear. Permitiuse a desregulamentación ética do sistema financeiro. Permitiuse a desregulamentación ética do sistema político. E sen ética era máis ca previsible, como pasou sempre que o egoísmo voraz paseou libre por aí, a chegada dunha crise como a que estamos a vivir.
Ou cambiamos as bases éticas e políticas, ou nada do que fagamos hoxe poderá valer máis ca para repetir mañá os mesmo erros, con tamén mesmas consecuencias
Na busca de receitas para a saída da crise moito se fala de medidas económicas: rescates, eurobonos, unións económicas e fiscais… O mesmo Felipe González, presidente durante máis de tres lustros e un dos arquitectos da desregulamentación ética que nos trouxo ata aquí, escribe dando receitas financeiras. Pero ninguén fala de quen garantirá que esas medidas se poñan en marcha da mellor forma posible, das novas institucións de goberno e de lexislación e control, imprescindibles para evitar que tanto sufrimento non se traduza, sómente, nun reset do mesmo actual sistema suicida. Ou cambiamos as bases éticas e políticas, ou nada do que fagamos hoxe poderá valer máis ca para repetir mañá os mesmo erros, con tamén mesmas consecuencias.
O debate sobre estas novas institucións representa un acto orixinario do poder cidadán, de decisión sobre que futuro quere(mos) para si/nós mesmos. Sen embargo, o goberno covarde de Mariano Rajoy busca na política comunitaria o balón de osíxeno que lle permita facer cambios estruturais na política española co menor custo político posible. E de paso regalar inopinadamente poder cidadán a institucións comunitarias fóra do control da xente. Un modelo de Europa elitista e opaco, pechado e bunkerizado, que comparte con Felipe González e outra camarilla intelectual interesada en controlar dende os despachos, sen dar explicacións nin informar sobre o que se fai e as súas consecuencias.
O mesmo grupo que ante un acto de decisión capaz de poñer a forzas políticas de renovado impulso ético, como Syriza (Grecia), á fronte do país, son que de ameazar á cidadanía con pestes e inundacións
O mesmo grupo que ante un acto de decisión capaz de poñer a forzas políticas de renovado impulso ético, como Syriza (Grecia), á fronte do país, son que de ameazar á cidadanía con pestes e inundacións. Pero que non fai iso mesmo cando un goberno neonazi se instala en Hungría ou cando os dereitos e liberdades cidadáns son pisoteadas en Polonia. E que pon gobernos en Grecia ou Italia sen ter saído das urnas, porque os seus xefes responden máis e mellor aos seus intereses e ordes.
Así que me permito propoñer, co permiso da audiencia, que o debate político-institucional se superpoña ao económico (ollo, que se superpoña, non que o substitúa). Propoño un novo modelo ético de convivencia para España, capaz de crear institucións eficaces non só no ordeno e mando (goberno), senón tamén no delibero e decido (lexislativo), e no represento e actúo (democrático-representativo). Un novo modelo onde a cidadanía teña información transparente e veraz, onde as institucións teñan responsabilidades éticas e consecuencias xurídicas sobre os seus actos, onde a xente poda participar e achegar valor á reflexión e á decisión pública.
Así que me permito propoñer, co permiso da audiencia, que o debate político-institucional se superpoña ao económico (ollo, que se superpoña, non que o substitúa)
Estou convencido que sairiamos moito mellor desta crise, e tamén moito antes, se comezásemos a casa polos cimentos da convivencia e das regras que nos dotamos para facela posible e non, como nos forza o discurso económico, polo tellado das urxencias. Todo é importante, certamente, pero as cousas que comezan ben e por onde deben son as que mellor rematan.