A RAG na súa introdución das NOMIG, no punto cuarto dos seus principios proclama: “Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental"
A RAG na súa introdución das NOMIG, no punto cuarto dos seus principios proclama: “[...]. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, [...]”; e no terceiro da conclusión: “Valorar a contribución do portugués peninsular e brasileiro, mais excluír solucións que, [...], sexan contrarias á estrutura lingüística do galego. [...]”.
Semella que pouco se pode obxectar a esta preferencia terminolóxica polo portugués pra completar as grandes lagoas de léxico patrimonial que o galego ten como consecuencia da súa ausencia secular como lingua creadora e difusora de cultura e ciencia. Se hai que servirse dun idioma pra usalo como o noso modelo de lingua culta e científica e, por conseguinte, o fornecedor do léxico culto e científico, sen dúbida é o portugués, a nosa lingua xemelga, o máis axeitado.
Daquela, cal é o motivo do gran desaxuste entre o que se defende nas NOMIG e as escollas léxicas de orixe esóxena que podemos consultar no dicionario da RAG? Inda que os exemplos son miríade, velaquí como mostra un cento de tanta disimilitude (gl-pt):
Daquela, cal é o motivo do gran desaxuste entre o que se defende nas NOMIG e as escollas léxicas de orixe esóxena que podemos consultar no dicionario da RAG?
Tonicidade en palabras coa mesma ortografía: afasia – afasia [afasía], aristócrata e aristocracia – aristocrata e aristocracia [aristocracía], biopsia – biopsia [biopsía], caníbal – canibal, cerebro – cérebro, cóndor – condor, demócrata e democracia – democrata e democracia [democracía], diglosia – diglossia [diglosía], Etiopía – Etiópia, fobia – fobia [fobía], imán – íman, imbécil – imbecil, límite – limite, miope – míope, nivel – nível, océano – oceano, pantano – pântano, policía - polícia etc. Mais hai coincidencia fronte ao castelán noutras: acne, aerólito, amálgama, anódino, atmosfera, elite, medula, mísil (pt: míssil), pelicano, petróglifo, réptil, térmite, téxtil etc.
Relacionado co ser humano: avaricia – avareza, casco – capacete, chal – xaile/xale, escote – decote, infarto – enfarte, lentes – óculos, lunar – sinal, nervio – nervo, patilla – suíça, quevedos – lunetas, rabia – raiva, trenza - tranza etc.
Fauna e flora: aguacate – abacate (froito)/abacateiro (árbore), apio – aipo, berenxena – beringela, cacahuete – amendoim, cobra (serpe) – cobra-capelo/naja, espárrago – aspargo/espargo, espinaca – espinafre (m.), mangosta – mangusto/manguço, pomelo – toranja/toronja, remolacha – beterraba, reno – rena, sandía – melância etc. Mais: manga/mangueira (es. mango), papagaio (*loro), tartaruga, tucano.
cousas e actos: alarma – alarme (m.), botella – garrafa, bóveda – abóbada, chincheta – punaise, crema – creme (m.), felpudo – capacho, folga – greve, peaxe – portagem, percorrido e percorrer – percurso e percorrer, piragua – piroga, pila – pilha, silueta – silhueta, teléfono móbil – telefone móvel ou telemóvel, ventilador – ventoinha etc.
Resulta evidente que a RAG fai maioritariamente caso omiso das súas mesmas directrices terminolóxicas, facendo que o secular recurso de recorrer ao castelán pra solucionar as carencias léxicas que a nosa situación diglósica nos impón siga sendo preferente
Países e xentilicios: bonaerense – buenairense, Chad - Chade, Florencia – Florença, Iraq e iraquí – Iraque e iraquiano, Magreb e magrebí – Magrebe e magrebino, marroquí (e Marrocos) – marroquino (e Marrocos), Nova York e neoiorquino – Nova Iorque e nova-iorquino, Turkmenistán e turkmeno – Turquemenistão e turquemeno, Venecia – Veneza, venezolano (e Venezuela) – venezuelano (e Venezuela), xitano – cigano etc. Mais: afgán (pt: afegão), chinés/chino (pt: chinês), iraniano (pt: iraniano), noruegués (pt: norueguês).
Profesións e deporte: científico (s./adx.) – cientista (s.) e científico (adx.), concelleiro – vereador, conferenciante – conferencista, deporte – desporto/desporte,, diplomático (s./adx.) – diplomata (s.) e diplomático (adx.), equipo – equipa/equipe (f.) etc.
