A cuarta illa Fica

A Sinda
In Memoriam

Non hai excepcións que desconfirmen a regra. Todas nós, tamén todos os prescritivos eles e os de máis aló enriba do cimeiro, artistas baratos do porno duro macroeconómico, somos illas con trazas de península segundo cada ocasión.

Así e todo cómpre analizar polo miúdo a formación xeolóxica das illas, especialmente desas novas illas e illotes que teiman en aparecer non xa no medio do océano a partir dun Hierro magmático ou de petrodólares especulativos, senón en metade do continente, en plena terra firme.

Poderiamos analizar máis unha vez a verdadeira configuración da ILLA, o que se di o milagre da illa do glamour sobrio e discreto a partir da bata rural, desa bata de casa que mudou en bata de cola pero que escasamente devolve algún rédito ás súas orixes desbotando unha liña téxtil ética do estilo Go back to basics. O seu sería escribir sobre o conglomerado Inditex na Fifth Avenue pero, pensándoo mellor… para que? Nunca haberiamos estar á altura. Así que para máis información sobre os procedementos devolutivos co noso aquí e agora a non confundir por favor coa illa de Man ou illas Caimán, paraísos fiscais deseñados por e para entes marcianos dende o Dubai neoiorquino até o urbi et orbi, pregunten polo encarghado.
Seica lle chaman Pablo e o apelidan Isla.

Por que non falar en cambio do sur? Imaxinen un ecosistema moi peculiar nado a partir dunha convulsión demográfica e industrial nunha aldea de pescadores do sur galego que eclosiona en urbe ou sucedáneo de pendentes, alta densidade de chulis e ghichos por metro cadrado ─xuro polo máis sagrado que non teño a menor intención de colaborar coa santa inquisición na purga de desdobres xenéricos─  moreas de edificacións descontroladas en combinación ao xeito chou coa leira casopa e unha  zarrapicada de tobos e coelleiras. Que resultado de caos broncodilatador e dinamismo efervescente!
Comeza por V, sempre lle paparon as dúas letras do medio e remata en O.
Vigo vasodilatO.

Non sae en ningunha cabeceira por aquilo da devolución do déficit en ruído de baleiro. Ilustre congreso de empresarios da mercadotecnia propietaria dos media decidiu apostar por un “novo” xornalismo onde todo será balbordo pseudopolítico, propaganda e publicidade explícita. Señores e señoras, váiansenos centrando: o subliminar e implícito é historia. As verdadeiras noticias, as reportaxes máis xenuínas e documentadas lucirán raquíticas, sexan willkommen todas e todos vostedes á era da obvia planicie.

Mágoa que a realidade non entenda de sociedades anónimas e decida decote facer ela mesma de gume afiado.

Así que improvisando unha correspondencia apurada na demarcación sur do noroeste cómpre comunicar que se está a producir un novo fenómeno xeomorfoxenético de dimensións e consecuencias aínda descoñecidas. Cando o metal vai desmantelado, o peixe e a costa mirraron en recheos de cruceiro; cando só se permiten infraestruturas que te comuniquen co anacronismo,  queda apenas e veremos a vere o mundo da automoción nesta especie de Citroën-sur-mer.

Prohiben taxativamente dende Bruxelas organizar conclaves para valorar as consecuencias a medio prazo da parálise por esclerose múltiple para que deputación e sector hostaleiro poidan celebrar a tempada da lamprea como merece; sempre cunha xaqueca menos.

Así e todo e porque non pensen que estamos nas mans de xente insensíbel inconsciente da situación de risco para o magno continente europeo, o comisario para cuestións transfronteirizas neocoloniais da UE aprobou antonte o envío dun equipo de tecnócratas especialistas en deslindes e escisións territoriais paranormais dentro do marco da obra social das extintas caixas de aforros neobanks. En efecto, trátase outra volta de Joana Carda, Joaquim Sassa, José Anaiço, Maria Guavaira, Pedro Orce e o cão Constante atrapados arestora nestoutra Jangada de pedra.

Segundo as pesquisas realizadas polos especialistas na materia todo apunta a que ademais da illa de Monteagudo, a illa do Faro e a illa de San Martiño o Guardian poderá gabarse a partir de agora dunha cuarta illa Fica: a da propia cidade olívica.

En verdade eu só choro a desaparición dunha illa estrela. Sinda.
Sempre Sinda.

Seguiremos informando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.