Dióxenes de Sinope, ese gran filósofo que vivía nun barril e que chamamos pai do relativismo cultural e por conseguinte da dobre moralidade, estaría a ben seguro moi contento co que hoxe en día é o mundo da política, e especialmente da política internacional.
Esa dobre moral da que falamos ten os seus exemplos máis sangrantes coas dúas crises “bélicas” das últimas semanas e meses: Ucraína e Gaza. A Comunidade Internacional mantén o seu silencio ante os bombardeos desapiadados de Israel (con armamento vendido por miles de millóns de dólares por parte de EEUU) atacando e definindo como “obxectivos terroristas” escolas da ONU, hospitais, praias, parques ou a única central eléctrica de Gaza, que devolveu este territorio á Idade Media.
Vemos como no caso de Ucraína e co tema do avión derrubado (cunha investigación en marcha) onde aínda non se coñecen os culpables da morte de máis de 200 persoas, UE e EEUU sancionan a Rusia economicamente por considerar (non se sabe moi ben por que) que é culpable.
En Gaza morreron xa preto de 1.800 persoas (entre elas moitos nenos, mulleres e civís inocentes) con máis de 10.000 persoas feridas e non se sanciona nin verbalmente ao estado de Israel. Obama, o gran defensor da Paz Mundial (por iso ten o Nobel) vende armamento a Israel, armamento usando na masacre do “gueto” de Gaza, mentres se permite dar leccións a Putin dicindo que “non arme os pro-rusos”.
Pero o papel máis ridículo é o da ONU, que recibiu nas súas escolas en Gaza ataques directos nestes bombardeos (despois de indicar en máis de 17 veces a súa situación). Na última ocasión Israel afirmou que pasaban en moto dous terroristas por diante da escola da ONU, de aí o ataque.
Lembro que coa crise en Libia, a ONU e máis concretamente o seu Consello de Seguridade, pasando por riba da Resolución 26/25 (Declaración da Asemblea das Nacións Unidas), esa que fala de non intervir nunha guerra civil ou conflito interno dun país; autorizou a OTAN a facer acto de presenza para, segundo din, protexer a poboación civil, cando en realidade axudaron a derrocar Gadafi e apoiaron uns “rebeldes democráticos” que provocaron o desprazamento de miles de libios do seu país. Un país que quedou nunha situación de violencia, latrocinio e inestabilidade social e política.
Pero supoño que a protección da poboación civil, o respecto da legalidade internacional e dos dereitos humanos é preciso naqueles lugares nos que hai recursos naturais de importante valor estratéxico. No caso de Libia petróleo, e no caso de Ucraína do leste, grandes xacementos de metais; ademais de conseguiren a UE e EEUU ter un estado amigo ás portas de Rusia.
Pero chegado este punto teremos que preguntar se en realidade tamén se considera máis valiosa a vida de máis de 200 persoas (na súa maioría europeas), que é o número de mortos no accidente do avión e que derivou na condena sonora da comunidade internacional, fronte a preto de 1800 palestinos mortos que non suscitaron a máis leve intención de condena; persoas que sofren unha agresión dun estado na súa terra, convertendo Israel nun estado agresor.
Que autoridade moral ten Obama ou os EEUU para esixir a Rusia que non forneza armas ao pro-rusos (aínda máis, sen achegar probas desta acusación)?
Que autoridade ten a UE para sancionar a Rusia pola súa intromisición en Ucraína e polo suposto derribo do avión, cando permanece impasible ante o masacre palestino? Que dirían a ONU, a UE o EEUU se detrás de Israel estivera Rusia? E se fora Rusia quen estivera atacando escolas da ONU? Está Dióxenes máis de actualidade que nunca?
“Os malvados obedecen ás súas paixóns, como os esclavos aos seus amos” (Dióxenes de Sinope)