A diáspora

As migracións, as riadas de seres ansiando alimento, buscando lugares mellores para vivir, fuxindo da violencia, da guerra, son tan antigas como a historia. Foron fundamentais, física e culturalmente. Mesturaron razas, linguas, clases, sexos, culturas. Así foron configurando o mapa do mundo.
Somos unha terra de emigración. Coñecemos os desarraigo e tamén o arraigo e o contaxio noutros espazos. Foi a fame, fundamentalmente o que motivou a marcha, os que deixan o seguro polo incerto motivos han ter. En menor medida, a persecución política, a guerra civil, deu lugar ao exilio, minoritario, entre outras cousas porque os caídos e paseados xa non podían escapar. Aquel exilio español foi acollido preferentemente en México, sendo gobernador Cárdenas, e deixou o seu tributo cultural nese país.

Neste momento son riadas son poboacións enteiras as que foxen da morte, da guerra, e buscan algún país en paz que os acolla. Hai xente que comparte a dor do desarraigo desas masas, coma min. Por iso paréceme indicado comunicarlles o que publiquei hai 21 anos no libro de poemas Fóra de min, que non só se refire ao contorno, senón ao que me subleva. É necesario ter a capacidade de poñerse noutras mentes.

Teño a enorme forza de duplicarme a min mesma sen confundirme. Rahel Varnhagen.

Vou sen sombra

Desde a diáspora da vida/ diáspora do pensamento/ diáspora do sentir/ unida á xente que vaga na incerteza/ vou sen sombra e/ elevo o grito e boto a rabia de/ sentir pola diáspora/ por quen sente as raíces desgarradas/ rechumidas de dor/ faltas de terra e de auga/ para alimentar a sombra/ para acougar o pensamento/ para fundar o equilibrio do ser.

Sentir e gritar até agoniarme/ por tanta xentiña soa/ fóra de si/ fóra/ sen espellos que devolvan as miradas./ Fóra de todo/ distinta e sinalada polo odio/ por ser distinta/ rodeada por lubisóns domésticos/ que non se arriscan a saborear corazóns alleos./

Sentir e escribir e desviarme/ fóra de min/ cos brados de rabia e os ouveos/ das feras libertarias/ das feras xusticeiras/ para protexer tanta carne ameazada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.