É en grao sumo razoable o ser republicano e non monárquico, pero non debemos esquecer que a vida non é razoable e por iso hai persoas que cren que unha monarquía é o ideal. E se tivesen razón? Hai que respectar ese punto de vista.
Moitos pensamos que vivir nun réxime republicano permite unha vida digna e que unha monarquía converte as persoas en súbditos, pero hoxe que as monarquías non teñen a forza executiva para someter a xente, por que hai persoas monárquicas en sociedades democráticas, como Dinamarca, Holanda ou Noruega? E son persoas informadas e intelixentes. A explicación é que non están sometidos ao poder dun rei senón que son voluntariamente devotos da monarquía e fano porque cren que é o máis conveniente para o seu país, é dicir para eles mesmos. E, na medida en que o cren, funciona e a vida do país desenvólvese máis ou menos ordenadamente presidida por un monarca.
As sociedades necesitan orde e referencias claras, non poden vivir moito tempo en períodos de ansiedade, e nesa idea de orde nas cabezas das persoas hai un lugar para os símbolos. Sempre haberá un intelectual que negue a importancia dos símbolos e do irracional na vida social pero que lle imos a facer, as persoas somos como somos e aínda os máis estupendos pecamos contra a sensata razón. A algúns mesmo nos gustan as artes, tan irracionais.
A monarquía é en si mesma algo ridículo, tanto a idea de reinar por un designio divino como a de transmitir a lexitimidade dese poder a través dunha estirpe de sangue especial. Non hai por onde coller ese argumento desde o punto de vista racional, pero as monarquías pertencen ao mundo do irracional. As monarquías en sociedades democráticas aliméntanse e susténtanse sobre o desexo da xente, é un acto de fe dunha gran parte da sociedade que quere ter un símbolo colectivo. Os ingleses teñen unha raíña porque a maioría desexa tela, cre que iso os fai máis forte como nación e que a desaparición da monarquía suporía un golpe moral e unha perda política. É esa xente a que crea e dá lexitimidade a esa monarquía.
Nada diso ocorre en España na actualidade. O cadro de Antonio López, La Familia Real lembra ao Retrato de Dorian Gray pero ao revés. O esquivo pintor foi pintando ao longo de décadas un cadro secreto nun estudo escondido de nigromante, o sinistro cadro mantén belas e frescas as figuras cando perderon calquera brillo, envelleceron e transformáronse en fantasmais. É o retrato dunha casa real que non existe.
Por moitos contos chineses que nos conten con voz oca, ameazadora, solemne ou admonitoria, aquela restauración da monarquía borbónica lexitimouse sobre o que sabemos todos, sobre o medo á violencia do Exército e a unha guerra civil. Ter que ler e ouvir aínda babecadas sobre que os españois foron moi responsables e decidiron libremente etc., é para vomitar. Aqueles españois estaban cagados de medo, colleron o que lles daban, respiraron aliviados e que lles durase.
O que houbo entre aquela Familia Real, aquela monarquía restaurada de Juan Carlos I, e o que hai hoxe é unha ruptura e un baleiro. Trátase doutra monarquía, unha mutación da familia Borbón que rompe co seu pasado inmediato, o rei Felipe é un rei só. Á Casa Real fíxolle falta romper co pasado para salvar a institución pero, cando xa non opera o medo da mesma maneira que cando Franco decidiu restaurar a monarquía, que lexitima e sustenta este reinado? De que se alimenta?
As peripecias dos protagonistas da "comedia real" presenciada nos últimos anos xa lles piden moita fe monárquica á poboación pero, sobre todo, a verdadeira crise nacional que vive España aféctalle de modo determinante á monarquía. As políticas da dereita tanto no plano nacional interno coma no plano económico e social debilitaron o Estado, que recorra á represión da cidadanía con leis e policía reflicte a debilidade política. As enquisas indican unha perda de lexitimidade impresionante dos políticos e de todas as institucións. Ao apoderarse o PP de todo o Estado condénao á súa propia sorte, o seu descrédito e a súa caída arrastra as institucións entre a cidadanía.
A única baza para que esa nova monarquía gañase lexitimidade sería ter un papel na solución da crise territorial e social, pero con Rajoy iso non é humanamente imposible. De modo que está condenada a flotar sen solo debaixo e en perigo. De feito aquí hai que falar novamente de Podemos, que dentro dos seus moitos aspectos, está a querer ocupar o lugar de referencia nacional central. Máis aló da confianza política nun Goberno dese partido, o que hai é a emerxencia dunha referencia moral cunha crítica política con amplo predicamento. O rei Felipe non pode representar e simbolizar o sufrimento e as frustracións que atravesa a sociedade dun lado a outro, uníndoa así, pois non se pode enfrontar ao Goberno. Un Goberno ao que contempla creando problemas e agudizándoos.
O rei necesitaría parte da enerxía simbólica que suxeita hoxe Pablo Iglesias, pero iso non parece posible a curto prazo. Non?