A mamá X , teletraballadora, está a manter unha conversa comercial dende o salón un martes calquera. Instintivamente mantén o sorriso na cara porque sabe que é o xeito de que a súa voz flúa de xeito cordial co cliente. No epicentro da conversa virase e dirixe a súa atención un tanto distraída ao seu fillo, o cal lentamente está a extraer unha cara peza de vaixela da vitrina para ouriñar nela, - explica que non lle apetecía ir ate o baño- a mamá mantén o sorriso na conversa. O seu fillo saúdaa cunha man amablemente, convencido de que ten a aprobación materna e ambos continúan na acción.
No pasado século as mulleres demos o incrible salto desde o privado, da vida doméstica, para incorporarnos ao mercado laboral, fixémonos públicas. Nos últimos 50 días, o salto foi inverso e o noso espazo doméstico viuse invadido pola esfera pública
Escollo esta anécdota, entre todas as relatadas durante os pasados días, porque coido que describe dun xeito moi gráfico cal é a situación de miles de mulleres neste país durante o Estado de Alarma. A invasión do público no espazo privado.
No pasado século as mulleres demos o incrible salto desde o privado, da vida doméstica, para incorporarnos ao mercado laboral, fixémonos públicas. Nos últimos 50 días, o salto foi inverso e o noso espazo doméstico viuse invadido pola esfera pública. Unha esfera que entrou atropeladamente e sen respectar as normas mais básicas de cada fogar: non respecta comidas, descansos ou tempo suficiente para realizar as xestións mais básicas. Non hai desconexión posible, todo forma parte dun continuo que altera as tan aprezadas rutinas, o sono e mesmo o xeito de alimentarnos.
E esta transición está moi lonxe de ser o proceso vivido no século pasado, as mulleres actuais sufrimos unha modificación abrupta e inmediata e tivemos que ir adaptando as nosas vidas. Contamos co único apoio doutras mulleres que, en tardes de whatsapp, comparten as súas anécdotas e preocupacións como elemento terapéutico.
Miles de nais, miles de fillas, miles de sobriñas, curmás, estudantes universitarias, veciñas,.... case sen pensar, colleron a batuta e son as protagonistas, desexándoo ou non, dunha das maiores crises de coidados que viviu este país
Desde a declaración do estado de alarma, miles de nais, miles de fillas, miles de sobriñas, curmás, estudantes universitarias, veciñas,.... case sen pensar, colleron a batuta e son as protagonistas, desexándoo ou non, dunha das maiores crises de coidados que viviu este país.
Falo en feminino porque non cabe dúbida de que os coidados neste país seguen a ser asumidos por mulleres, as estatísticas do INE din que as mulleres dedican 2 horas máis que os homes ás tarefas domésticas. Probablemente durante a crise do Covid19 as horas dedicadas romperían todas as gráficas, xa que moitas de nós perdemos, sen desexalo, a oportunidade de ter un mínimo espazo de tempo para nós mesmas. Tivemos que afacernos a vivir na incerteza de non saber como afrontar o día seguinte ou a semana próxima, pois desapareceron todos aqueles elementos que, ate o de agora, facilitaban minimamente a mal chamada conciliación familiar.
Tamén vou falar da miña experiencia máis próxima, pois nun exercicio de interseccionalidade, teño que asumir que son unha muller branca, monoparental, empregada pública e traballadora esencial e coido que nestes momentos carezo dos coñecementos precisos que me permitirían falar na boca doutras realidades femininas.
Son traballadora do social, e ademais da crise dos coidados nos vindeiros meses terei que enfrontarme, xunto coas miñas compañeiras de profesión, a unha das maiores crises económicas que vivirá este país
Son traballadora esencial pero non do tipo de esenciais ás que as campañas dos bancos nomean na súa publicidade, nin das que probablemente saian a aplaudir nos balcóns ao chegar ás 8 da tarde. Son traballadora do social, e ademais da crise dos coidados nos vindeiros meses terei que enfrontarme, xunto coas miñas compañeiras de profesión, a unha das maiores crises económicas que vivirá este país, tratando de defender a dignidade e a xustiza social sobre as tendencias asistencialistas dominantes.
Son desas afortunadas que sigo a loitar por manter o teletraballo, coas súas interminables horas diante do teléfono e o ordenador, cunha prórroga pouco fiable que seguirá deixándonos sen solucións ao inicio da fase 3. Outras mulleres, coma min, veranse na obriga de solicitar unha excedencia laboral pero, a gran maioría, están sendo obrigadas a incorporarse aos seus postos de traballo sen protocolos preestablecidos, sen medidas de protección, sen facilidades de conciliación. E veranse enfrontadas acotío a situacións de vulnerabilidade dos seus usuarios cunha sensación impotencia e incerteza mesturada coas obrigas morais do coidado, nuns empregos dos que dependen as necesidades mais básicas de moitas persoas.
