A Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura da maneira que foi proxectada, merece unha fortísima crítica, cousa que por certo moi poucas institucións e particulares fixemos cando se contrataron e iniciaron as obras, pois xa daquela diciamos que o diñeiro que custaba era mellor investilo no mantemento do noso enorme patrimonio artístico e a incrementar ás axudas culturais. Non se fixo caso, pois había presa en que o noso Presidente daquela, tivera o seu panteón.

Certo que esta non é a única obra megalómana que existe en Galicia e non digamos no resto de España, e aí están os 50 aeroportos dos que sobran 30, ou portos, cun enorme custe, como o de Langosteira ou o exterior de Ferrol, situados a poucos Km. cando con un na ría de Ares, sobraba, etc, etc, etc.

Dito isto, e unha vez construída a Cidade da Cultura na súa maior parte, so queda unha solución: darlle vida, poñela en valor, e xestionala axeitadamente para limitar as súas perdas. Para elo habería que acometer urxentemente algunhas obras, como o acceso a autopista que pasa o lado, e que debería facer o Estado a través de Fomento, de igual forma que fai outros accesos. Isto e básico, pois a entrada que existe é moi complicada para a xente que non sexa de Santiago. E en segundo lugar,  e tendo en conta que esta vai ser unha pequena cidade, tería que dotarse de servizos como restaurantes, para promover a nosa cociña -a gastronomía tamén e cultura-, librerías, quioscos, bares, -promocionar as nosas bebidas é importante-, locais diversos, etc, loxicamente priorizando os espazos para a música en tódalas variedades, teatro, baile, cine, pintura, escultura, audiovisual, artesanía, etc.

O malo é que o Partido Popular que foi o causante deste despropósito, nin ten ideas, nin –o que é máis grave- quere poñer a cultura galega en valor. Unha cultura, por certo, riquísima, e que non se debería centralizar nun punto, aínda que ese lugar, xa que se fixo nel unha enorme inversión, tiña que servir para proxectar e impulsar dende alí, todo o noso patrimonio cultural. 

Todo menos utilizar os edificios para actividades que non teñan que ver coa cultura, pois para iso xa hai moitos edificios caéndose por todas partes, salvo que queiran facer unha especie de Pirámides de Exipto, iso si, sen xente nin turistas, que é como está agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.