A Cidade "da Incultura", e agora que?

É inevitable que @s turistas miren con curiosidade eses edificios en obras que se erixen no alto dunha montaña presidindo Santiago e se pregunten “que hai aí”, pero o realmente anormal é que @s galeg@s sigamos, 12 anos despois de que se presentara o proxecto, preguntándonos o mesmo cada vez que o vemos.

Pero, aínda que seguramente case ninguén nos sabería explicar para que serve a Cidade da Cultura, o certo é que ten moitos valores engadidos. Serviu para chegar a acaparar, con Feijoo como Vicepresidente da Xunta, a metade do orzamento destinado a cultura da nosa Comunidade, para ter bancos que custan 2500€, edificios en cementos que cambiaron seis veces de nome, pedra traída de Brasil. Foi un bonito regalo aos especuladores, aos arquitectos de nomes impronunciables aos que se lles deu un cheque en branco, co único obxectivo de facer un monumento á vaidade e a ostentosidade de Fraga, un proxecto de miles de folios cunha única páxina escrita: “que sexa como queira o arquitecto, pero que sexa grande, que se vexa ben”. É mesmo un canto ao mal gusto, porque alguén diría que esa obra representa á Catedral de Santiago e as rúas do casco vello que levan ata ela? Por favor, que insulto!!

Mentres ás aforas de Santiago se colocaban grúas e se triplicaba o gasto previsto inicialmente ata sobrepasaren os 300 millóns de euros, mentres Fraga e compañía seguían hipnotizad@s mirando cara ao Gaiás, a vida cultural galega agonizaba, ás bibliotecas públicas galegas non chegaban libros novos, moit@s creadores/as emigraban, e @s que decidían quedarse caían irremediablemente nas redes da precariedade.

Agora que se van paralizar as obras de maneira definitiva pola presión dos grupos da oposición, do mundo da cultura e da cidadanía en xeral, agora que Feijoo ten que esconder “as súas vergoñas” debaixo das alfombras porque non é quen de xustificar o inxustificable, cada vez que vexamos eses edificios a medio facer debemos pensar o que fomos e nunca debemos volver ser: o derroche, o exhibicionismo e a fanfarronería. Porque o fin e o cabo a nosa verdadeira autoestima cultural reside nas mentes brillantes d@s creadores/as galeg@s, en facer posible que a cultura estea ao alcance de tod@s, e por suposto en valorar e apreciar a riqueza do noso patrimonio cultural, en atravesar a Praza do Obradoiro sentíndonos orgullos@s e presos da súa beleza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.