Ía camiño da taberna e xa dende lonxe dexerguei o vulto dun home arrimado á parede, preto da porta de entrada. Cando cheguei á súa altura comprobei que non o coñecía de nada e roñei un “bo día” de cortesía. “Home, don Suqui! Xa pensei que non ía aparecer hoxe por aquí!” O home escachou coa risa, semellaba que deleitado polo meu abraio e desconcerto. Estaba sentado nunha caixa de gasosas baleira. Era coma se agardara por min e había un aire de fazaña cumprida no donaire co que me saudou. Quitando o sombreiro, abanouno comicamente en requintado aceno e deseguido volveuno poñer, facéndome un saúdo militar. Co lombo arrimado á parede e a carranchapernas sobre a caixa, semellaba ir a cabalo dunha besta. Pregunteille se nos coñeciamos. Díxome que non, pero que aínda estabamos a tempo. “Invítote a un café e falamos do bispo Dolfo”, engadiu.
Entramos os dous na taberna, eu aínda pampo e sen saber moito que facer. Busquei desesperado a complicidade dos ollos do taberneiro, e cando os tiven a tiro, pregunteille cun aceno quen carallo era o home aquel. Engruñou os ombreiros e púxose a facer os cafés. Xa sentados, o descoñecido díxome que lera o meu artigo sobre o bispo e preguntoume se eu pensaba que era certo o que alí contei. “Home...eu non estaba alí...e os que mo contaron tampouco, así que...”, díxenlle. “E logo quen cho contou? ...se é que se pode saber, claro...” Eu díxenlle que, sobre todo, a anónima Historia Compostellana e a Historia de España de Juan de Mariana. “...xa...xa..., pero eses libros falan dunha trampa que lle preparan ao bispo e que os tales criados Nadón, Cadón e Ensión son falsas testemuñas ao servizo dos urdidores da celada...” O home quedóuseme mirando en silencio un bo anaco. “...e o teu artigo nada conta diso e da por certo a sodomía e maila alta traizón...”
De repente, o peito do descoñecido inchou coma unha vincha, que mesmo daba a impresión de estar a piques de estoupar e saltar polos aires. Ergueu da mesa e camiñou dun lado a outro sobre o piso de baldosas da taberna, ata que semellou controlar o seu peito; deulle unhas palmadas e facendo moita forza, pasou as palmas das mans dende os peito ata o bandullo, coma se desinchara un neumático. Desconcertado, eu vixiaba de esguello a reacción do resto da clientela, que seguía ao seu sen inmutarse. Ata pensei en fuxir e poñer terra de por medio. Á fin o home volveu sentar. O meu desconcerto debía ser tan grande que o home repetiu a súa última frase, palabra por palabra, e cun aceno das mans mandoume proseguir; coma se nada tivera pasado, vaia. Cando recuperei a presenza de ánimo, díxenlle que eu non lle dera creto á celada porque os autores dos libros eran clérigos e non ían luxar a imaxe dun prelado da Igrexa con porcalladas tan impropias e nefandas. “xa...xa..., interrompeume e deu unha palmada no aire. “...ou sexa, que borras da historia a felonía dos criados e, pola contra, narras o asunto dos cornos do touro bravo coma se tal cousa, coma quen vai tomar un chato á taberna, coma se a corna fora un enfeite de quita e pon...”
Agora o home semellaba un chisco enrabechado. Quixen quitarlle ferro á conversa. “Tampouco hai que darlle moita importancia...total a historia non deixa de ser un subxénero da literatura”, díxenlle. Engurrou o cello e permaneceu calado, mirándome o fondo dos ollos. Despois dixo: “Ah! Xa vexo...ti es un deses....” Fixo unha pausa e volveu falar. “Pois vouche contar...viviamos daquela tempos impuros e revoltos... escándalos monásticos, esposas abandonadas e saias con sotanas mesturadas. Corría o ruxerruxe de que o bispo Dolfo quería chapodar os abusos e restablecer a disciplina eclesiástica, aínda que para conseguilo tivera que empregar man dura; pero tal decisión non gustou nada a cantos vivían en tales vicios e algazaras. Así pois, unha fría tarde de inverno, o meu compañeiro Cadón e eu mesmo, Ensión, recibimos a visita de varios clérigos rebeldes, que moi desgustados coa intromisión del bispo compostelán, pedíronnos que perante o rei de Asturias debiamos acusar ao bispo de conspirar contra o seu reinado e de andar en acordos cos mouros para entregarlles as terras galegas...e así o fixemos, porque tampouco nos queriamos ver minguados os nosos privilexios. Isto foi o que pasou. E lembra que eu si estiven alí...outro día igual che falo do milagre dos cornos”
O tal Ensión abanou os brazos dun lado a outro catro ou cinco veces, coma se quixera gañar propulsión, e logo desapareceu da taberna dun chimpo. Ou iso crin ver. Igual fixo outra cousa que eu non vin. Estaba alí sentado enfronte miña na mesa, a un metro escaso dos meu nariz; e de socate esvaeceu coma zugado por unha forza descoñecida, incontrolable. Sentíame estraño, moi esgotado. Arrimeime ao mostrador para pagar, pero o taberneiro díxome que xa pagara o home que estaba comigo. “Pero cando?”, ía preguntarlle, pero penseino mellor e botei porta fóra.