As pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial. Foi unha conquista social como a das fins de semana ou as vacacións. Parece fácil, efectivo, lóxico. E funciona
Na recente asemblea de Modepén do 21 de setembro acordouse, entre outras propostas, engadir no documento das “Ideas que nos unen” (que ven ser o noso programa) unha definición da natureza das pensións polas que loitamos. En concreto acordouse engadir os seguintes parágrafos:
- Entendemos que as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial derivado das contribucións realizadas a raíz da relación laboral que motivou as mesmas.
- Entendemos que as pensións non contributivas derivan do dereito humano a unha vida material digna, de especial relevancia en persoas que, precisamente por ser pensionistas por idade ou por discapacidade, non poden traballar.
Neste artigo voume referir ao primeiro parágrafo, no que se entenden as pensións contributivas como unha parte do salario que retribuíu a nosa relación laboral, deixando o segundo, o das pensións non contributivas, para un próximo artigo, non por consideralo menos importante senón por falta de espacio e por seguir unha orde.
Vou dar, xa que logo, a miña interpretación do texto: Parto da base de que no sistema capitalista hai dous tipos de persoas (aínda que mellor sería chamarlle polo seu nome, clases): Os que teñen capital que lles permite vivir sen necesidade de traballar e os que non temos ese capital (ou non temos suficiente) e necesitamos vender a nosa forza de traballo para poder vivir.
E vendemos a nosa forza de traballo a cambio de vivir mentres traballamos. E iso inclúe, evidentemente, o tempo no que estamos traballando, mais tamén aquel que necesitamos para xantar, consumir, durmir, e cousas desas. E o tempo (e abofé que custou loitas conseguilo!) en que “descaradamente” non traballamos: as fins de semana, as vacacións, un tempo “razoábel” (?) de desemprego...
Máis, grazas a loitas pasadas, neste momento tamén cubre ese tempo en que xa non podemos traballar, ou non cómpre que traballemos, por mor da idade ou de discapacidades. Sempre que, como estabelece o sistema, teñamos traballado (contribuído) o tempo requirido. Como di Modepén: as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial. Foi unha conquista social como a das fins de semana ou as vacacións. Parece fácil, efectivo, lóxico. E funciona.
No caso das pensións contributivas estamos, neste momento, nunha loita entre os que queren “xestionar” para o seu beneficio privado ese 11,5% do PIB e os que esiximos que siga a ser xestionado por todos, de forma pública, como o dereito dos traballadores que é
Pero nestes tempos neo-liberais que nos toca vivir xurde un problema, as pensións contributivas (públicas e de reparto) supoñen o 11,5% do PIB, segundo datos oficiais do 1 de xaneiro deste ano i. Moitos cartos. E claro, seica os avariciosos do sistema capitalista deberon de se preguntar: Por que ten que xestionalas o estado (a través da Seguridade social)? Por que non as privatizamos e as xestionamos “nós” (a través dos bancos, por exemplo)? Canto non gañariamos? (lembremos: o insaciábel capital sempre quer máis capital).
Pero, claro, deberon seguir preguntándose, como facelo? A xente non vai renunciar a un sistema (o público) que está funcionando ben para meterse nun outro, (o privado) que, en fin... que ofrece dúbidas... ou certezas. (Ver por exemplo esta análise do compañeiro de Modepén Xabier Pérez Davila ii).
Ben, resulta que a patronal sabe desde hai tempo como facer estas cousas. Cando menos desde o xiro neo-liberal de finais do século pasado, cando estabeleceu o que parece un esquema-tipo, válido para a sanidade, a educación, a vivenda, a enerxía, a banca... o que sexa: Primeiro hai que deteriorar o público. Segundo hai que “explicar” que, “inevitabelmente”, o privado funciona sempre mellor (o relato). E terceiro hai que crear mecanismos de privatización (desenvolvín algo máis esta idea neste artigo de hai un ano iii).
En definitiva, no caso das pensións contributivas estamos, neste momento, nunha loita entre os que queren “xestionar” para o seu beneficio privado ese 11,5% do PIB e os que esiximos que siga a ser xestionado por todos, de forma pública, como o dereito dos traballadores que é. Unha loita na que pretendemos:
- Impedir e mesmo reverter o deterioro das pensións:
Ningunha persoa pensionista por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos. Derrogar as reformas de 2011 e 2013. Recuperar a xubilación aos 65 anos. Rematar coa fenda de xénero. Incrementar a porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez...
- Denunciar o seu relato e explicar a viabilidade do sistema público:
Un sistema público que é viábel como demostran múltiples análises e no que, como é obvio, sempre se poden realizar as adaptacións necesarias ás novas realidades produtivas como, por outra banda, sempre se ten feito iv.
E reclamar en especial a auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada legalmente en xuño de 2022 e desmontaría (iso si se sabe, ver v) a falsa montaxe do déficit da Seguridade social.
- Denunciar o novo mecanismo de privatización aprobado, os “plans de pensións de empresa”, do que xa temos, lamentabelmente, datos para analizar (o recentemente aprobado convenio da construción) vi
O 26 de outubro, cando as diferentes organizacións de pensionistas dos pobos do estado imos ir a Madrid para dar outra batalla nesta guerra entre “tipos de persoas” (ou clases)
E antes de rematar este comentario quero anotar dúas datas:
- O 26 de outubro, cando as diferentes organizacións de pensionistas dos pobos do estado imos ir a Madrid, ese punto no que “coinciden” todas as autoestradas e liñas de ferrocarril do estado, para dar outra batalla nesta guerra entre “tipos de persoas” (ou clases). vii
- E unha ben importante á vista: marzo de 2025, cando se realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social prevista na Disposición Adicional Segunda do Real Decreto-Lei 2/2023 (Ver análise de Mikel de la Fuente Lavin e Xabier Pérez Davila viii)
Notas
ihttps://www.inclusion.gob.es/w/el-gasto-en-pensiones-contributivas-supone-el-11-5-del-pib-2
iihttps://www.infolibre.es/opinion/plaza-publica/privatizacion-pensiones-publicas-escriva-dirige-asalto-decisivo_129_1224127.html
iiihttps://praza.gal/opinion/o-28-de-outubro-o-movemento-pensionista-vai-a-madrid
iv Ver, por exemplo, a proposta de Albino Prada, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, no anexo I do seu libro “Trabajo y capital en el siglo XXI: Mutaciones, consecuencias, alternativas” (descarga gratuíta desde o servizo de publicacións da Universidade de Vigo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/publicaciones/public/show/378
vhttps://www.nuevatribuna.es/articulo/sociedad/pensiones-auditoria-publica-seguridad-social/20220429055018198026.html
vihttps://www.modepen.org/index.php/2024/03/13/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-por-xabier-perez-davila/
viihttps://www.modepen.org/index.php/events/manifestacion-de-pensionistas-en-madrid-el-26-de-octubre-la-movilizacion-es-nuestra-fuerza/
viiihttps://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/09/Avaliacion-marzo-2025-Documento.pdf