A Constitución do 78 na mesa de autopsias

Outro 6 de decembro, e xa van 36. Falar de “vixencia” da Constitución Española é instalarse nun oxímoro. A carta magna do 78 xa non está, pero tampouco fai falta esperar por ela. Os mandados dos mandados, que hoxe a reivindicarán en vida con pompa e boato, imitarán a Norman Bates, “o mellor amigo dun rapaz é súa nai”, intentando escapar do sentimento de culpa por a mataren.

Falar de “vixencia” da Constitución Española é instalarse nun oxímoro. A carta magna do 78 xa non está, pero tampouco fai falta esperar por ela

O papel terma de todo, pero se algunha vocación tivo en vida a Constitución foi a de ser epitafio de 36 anos de ditadura. Parafraseando a Molière, poderiamos dicir: “Aquí xace a Constitución do 78, a carta magna dos actores da transición. Fixo de morta toda a vida, e de veras que o fixo ben”.

Desde a Revolución Francesa, non hai Constitución que se precise se non garante os dereitos dos cidadáns e establece unha división de poderes. Unha cousa e a outra son a día de hoxe nesta Constitución unha quimera con cabeza de león, corpo de cabra e rabo de dragón que por non respectar non respecta nin a cuestión formal.

En toda autopsia é indispensable empregar a disección. Vaiamos, logo, “por partes”.

O artigo 2 (patria común e indivisible) e o artigo 8 (Forzas Armadas e a defensa da integridade territorial) do Título preliminar da Constitución xa avisan de que non haberá paz para os malvados e de que quen se mova non sairá na foto

O artigo 2 (patria común e indivisible) e o artigo 8 (Forzas Armadas e a defensa da integridade territorial) do Título preliminar da Constitución xa avisan de que non haberá paz para os malvados e de que quen se mova non sairá na foto. Hoxe é máis evidente ca nunca que os negociadores da mal chamada transición, ou peche en falso, do 78 fracasaron na tentativa de resolver o encaixe das cuestións nacionais con esa súa “concepción territorial do Estado”, que é como se rotula o Título VIII. A organización territorial é unha cuestión de dereito administrativo e non de dereito político nin de teoría do Estado. É unha evidencia que o problema non é territorial, que o problema é político. Tentar reducir as nacións sen Estado a simples territorios é unha absoluta falacia e explica, entre outras razóns, o absurdo debate ou choque de trens que se dá no caso de Catalunya entre quen defende a suxeición ao corsé legal e quen aposta por superalo e ir máis alá, por procurar expresar a vontade política dunha das nacións da península ibérica.

O brazo incorrupto de Santa Teresa que durante décadas impediu abrir este debate constitucional, mediante a defensa dunha carta magna inmodificable e inmutable, non tivo reparo en emendarse sempre que recibiu cartas de amor da troica. Ocorreu en 1992 co tratado de Maastricht e ocorreu en 2011 coa modificación exprés PPPSOE do artigo 135, onde deixaron inscrito o lema “Todo o poder para os mercados e os seus bancos”.

O brazo incorrupto de Santa Teresa que durante décadas impediu abrir este debate constitucional, mediante a defensa dunha carta magna inmodificable e inmutable, non tivo reparo en emendarse sempre que recibiu cartas de amor da troica

Por iso nos asalta a certeza do absurdo cando escoitamos a Mariano falar de que nunca poñerá en xogo a soberanía nacional (eu son máis de soberanía popular, sobre todo cando se fala de nacións nas que non me recoñezo). O que Rajoy debera saber que sabemos é que, ademais do seu puro, el e mais Zapatero fumaron estes anos, nunha timba clandestina cos poderes fácticos, todas as garantías formais recoñecidas pola Constitución e, sobre todo, os principios reitores da política social e económica como dereitos consagrados polo Estado Social: vivenda, cultura, sanidade, seguridade social, medio natural...

Hoxe, 6 de decembro, non lles podo mercar aos de sempre o discurso de que esta morta está moi viva nin tampouco podo, no debate entre reforma e ruptura, chegar a comprender a quen defende a primeira fronte á segunda

Por iso, hoxe, 6 de decembro, non lles podo mercar aos de sempre o discurso de que esta morta está moi viva nin tampouco podo, no debate entre reforma e ruptura, chegar a comprender a quen defende a primeira fronte á segunda. Todos sabemos como acabou o monstro de Frankenstein cando alguén decidiu traelo de ultratumba cun cerebro de aquí e unha perna de acolá. Será moito máis produtivo poñer en marcha un funeral de jazz made in Orleans no que a Constitución do 78 sexa acompañada (como recolle a recomendable serie de televisión Tremé) por unha banda de música e polo menos dúas ringleiras de doridos, choróns e carpideiras. Iso permitiríanos participar e bailar para celebrar a vida da Carta Magna finada, pero obrigaríanos, por contra, a ter que falar da necesaria confluencia, da apertura dun proceso de procesos constituíntes no estado, é dicir, un proceso de procesos en que os diferentes pobos soberanos, decidan libremente como desexan organizar a súa vida. E tamén do indixesto que a algúns lles resulta a sopa de siglas para facer posible esa ruptura. Aínda que na súa defensa xa saia Mafalda cando afirma: “Por que sempre sopa, mamá? Por que? Se nos queremos, se ti sentes amor por min... e eu sinto amor por ti... Por que arriscarte a que naufrague o noso romance?”

Isto último, o da necesaria confluencia, queda reservado para outro debate.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.