Durante catro anos fun a concelleira da área de Igualdade do Concello de Vigo, un tempo no que tiven a responsabilidade de desenvolver accións políticas destinadas a mellorar as condicións de vida das mulleres, vítimas aínda de fondas discriminacións, e a concienciar á sociedade en xeral da necesidade de traballar pola igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero. Faríao mellor ou peor, con erros e con acertos, pero cando oin unha concelleira do PP resumir o traballo realizado polo departamento de Igualdade en todos eses anos a unha acción que se desenvolveu ao longo de 4 horas (non 4 anos) quedei realmente sorprendida e me deu por pensar na importancia dos símbolos para reducir as diferenzas ideolóxicas a estereotipos, inservibles para mudar o mundo, con toda a intención.
Esta concelleira, unha muller da miña idade, espetoume nun pleno que sería lembrada como "a concelleira do tuppersex" porque a Concellería organizara un tuppersex en 2008
Esta concelleira, unha muller da miña idade, espetoume nun pleno que sería lembrada como "a concelleira do tuppersex" porque a Concellería organizara un tuppersex en 2008, cando aínda non eran unha práctica tan habitual como hoxe, polo menos na nosa cidade. A partir de aí si houbo moitas mulleres que se animaron a organizalos e logo xa se apuntaron mesmo as sex-shops máis tradicionais e masculinas da cidade a ofrecer produtos e actividades dirixidas a mulleres. Teño que recoñecer, confeso, que o primeiro que pensei foi "mágoa que ti non participaras" pero non por nada, simplemente porque estou convencida de que gozar do sexo de maneira sa nos fai moito máis seguras de nós mesmas, máis felices e mellora todas as nosas capacidades para relacionarnos co mundo, incluída a política.
Pareceume unha mágoa que unha muller nova non sexa quen de valorar as vantaxes que pode tirar de determinadas actividades para si mesma e para o seu contorno por pura represión
Non pensaba en cantidade, pensaba en calidade e pareceume unha mágoa que unha muller nova non sexa quen de valorar as vantaxes que pode tirar de determinadas actividades para si mesma e para o seu contorno por pura represión. Por suposto, a pesares desa frase recorrente nos programas-lixo de televisión que pretenden ser estudos sociolóxicos, eu non digo sempre o que penso, intento dicir o que sexa oportuno, o que sirva para algo, o que resulte construtivo e positivo e como, por sorte, o pensamento está nunha caixiña que podemos abrir o manter pechada a vontade, non lle dixen nada pero si sei que non fun a única que o pensou.
Precisamos máis tuppersex e menos sombras de Grey
Logo pensei na famosa historia do estudo de Bibiana Aído do mapa do clítoris e reparei na obsesión que ten o PP co sexo, ou máis ben coa represión da sexualidade das mulleres, unha mágoa que non persigan con tanto afán a sexualidade dos curas pederastas, gañaríamos todo o mundo ben máis. Pero, ao final todo se reduce a boas e malas mulleres, a reivindicacións de dereitos cualificadas de despropósitos inmorais. Aínda menos mal que non criticou, co seu dedo acusador, que cando presentei esta actividade me fixen fotos con dildos e vibradores embarazada de 7 meses, que vergonza! Para as mamás seica xa hai agora outras ofertas. O puritanismo e a tutela das mulleres como menores de idade ás que hai que dicir o que está ben e o que está mal segue a aprisionarnos en estereotipos que son como xustillos demasiado apertados cortándonos a respiración. Precisamos ideoloxía liberadora, non moral represora, recoñecernos unhas ás outras e respectarnos para rachar coas nefastas barreiras que nos colocan no bando das boas ou das malas. Precisamos máis tuppersex e menos sombras de Grey.