Sempre houbo deshumanización da vida. Dende que medraron as grandes relixións e impuxeron unha determinada cosmovisión nas nosas existencias diarias. Así fixo o sistema feudal e a rixidez social daquela escaleira ao ceo, que ía do labrego ao Rei. Ou o sistema militar, que estripa o individualismo para formar greas de tropas unidas. Ou o mamut comunista ao atropelar a espiritualidade individualista. Ou a máquina capitalista que nos reduce a autómatas, a consumistas consumidos por acadar certo status, e para mantelo.
Hoxe son outras as forzas que nos esbilan a humanidade, que nos rouban o sentido de ser, simplemente, sen a mediación da superestutura allea. Velaí a nosa dependencia nas redes sociais para definir quen somos, que distorsionan os valores da interacción humana física. Ou a moda do modo multitarefa que se nos impón nos nosos lugares de traballo como boa práctica, aínda que o noso sistema nervioso non se axeite a facer varias cousas ao mesmo tempo, e quede conseguintemente atoado. Ou a doutrina de choque aplicada a gran escala, a política da austeridade e o nefasto espallamento do concepto de que temos sorte en ter traballo.
Como podemos contrapesar esa deshumanización das nosas vidas? Curiosamente, chégannos posíbeis estratexias dende a beira da morte. Unha enfermeira que aconsellaba a moribundos nos seus días derradeiros revelou hai pouco cales eran os arrepentimentos máis comúns de entre os que nos asolagan ao remate da vida. A xente ao parecer arrepíntese de traballar tanto, e de non poder por iso gozar a xuventude dos fillos e a amizade da súa parella. Láiase de non ter máis valor para expresar os sentimentos, de non arrepoñérselle á xente cando había que facelo. Magóalle á xente, especialmente cando lle chega a agonía, non ter tanto contacto cos amigos. A eses pacientes tamén lles gustaría ter a oportunidade de estar máis contentos por actos da propia vontade, e non quedar preso das pautas comúns de comportamento e costumes persoais. Mais o maior remorso era o de non teren a valentía de vivir unha vida máis fiel a si mesmos, e non a que outros querían que vivisen. De non viviren os soños. Contra a deshumanización da vida, eis a humanización que nos devolven os mortos.