Cando pensamos que o desprestixio de algunhas Institucións non pode alcanzar xa cotas máis altas, as persoas que as encarnan encárganse de disipar, e sen maior esforzo, esta inxenua esperanza devalando aínda mais (se posíbel) os organismos do aparato estatal. O último e nidio exemplo, a Sra. Becerril e a Defensoria del Pueblo.
A Defensora del Pueblo, marquesa de profesión, ven de facer unhas declaracións en relación ao caso de Josu Uribetxebarría que revelan o seu descoñecemento das normas que regulan a liberdade condicional por doenza grave (código penal e regulamento penitenciario) e do cometido da Defensoria del Pueblo. Aínda que isto último non é novidade senón característica compartida con anteriores “ombudsman”.
Semella que a Marquesa da Salvatierra esquece que a súa función é defender os dereitos dos cidadáns fronte as Administracións e non avalar ou argumentar decisións administrativas que restrinxen estes dereitos fundamentais
Concretamente, a Sra. Becerril , en relación a petición de excarceración do Sr. Uribetxebarria por padecemento de doenza grave, manifestou que é preciso “…cumprir estritamente a lei”, engadindo “sen se ter en conta declaracións de compaixón”.
Semella que a Marquesa da Salvatierra esquece que a súa función é defender os dereitos dos cidadáns fronte as Administracións e non avalar ou argumentar decisións administrativas que restrinxen estes dereitos fundamentais. E tamén parece esquecer que, se como aristócrata podemos perdoarlle que descoñeza a noso ordenamento penal e penitenciario, como Defensora del Pueblo a súa ignorancia das normas cuxa aplicación debe vixiar é dunha temeridade que non podemos aceptar.
Compre lembrar á Sra. Becerril que a liberdade condicional para doentes graves é un instituto que se regula no artigo 92 do código penal e no artigo 196 do regulamento penitenciario. Para ilustrar a nosa Defensora, compre recordarlle tamén que o noso Tribunal Constitucional, os xuíces de vixilancia penitenciaria e as audiencias provinciais definiron esta figura legal como unha norma de contido humanitario relacionado cos principios de humanidade das penas e dignidade e o dereito a vida e integridade física, principio que a Constitución española consagra nos artigos 10 e 15.
Compre lembrar á Sra. Becerril que a liberdade condicional para doentes graves é un instituto que se regula no artigo 92 do código penal e no artigo 196 do regulamento penitenciario
Cando a Sra. Becerril manifesta que hai que esquecer consideracións de compaixón na aplicación desta norma de nidio contido ético mente , manipula o teor legal e a finalidade da norma e esquece as funcións pola que os cidadáns pagamos o seu salario.
A liberdade condicional só esixe a concorrencia de unha doenza moi grave con padecementos incurábeis. Segundo a xurisprudencia, tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica. Esta mesma xurisprudencia sinala que doenza grave é aquela que compromete severamente a saúde e, polo común, aínda que non sempre, pon en risco a vida do doente. Por padecementos incurábeis deben entenderse aqueles para os que o coñecemento científico carece de remedio ou solución definitivos, aínda que poda paliar o dano ou atrasar a evolución da doenza.
Esta mesma xurisprudencia interpretativa da norma que a Sra. Becerril parece descoñecer, e cuxa aplicación “estrita” demanda, desvincula a concesión de excarceración dunha morte cercana no tempo (de feito ten sido concedida a presos cunha expectativa vital de cinco anos). A norma tampouco esixe a total eliminación da funcionalidade delitiva, senón simplemente a súa diminución. Consecuentemente, a liberdade en aplicación desta norma ten sido concedida por patoloxías (por exemplo a cegueira) desvinculadas dun prognóstico fatal.
Esta é a interpretación xurisprudencial que a aristócrata transmutada en Defensora del Pueblo parece descoñecer cando pide a súa aplicación “estrita e sen compaixón”
Este é o teor legal da norma que, segundo a Sra. Becerril, exclúe criterios humanitarios. Esta é a interpretación xurisprudencial que a aristócrata transmutada en Defensora del Pueblo parece descoñecer cando pide a súa aplicación “estrita e sen compaixón”.
O “caso Uribetxebarría”, que deu lugar ás declaracións da Sra. Becerril, ten dúas vertentes que queremos destacar: unha, a dimensión individual, o caso concreto do solicitante de liberdade condicional e o seu drama humano. O posicionamento da Defensora del Pueblo en contra da concesión supón unha presión institucional ao xulgado que deberá decidir tan anómala e contraria á finalidade da Defensoria que en calquera país da nosa contorna esas palabras deslexitimarian a súa titular e determinaría a dimisión.
A segunda face deste infeliz asunto permite pór o foco, a partir dun caso individual de repercusión político-mediática, sobre a colectiva inhumanidade na aplicación do réxime penitenciario. A “estrita” (mais exactamente “restritiva”) aplicación da lei que a Sra. Becerril esixe ven sendo obxecto de execución dende hai décadas. Demórase a concesión da liberdade condicional a centenares de persoas presas que agonizan entre os muros da prisión ou que son excarceradas apenas uns días antes para acabar falecendo, xa inconscientes, nas unidades hospitalarias. Nestes casos o propósito non é reducir sufrimento, é reducir taxas de mortandade penitenciarias.
Demórase a concesión da liberdade condicional a centenares de persoas presas que agonizan entre os muros da prisión ou que son excarceradas apenas uns días antes para acabar falecendo, xa inconscientes, nas unidades hospitalarias
Esquecendo a xurisprudencia constitucional antes citada , a dirección política da institución penitenciaria permite un asañamento vindicativo contra mozos e mozas presos que padecen SIDA, hepatite, neumonías… Ao denegar a excarceración até o momento en que unha ambulancia os leva, moribundos, do penal, facendo gala dunha crueldade coas persoas presas, os seus familiares e amigos que converteu a finalidade reinsertadora da pena nun fúnebre sarcasmo.
O caso Uribetxebarría é un paso mais no longo camiño de inhumanidade do sistema penitenciario, da proeminencia da vinganza social fronte a teses humanizadoras da pena. Un paso máis, infelizmente talvez non o último.
O caso Uribetxebarría é un paso mais no longo camiño de inhumanidade do sistema penitenciario, da proeminencia da vinganza social fronte a teses humanizadoras da pena
Actualmente, EsCULcA está persoada como acusación popular nun procedemento nos xulgados de Lugo para esixir as responsabilidades legais que procedan pola morte dun preso, con patoloxía crónicas, que extinguía condena en Bonxe.
E no tocante á marquesa de Salvatierra , se o seu actuar é coherente coas súas manifestacións, sería ilusorio esperar dela a atención que esta dramática situación reclama.
A non ser que procure informarse e chegue a coñecer a lei penitenciaria e a norma que regula as obrigas legais do seu cargo. E que, abandonando o seu papel de “hooligan” neocon da retribución social, decida converterse en Defensora del Pueblo.