Gran novidade! Gran pacto de Estado "contra o xihadismo"! E un dos asinantes di que o asina pero que o vai a recorrer! A política reinante non soluciona problemas, créaos, pero non deixa de sorprender e hai a quen lle divirte.
Ese apertón de mans pretende reafirmar o bipartidismo e dicir que eles son a "España oficial"
O pacto é perfectamente innecesario para o que se reclama, pois o estado xa ten instrumentos para controlar ese terrorismo, outra cousa é a capacidade ou falta dela dos responsables da seguridade, así que hai que entender que a clave está na fotografía de Mariano Rajoy, presidente de Goberno, con Pedro Sánchez, que ocupa o lugar de "xefe da oposición". Noutras palabras, ese apertón de mans pretende reafirmar o bipartidismo e dicir que eles son a "España oficial", son os que están "dentro". Eles son o Estado.
O interese de Rajoy no pacto e a foto é comprensible, lexitima democraticamente un gobernante que esnaquizou o estado de dereito e lexislou a golpe de decreto e maioría absoluta. Dá igual que o seu goberno estea a liquidar a liberdade de expresión e de manifestación, que se estean multando e encarcerando cidadáns por protestar que aí está Sánchez para asinarlle a política que aplica e aplicará o ministro do Interior. Sánchez lexitima non só a Rajoy, tamén ao ministro do Interior, García Díez. Pero non lle chega un pacto e pide máis a este goberno, tamén quere pactar a educación con Wert, tan falto de abrazos. Probablemente pretenda repetir a táctica de Zapatero ante Aznar, ofrecendo pactos a quen non os quería, sen aceptar que a situación histórica é completamente distinta e que Rajoy, despois de todo o que fixo anteriormente, quererá non só pactalo senón abrazalo.
Pedro Sánchez quere deixar claro que pertence á xente responsable, que vive a cuberto na cidade e está familiarizado co palacio
Sen dúbida Sánchez quere deixar claro que el é dos de "dentro", pertence á xente responsable que vive a cuberto na cidadela e está familiarizada co palacio. Por se non queda claro reclama o seu avoengo: "os nosos logros". Refírese aos logros dos gobernos do seu partido desde os anos oitenta. Reclama a lexitimidade que lle dan os seus antepasados e pídelle á cidadanía que non descrea da xente de alta estirpe. Realmente ponlle "a güevo" aos de "Podemos" o argumento da "casta".
Precisamente o domingo Podemos tamén enviou unha mensaxe moi gráfica coa súa masiva concentración na Puerta del Sol de Madrid, alí escenificou un espazo político, "os que están fóra e, ademais, queren entrar na cidadela e tomar o palacio". Non simpatizo con convocatorias puramente partidistas, como era o caso, e tamén receo dos personalismos pero entendo que nunca se conquistou poder desde abaixo conservando as luvas postas e o desembarazo e a avidez deses dirixentes significan que non pretenden simplemente ter un escano senón gobernar España. Van en serio.
Estes dous patricios que pactan e se dan a man conxurándose contra os intrusos tamén temen a chegada dos bárbaros
Roma temía nos seus pesadelos a chegada dos bárbaros, agora eses dous patricios que pactan e se dan a man conxurándose contra os intrusos tamén temen. Tarde piaron, eses ?novos bárbaros? xa entraron na cidadela e parece inevitable que se vaian a sentar no foro, e é posible que, sós ou en compañía, ocupen o palacio. Negar que iso xa ocorreu, que non existen nin cruzaron os muros, é o que pretende vanamente esta dirección socialista, pero volver ao pasado é imposible. O pasado é ese lugar onde habita sen sabelo o ex presidente González, que aparece como un espectro para reclamar continuidade e lealdade a ese pasado, que é seu.
O PSOE está atrapado no seu "día da marmota" e Sánchez dinos que non é posible facer nada e que a única política posible é a que hai
Foi a un goberno socialista ao que caeu enriba a crise financeira nada en Wall Street e o desastre do modelo económico español (e como consecuencia esta crise política que é absurdo ignorar). Non sabemos como actuaría Zapatero nin o partido socialista se no canto de estar nese momento no goberno estivesen na oposición. Se esas circunstancias quizais hoxe tivesen a capacidade de ofrecer algunha resposta, pero non foi así e é evidente que o PSOE está atrapado no seu "día da marmota". O PSOE segue grogui. O que acaba de dicirnos Sánchez é que non é posible facer nada e que a única política posible é a que hai.
Pero o que acaba de ocorrer en Grecia é precisamente o contrario, a demostración de que a política non ten por que ser unicamente obedecer e administrar as ordes. Grecia está a demostrarnos que a política pode servir para parar políticas inxustas, é unha desautorización de Rajoy e o seu leal opositor. Grecia demostra que outra política é posible e déixaos co cu ao aire.
Por que debemos aceptar as políticas que nos danan se é posible facer outras? Porque si? Por que cren que merecen o voto, porque lles debemos algo? Alguén sabe algún outro motivo?