A Comisión Europea (CE) publicou en abril o relatorio periódico Ageing Report 2024 (AR 2024). O xornal El Economista titulou Bruxelas destapa o grande buraco das pensións en España. A lectura rigorosa das páxinas 270-272 do relatorio desmente esta alarmista e interesada advertencia.
Segundo a Comisión, a poboación do Estado español aumentará lentamente até o ano 2050 para despois reducirse en 2070 ao nivel do ano 2022. AR 2024 prognostica unha taxa media de crecemento do PIB do 1,2% anual. A mecánica do xuro composto provocaría un crecemento acumulado do 80% para unha poboación estabilizada (gráfica I). De acordo coas previsións da CE, en 2070 seremos un 80% máis ricos, disporemos de case o dobre de bens e servizos por persoa que na actualidade. Só un economista cuxa mente foi formatada ao servizo das finanzas pode non comprender que unha sociedade máis rica poderá pagar unhas pensións suficientes.
A CE prevé que a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos aumente desde o 22% actual (1 de cada 5) até o 33% a partir de 2050 (1 de cada 3) (Gráfica II).
En consecuencia, incrementarase o gasto en pensións: partindo do 13,1% do PIB, chegará a un máximo do 17,3% en 2050 e descenderá suavemente até o 16,7% en 2070.
Suporá este incremento unha carga insoportábel para as traballadoras e traballadores activos? Para verificalo distribuín o PIB en dúas partes: a dedicada ao pagamento das pensións de acordo coas previsións da CE e a que quedaría para a poboación menor de 65 anos. Despois, dividín cada unha das partes entre o número de persoas en cada cohorte, maiores e menores de 65 anos. Na gráfica IV visualízanse os resultados. Quero reiterar que utilizo as previsións publicadas pola CE.
Primeiro resultado: o PIB por persoa multiplícase por 1,8 veces; o PIB por persoa dedicado ás persoas maiores de 65 anos aumenta un 50%, multiplícase por 1,5; e o PIB por persoa menor de 65 anos aumenta un 100%, multiplicándose por 2. Despois de pagar mediante impostos e cotizacións sociais as pensións dunha poboación pensionista incrementada, a sociedade de menos de 65 anos disporá para manter a capacidade produtiva (amortizacións), incrementala (investimento) e para o consumo do dobre de recursos que na actualidade.
Cal é o segredo desta evolución? A OCDE calcula a produtividade por hora traballada no Estado español no ano 2022 en 53 dólares. A CE estima que se incrementará nun 1,3% anual. Lembremos a potencia do xuro composto durante un período de 48 anos (2022-2070).
Aceptando as predicións da CE, nas próximas décadas descenderá a poboación ocupada. Porén, o incremento da produtividade por hora traballada (que case se dobrará), máis que compensará ese descenso, permitindo o aumento do PIB dispoñíbel por persoa, a mellora das pensións e dos ingresos das persoas activas. Até aquí a análise das previsións da CE no AR 2024.
Agora a interpretación
En 1964 o físico Peter Higgs teorizou a existencia dunha partícula elemental aínda descoñecida. En 2013 a comunidade científica do CERN confirmou a súa existencia, o bosón de Higgs ou bosón escalar. Un proceso paradigmático de ciencia en acción, de capacidade preditiva e de rigor na verificación.
Se aceptamos o marco estabelecido pola CE, a conclusión é inequívoca: de acordo coas súas previsións impresas no relatorio Ageing Report 2024, nas décadas vindeiras poderase aumentar a porcentaxe do PIB destinada ás pensións públicas permitindo que a riqueza dispoñíbel para as persoas menores de 65 anos se duplique
En 1994, o Banco Mundial (BM) alertaba sobre os gravísimos problemas dos sistemas de pensións de repartición debido a que “a proporción da poboación maior en relación coa poboación total está crecendo rapidamente” e propuña reducir as pensións públicas para ampliar os sistemas privados de capitalización. Trinta anos despois os sistemas públicos de pensións demostraron unha extraordinaria fortaleza. O BM, como outros “expertos” carece da capacidade preditiva da comunidade científica. Porén, o BM inaugurou un novo xénero literario, o da profecía do colapso dos sistemas públicos de pensións. Así o asegurou La Caixa en 1995, e FEDEA e o BBV en 2000. Tamén INVERCO en 2010. Nos últimos anos, non hai trimestre sen relatorio alarmista convenientemente amplificado en grandes titulares. El Economista únese entusiasmado a esa militancia profética. O obxectivo é desmoralizar os traballadores e traballadoras activos para que subscriban un plan privado de capitalización. Así que selecciona un dato, o aumento da porcentaxe de poboación maior de 65 anos, ignorando o conxunto das previsións da CE en AR 2024. Un caso paradigmático de falta de comprensión dun relatorio, de capacidade preditiva e de rigor científico.
O déficit da CE e do seu AR 2024 é a crenza no crecemento indefinido do PIB como solución para todos os problemas económicos, ignorando os límites físicos do planeta. Incorporar esta perspectiva levaríanos a articular un sistema económico dirixido á satisfacción das necesidades básicas de todos e todas reducindo o impacto da actividade económica sobre o planeta. Nese modelo o sistema de repartición garantiría os ingresos das persoas xubiladas, como nunca o fará un sistema privado de capitalización. Mais, ese non é o punto de vista nin da CE nin de El Economista.
Porén, se aceptamos o marco estabelecido pola CE, a conclusión é inequívoca: de acordo coas súas previsións impresas no relatorio Ageing Report 2024, nas décadas vindeiras poderase aumentar a porcentaxe do PIB destinada ás pensións públicas permitindo que a riqueza dispoñíbel para as persoas menores de 65 anos se duplique.