A clave é a forza do partido

Última semana de campaña. Poucos días para que se abran as urnas. O temor dos partidos crece porque, como había moito tempo, a mobilización de votantes indecisos será un aspecto clave para o resultado. Isto acontece nun clima social onde todos os partidos tradicionais teñen unha tendencia á baixa, mentres forzas de polarización como AGE ou SCyD conseguen callar nos electorados de esquerda e dereita, respectivamente. A cifra de participación será  a primeira pista para saber se hai movementos na base sociopolítica de Galicia. Pero aínda así, quedará a resposta a unha pregunta fundamental: que tipo de electores se moven e en que sentido?

Como tal resposta aínda non se pode dar –a responderemos unha vez que se conten os votos, agora mesmo só podemos analizar as claves para a mobilización deses votantes. Claves que comezan a desvelarse no tipo de votantes que os partidos van mobilizar e que son, fundamentalmente, de dous tipos: os fieis votantes de un partido en todas as eleccións (leais) e aqueles que votan a formacións diferentes ou mesmo non votan segundo cal sexa a elección e o seu contexto (switchers). Para mobilizar aos primeiros resulta fundamental unha estrutura partidista altamente institucionalizada –aquí o PPdeG amosa unha vantaxe clara, mentres para mobilizar aos segundos convén establecer unha relación de confianza baseada ben no candidato ben nas propostas ben na acción política –aquí os partidos tradicionais teñen unha das súas principais debilidades esta campaña.

Podemos afirmar que mentres para AGE a figura de Beiras será relevante para os seus resultados, en todos os demais partidos a principal clave competitiva está na fortaleza das súas respectivas organizacións partidistas

Dende hai varios meses levamos vendo como a campaña xiraba sobre a crítica ao PP, e mesmo nos debates ou nas principais mensaxes electorais primou máis a crítica á xestión popular do que as propostas de medidas propias. Por outra banda, a valoración dos líderes resulta consonte cun clima social que, segundo o CIS, acada taxas récord na historia da democracia de distancia respecto á clase política. Mesmo os líderes teñen unha valoración baixa entre os seus votantes máis fieis, coa excepción dun Beiras altamente valorado por un relevante nicho de galegos/as de esquerda.

Con este panorama, podemos afirmar que mentres para AGE a figura de Beiras será relevante para os seus resultados, en todos os demais partidos a principal clave competitiva está na fortaleza das súas respectivas organizacións partidistas. As redes de relacións da súa militancia á hora de transmitir mensaxes e mobilizar vontades creo que será o factor clave na dinamización do voto en un ou outro sentido.

O feito de que a maior parte das estimacións lle garantan ao PP a maioría absoluta por 39 escanos está en que, tanto na fidelización do voto como no grao de institucionalización da organización partidista, o PP resulta o partido máis forte

As enquisas con maior fiabilidade móvense nun abano amplo entre os 37 e os 40 deputados, precisamente polo difícil que resulta estimar a priori cantos votos conseguirán mobilizarse finalmente e en que dirección. O feito de que, de todas as estimacións dispoñibles, a maior parte delas lle garantan ao PP a maioría absoluta por 39 escanos está en que, tanto na fidelización do voto como no grao de institucionalización da organización partidista, o PP resulta o partido máis forte; xa que logo, a probabilidade de que o 21-O sexa o PP a formación máis competitiva nestes aspectos clave é maior.

Teño que volver a insistir na necesidade dunha coordinación estratéxica entre os partidos da oposición que, centrada máis na proposta ca na crítica, reforce o sentido da alternativa posible e viable fronte ao PPdeG

Os partidos apuran os derradeiros cartuchos desta campaña. A risco de ser pesado, teño que volver a insistir na necesidade dunha coordinación estratéxica entre os partidos da oposición que, centrada máis na proposta ca na crítica, reforce o sentido da alternativa posible e viable fronte ao PPdeG. Dende xullo esta leva sendo a mellor baza para bater a un PPdeG en claro retroceso, pero aínda abondo forte como para gañar estas eleccións coa forza da que xa falamos tamén en outras ocasións, e que só se pode contrarrestar con traballo e organización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.