Por unha vez non imos andar con repasos históricos, sociolóxicos e demais, ao final todo se reduce a que tras corenta anos todo acabou en que Mariano Rajoy está na Presidencia do Goberno e o demais é marear a perdiz.
Hai corenta anos Rajoy e un servidor estudabamos carreira universitaria no mesmo edificio, el na planta baixa e servidor na planta alta. Un movíase entre estudantes franquistas e outro nunha organización antifranquista, un gastaba zapatos "Apache" e loden verde e outras botas e anorak con carapucha. Non podo reprocharlle a Rajoy que non cambiase apenas desde entón pois tampouco eu cambiei moito e é que as persoas somos moi arquetípicas. Para min esas décadas, esa época histórica, resúmese en que Rajoy está agora na Moncloa e eu, pola miña banda, aquí estou en momentos libres escribíndolles estas filípicas sen que ninguén mo pida.
O antifranquismo pretendía unha sociedade máis igualitaria e un estado non nacionalista onde tivesen encaixe as nacionalidades, ao meu modo de ver esas dúas tarefas fracasaron
Adoitan dicirme que son pesimista, que queren que lles diga, pero é que non me custa nada lembrar o esencial: no momento fundacional desta época da historia española, o tránsito do Réxime de Franco ao da Constitución do 78, quen pretendían acabar co franquismo tiñan un modelo de España aberto, pero pretendían reformulala en dous sentidos, social e nacionalmente. O antifranquismo pretendía unha sociedade máis igualitaria e un estado non nacionalista onde tivesen encaixe as nacionalidades, ao meu modo de ver esas dúas tarefas fracasaron, ou ben se considera que seguen estando pendentes ou ben se dá por fracasado xa calquera proxecto colectivo español.
As décadas de democracia baleira de ideal e chea de cinismo fabricaron unha sociedade sen nervio cívico e sen memoria. Esta é unha sociedade con graves males, pero carece de compás e só sabe falar do lixo
Constato o evidente, aquela vontade de transformación con perspectiva histórica desvaneceuse absolutamente, as décadas de democracia baleira de ideal e chea de cinismo, "gato branco ou gato negro, o importante é que cace ratos", fabricaron unha sociedade sen nervio cívico e sen memoria. Esta é unha sociedade con graves males, pero carece de compás e só sabe falar do lixo.
Supoño que o lixo que creamos tamén é necesario e, desde logo, ten o seu lugar dentro da civilización industrial e a economía capitalista, a reciclaxe do lixo é industria e é negocio. O lixo que xera a política é a tan traída e levada corrupción e a política industrial xera toneladas de corrupción.
Os vertedoiros da política, que estaban en lugares apartados fóra da nosa vista, foron crecendo tanto que ao final todos soubemos de montañas de corrupción que asoman nas noticias. Corrupción e máis corrupción, xa só vemos e falamos dese lixo. Pero lembremos que o lixo tamén é un negocio ao que lle sacan partido os listos: os poderosos saben como reciclar a corrupción e sacarlle partido político.
Ao final, os poderes dominantes conseguiron instaurar unha estratexia política que é a dominante, xa non se fala da dimensión social e nacional e só se fala de "corrupción". O debate político español é "corrupción, si; corrupción, non".
Precisamente os dous partidos emerxentes basean o seu crecemento nese debate, a corrupción é o seu alimento político e, na práctica, é o que lles dá todo o seu sentido
Precisamente os dous partidos emerxentes basean o seu crecemento nese debate, a corrupción é o seu alimento político e, na práctica, é o que lles dá todo o seu sentido. Unha parte do electorado parece que os considera un recambio posible á dereita e a esquerda anteriormente existente. Desde logo envellecidas e caducas. O éxito inicial deses intrusos na política débese en boa parte ao fracaso dos establecidos.
Tanto Ciudadanos como Podemos, coas súas visións escoradas cara ao centro dereita e cara ao centro esquerda respectivamente, o que están a ofrecerlle á sociedade española é unha política sen corrupción. A súa oferta é que o Estado funcione ben, que as institucións existentes lle aseguren á cidadanía as garantías democráticas desta Constitución. Ofrecen, en suma, a rexeneración do que hai. E, parecer ser, esa visión das cousas ten moito éxito, dun modo particular entre unha nova xeración que nace á política. A actualización da dereita e da esquerda mesmo ten un aspecto de xeración biolóxica, pódese dicir que os xubilados votan ao PP e que os seus fillos parecen dispostos a votar a Ciudadanos.
Particularmente penso distinto, sigo crendo que a política contra as inxustizas debe ser radical, no sentido de comprender a raíz dos problemas
Particularmente penso distinto, sigo crendo que a política contra as inxustizas debe ser radical, no sentido de comprender a raíz dos problemas. A corrupción é un problema en si mesmo e é necesario que a xulguen os tribunais, algo diso conseguiuse, pero o decisivo é que os políticos corruptos serven a unha verdadeira mafia empresarial que nos está devorando.
Creo que son necesarias as estratexias históricas e que o mero tacticismo é aceptable para os verdadeiros poderes e non tarda en mostrarse como parte do xogo dos poderes instituídos.