A fins desta primavera vanse celebrar as eleccións ao Parlamento Europeo, prognosticándose unha moi baixa participación electoral e unha clara orientación do voto cara opcións de extrema dereita e da esquerda antisistema, manifestando deste xeito o rexeitamento da cidadanía europea á UE e aos seus efectos na vida cotián da cidadanía europea. Semella, tamén, que este fenómeno será moito mais nidio nos Estados do sur da Europa.
A fins desta primavera vanse celebrar as eleccións ao Parlamento Europeo, prognosticándose unha moi baixa participación electoral e unha clara orientación do voto cara opcións de extrema dereita e da esquerda antisistema
Os europeístas dos primeiros 50 do século XX apostaban pola construción federal e partillaban do pacto da postguerra, construído pólos democristiáns, social-liberais e socialdemocratas arredor do Estado de benestar, a cohesión social e a economía de mercado. Mais axiña a vella CEE xirou cara unha construción económica limitada de pequenos pasos, o chamado avance funcionalista, que arquivou a idea federalista e a construción política, deseñando unha complexa e pouco democrática urdime institucional que compatibiliza un Parlamento elixido democraticamente, uns ominipresentes Estados que monopolizan as decisións dos Consellos Europeo e de Ministros e un Banco Central Europeo alleo a todo control democrático, ao que se lle veta financiar directamente aos Estados e se lle orienta ao control da inflación, deixando inermes aos Estados e territorios do Sur da Europa diante da ausencia de ferramentas fiscais e orzamentarias por parte da UE. Unha Unión, asemade, que só orzamenta para desenvolver as súas políticas pouco mais do 1% do PIB europeo, fronte ao 6-7% do gasto federal USA.
Para contar a decepción europea de Galicia compre non só falar das graves chatas da construción europea, senón tamén dos prexuízos xerados por unha política española
Porén, para contar a decepción europea de Galicia compre non só falar das graves chatas da construción europea, senón tamén dos prexuízos xerados por unha política española que desarmou a agricultura, pesca e construción naval do noso país e desnaturalizou a política de equilibrio territorial europea, alicerzada nuns Fondos Estruturais de xestión obxectiva e rexionalizada, para substituíla, en grande parte, por uns Fondos de Cohesión, manexados dende Madrid e investidos nomeadamente en Madrid, Andalucía e o Centro peninsular.
Hai solucións? Habelas hainas, malia que moi complexas. E son mais rendíbeis e practicábeis as transformadoras desta UE ca as que apostan por esfarelar a mesma ou abandonar a súa estrutura. Habemos ter opción de debullalas nos nosos encontros vindeiros.