Resumido así semella que estes dous aspectos da crise deberían estar presentes de xeito case permanente nos medios de comunicación, declaracións institucionais, plans de recuperación....
Porén, este país encamíñase quincenalmente a distintas fases de desescalada sen terse nin sequera ideado protocolos cos cales as mulleres podamos asumir a incorporación laboral, nos casos nos que se careza de persoas que poidan substituír o noso papel de coidadoras. Tampouco existe unha verdadeira planificación que permita aos cidadáns acceder aos recursos mais básicos sen ter que pasar por innumerables trabas burocráticas que converten a necesidade económica un estigma, facendo colas diante de comedores sociais ou vivindo a través de 'vales de alimentación' que emulan as tristes cartillas de racionamento.
Nin a Xunta de Galicia, nin as entidades locais, ambas competentes en materia de servizos sociais, estableceron un protocolo unificado para a reincorporación laboral destas profesionais
O Estado Español establece na orde do 9 de maio do 2020 que os servizos sociais considerados esenciais deberán recuperar a totalidade das súas funcións a partir da fase 1, pero non di nin como nin cales serán as medidas ás que estas empregadas públicas poderán acollerse, deixándoo en man das propias entidades. Porén nin a Xunta de Galicia, nin as entidades locais, ambas competentes en materia de servizos sociais, estableceron un protocolo unificado para a reincorporación laboral destas profesionais, nin proporcionaron aos centros de servizos sociais as correspondentes medidas de protección.
O presidente do Estado declara ante os medios que as escolas permanecerán pechadas ate o mes de setembro e que non é posible a conciliación a través dos avós durante o período da pandemia. Remata a súa declaración sen perder a compostura nin facer referencia aos millóns de mulleres afectadas directamente por estas medidas, así como polo peche de centros de atención a persoas con discapacidade e dependencia, e as mulleres afectadas por ertes ou despidos durante a crise que non poderán reincorporarse ao mercado laboral por falta de medios para conciliar.
As intervencións da Ministra de Igualdade durante este proceso son soamente institucionais e carecen por completo da mais mínima calidade interventora, non se contou con este Ministerio no gabinete de xestión de crise, desprezando o papel fundamental da muller. Na Galiza a situación non é moito mellor, a pesar de contar cunha Secretaría Xeral de Igualdade que aparece periodicamente en todas as campañas electorais, actualmente non está, e o que é peor, nin sequera se lle espera.
Os coidados non son cuantificables nin cuantificados pola cidadanía, son un feito social asentado. Damos por feito que as mulleres imos asumir este papel
E ante esta perspectiva que, para moitas mulleres resulta dantesca, moitas de nos preguntámonos case a diario: como é posible ninguén se faga eco deste problema?
Baixo o meu punto de vista, a resposta sería que os coidados seguen a estar sen valor neste Estado. Os coidados non son cuantificables nin cuantificados pola cidadanía, son un feito social asentado. Damos por feito que as mulleres imos asumir este papel.
O binomio responsabilidade-culpabilidade que tan afincado está no rol da muller continua a ser un mecanismo de represión estatal efectivo e económico en pleno século XXI. Tras esta crise a situación das mulleres vivirá un retroceso sen precedentes, e polo de agora, ninguén parece ter unha solución posible para este feito.
O traballo social, profesión profundamente feminizada, entra dentro do binomio muller-coidados, pois é fácil de entender que son as 'asistentas' as que coidan dos 'necesitados' e pasan así a ser unha profesión invisible mais.
Baixo o paraugas de previr unha crise económica maior, lanzámonos ás fases de desescalada sen prestar atención ás persoas dependentes e menores de idade que non poden permanecer soas nos seus domicilios, a aquelas persoas que dificilmente van reincorporarse ao mercado laboral, a aquelas mulleres, profesionais do social, que dedican as súas vidas a apoderar aos máis desfavorecidos.
Convídoos a reflexionar sobre o valor dunha sociedade na que se acadasen uns servizos sociais sólidos, con plans continuados no tempo que procuren a verdadeira xustiza social
Entendo que o custo da crise económica non pode sosterse por tempo indefinido, pero, onde quedan os plans para os coidados no medio de todo este asunto?
Convídoos a reflexionar: cal sería o custo estatal de que todas esas mulleres seleccionadas para soster o peso dos coidados na presente crise tirasen a batuta e deixaran de asumir os coidados dos que se responsabilizan case sen pensar? Como farían os poderes públicos para prestar atención inmediata a millóns de menores de idade e dependentes que, de súpeto, de xeito abrupto e inminente quedasen abandonados, sós nos seus fogares?
Convídoos a reflexionar sobre o valor dunha sociedade na que se acadasen uns servizos sociais sólidos, con plans continuados no tempo que procuren a verdadeira xustiza social, a verdadeira integración social dos seus habitantes, que recompoñan a cada paso o ESTADO DE BENESTAR.