Verbos: accionar – agir, arrepentir – arrepender, descender –descer, erosionar – erodir, escindir – cindir, evolucionar – evoluir, extorsionar – extorquir, ilusionar – iludir, rescatar – resgatar etc. Mais: colidir e colisión (pt: colidir e colisão) [en castelán é verbo desusado fronte a “colisionar”].
Xeografía e lugares: acantilado – falésia, arrecife – recife, barrio – bairro, cráter – cratera (f.), escalinata – escadaria, escenario – cenário, meseta – planalto, oficina – escritório, taller – oficina ou atelier, volcán e volcánico (mais: vulcanismo, vulcanoloxía etc.) – vulcão e vulcânico etc. Mais: atol, fiorde.
O inxente volume de léxico castelán ou castelanizado unido á ortografía española adoptada como propia polas NOMIG leva á lóxica consideración do galego como unha mestura de portugués e castelán con algúns trazos particulares no criterio dos lusófonos ou dun dialecto español na despectiva opinión dos españolistas
A teor dos exemplos expostos –abofé unha pequenísima mostra– resulta evidente que a RAG fai maioritariamente caso omiso das súas mesmas directrices terminolóxicas, facendo que o secular recurso de recorrer ao castelán pra solucionar as carencias léxicas que a nosa situación diglósica nos impón siga sendo preferente.
Se alguén na súa defensa argúe que eses castelanismos constitúen o vocabulario real que calquera galegofalante usa na súa cotiandade, obviando na súa argumentación a interferencia que a diglosia provoca, podo demostrar que a reivindicación da fidelidade á fala oral soamente é usada cando hai coincidencia entre o castelanismo e o uso habitual, mais de non darse esta, os usos da fala oral son cualificados como vulgarismos e rexeitados a prol da solución castelá. Por exemplo, no caso do adxectivo “perfeito”, única forma esta rexistrada no galego medieval (V. Tesouro Medieval Informatizado da Lingua galega) e coincidente coa forma estándar portuguesa que é refugada en favor da forma “perfecto”, coincidente coa forma castelá, aínda que no galego oral contemporáneo tampouco exista porque este só emprega dúas pronuncias: con desaparición e simplificación do grupo culto –ct– > –t–: “perfeto”; ou coa vocalización do mesmo creando un ditongo decrecente –ect– > –eut–: “perfeuto”. Xa que logo, a RAG obvía a nosa tradición, a confluencia co portugués e a pronuncia oral pra escoller o mero castelanismo: “perfecto”.
No canto de nos aproveitar da nosa semellanza co portugués pra nos fortalecer e impulsar como lingua, parece que a RAG procura á mantenta a irrelevancia da nosa cultura e a consolidación do galego nun status de “lingua rexional” que sempre será o paso previo cara á extinción lingüística
É discurso frecuente, tanto dos nosos políticos coma da propia RAG, reivindicar a nosa proximidade á lingua portuguesa como un dos grandes valores do noso idioma no mundo actual, mais este pensamento non se corresponde con ningún propósito cara a esa similitude, mais ben ao contrario, as decisións que se van tomando no campo léxico e morfosintáctico van favorecendo a nosa diferenciación co portugués e a aproximación ao castelán.
Se á enorme cantidade de vocabulario que incorporamos dende o castelán, unimos todo aquel que temos asumido como propio por aceptar como nosos certos sufixos e terminacións do castelán en contra dos patrimoniais (–ble por –bel, –ción/–sión por –zón/–són, –ería por –aría ou –eo por –eu), que léxico orixinal nos vai restando?
O inxente volume de léxico castelán ou castelanizado unido á ortografía española adoptada como propia polas NOMIG leva á lóxica consideración do galego como unha mestura de portugués e castelán con algúns trazos particulares no criterio dos lusófonos ou dun dialecto español na despectiva opinión dos españolistas, obviando a súa posición como idioma descendente do galego-portugués que lle corresponde.
Sinceramente coido que no canto de nos aproveitar da nosa semellanza co portugués pra nos fortalecer e impulsar como lingua, parece que a RAG procura á mantenta a irrelevancia da nosa cultura e a consolidación do galego nun status de “lingua rexional” que sempre será o paso previo cara á extinción lingüística.