A culpa da crise é do cha-cha-chá

O PP teno claro. A culpa é da insoportable herdanza recibida do Goberno Zapatero. O certo é que a dereita a provocou, mais son os grandes beneficiados. E trae unha fonda crise política e electoral da socialdemocracia, e por extensión das outras forzas de esquerda, incapaces de reconducir os acontecementos alén do lamento.

Debéramos lembrar que a orixe está nunha fonda desregulamentación financeira - que en España implementaron Aznar e Rato coa lei de liberación do solo

Debéramos lembrar que a orixe está nunha fonda desregulamentación financeira - que en España implementaron Aznar e Rato coa lei de liberación do solo 6/1998 do 13 de abril - resultando unha enorme concentración da riqueza en poucas mans e un retroceso das rendas dos traballadores e das clases medias, chegando ao colapso actual. É dicir, un dos problemas fundamentais é precisamente a concentración da riqueza, a falta de reparto equitativo e a falta de igualdade. Precisamente, estes tres elementos están na crise ideolóxica que sofre actualmente o Partido Socialista, que aceptou os dogmas dun libre mercado que considera a democracia unha cesión involuntaria aos traballadores.

Un dos problemas fundamentais é precisamente a concentración da riqueza, a falta de reparto equitativo e a falta de igualdade. Precisamente, estes tres elementos están na crise ideolóxica que sofre actualmente o Partido Socialista

Así toda democracia necesita dunha base económica para poder ser viable. Dende a saída da ditadura a levamos construíndoa trinta anos, é iso que pretendemos chamar Estado de Benestar. E o noso modelo democrático, tiña como sinais de identidade o acceso gratuíto e universal á sanidade e ensino públicos, un estado autonómico - aquí cuestionado deslealmente por Feijóo - e un amplo abano de dereitos sociais. Pero, entón onde fallamos? 

Esquecemos que a liberdade, a igualdade e a solidariedade, necesitan dunha democracia asentada no mundo das empresas, para acabar impregnando o conxunto da sociedade. Só unha relación equilibrada entre iguais permite a existencia da democracia, e a igualdade segue pola autonomía económica das persoas. Conceptos como competitividade ou moderación  salarial son eufemismos para garantir un desigual reparto da riqueza. Precisamente en momentos de recesión a suba dos salarios son necesarios para garantir a demanda de consumo e tirar do crecemento, así o acredita a historia da economía.

Non resulta entendible que si os cidadáns teñen dereito en democracia a elixir ao Goberno dun país, carezan do dereito de participación na xestión nas medias e grandes empresas, que son as que perfilan as relacións de dependencia ou interdependencia entre as persoas e as clases sociais

O que nos leva a un cambio de modelo na xestión empresarial. Non resulta entendible que si os cidadáns teñen dereito en democracia a elixir ao Goberno dun país, carezan do dereito de participación na xestión nas medias e grandes empresas, que son as que perfilan as relacións de dependencia ou interdependencia entre as persoas e as clases sociais. Non so é unha cuestión de hixiene democrática, se non de eficiencia económica (que traería a unidade do traballo manual e intelectual, tal como dende sempre reclamamos dende a esquerda), así como o mellor método para combater a deslocalización das empresas.  

Nos últimos tempos os mercados financeiros estragaron a imaxe do Presidente Rajoy. Pero, tamén esquecemos que seguen a ser as axencias privadas de cualificación, con intereses propios, as que están dirixindo a atención dos inversores, que volveron a atacar a débeda soberana española, provocada á súa vez pola transferencia de recursos públicos para reflotar a irresponsabilidade da nosa banca privada.

Que buscan entón os mercados? Negocios coa privatización dos servizos públicos, sen os cales non hai democracia posible. E niso anda o actual ministro Luís de Guindos, que cun discurso populista, pretende romper o carácter universal e gratuíto da nosa sanidade. A progresividade ten que vir no pago dos impostos e dunha verdadeira contribución fiscal das grandes empresas e capitais.

O éxito da folga xeral e cidadá do 29M, así como as derrotas electorais do PP en Andalucía e Asturias, cuestionan a capacidade da dereita para impoñer os recortes e reformas que pretenden dende a Comisión Europea e o FMI

A que se debe entón o nerviosismo dos mercados? A que consideran que o Goberno Rajoy non é xa unha garantía de seu. O éxito da folga xeral e cidadá do 29M, así como as derrotas electorais do PP en Andalucía e Asturias, cuestionan a capacidade da dereita para impoñer os recortes e reformas que pretenden dende a Comisión Europea e o FMI. Mais hai que darlles unha mensaxe “tranquilizadora” aos mercados, sen dúbida. Para unha saída progresista da crise é necesaria a constitución dunha axencia pública de avaliación financeira, a existencia dunha banca pública e un sistema fiscal progresivo e redistributivo.

Que ninguén crea que co desgaste da dereita abonda para recuperar o goberno para a esquerda

Que ninguén crea que co desgaste da dereita abonda para recuperar o goberno para a esquerda. Hai un amplo convencemento de que goberne quen goberne, non vaise modificar a reforma laboral e ningunha outra estrutural que faga o PP. Isto invita gravemente á desmobilización de amplos sectores sociais, que preocupados do día a día, poden acabar por rexeitar a súa participación na política.

O sur de Europa cunhas poboacións máis á esquerda, se logran aumentar o nivel de mobilización, poden acabar rachando a hexemonía da dereita e cuestionar o modelo neoliberal de construción da UE. Por iso pretenden impoñernos unha severa derrota por varias xeracións. O camiño está trazado entón: unidade e contestación social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.