A Don Xesús sóbranlle cartos na investigación universitaria

Nun recente informe urxente, a COSCE (Confederación de Sociedades Científicas de España) alarmaba xa non só sobre a escandalosa redución nos presupostos xerais do estado do orzamento destinado á ciencia, a investigación e a innovación do goberno do Sr. Rajoy. Chamaba tamén a atención sobre o elevado grao de non execución do mesmo, o que facía minguar aínda máis os fondos que realmente chegan ao sistema científico.

Os orzamentos son intencionadamente un cadro escasamente realista da capacidade de gasto do goberno e o goberno xoga coa maioría absoluta da que desfruta no Parlamento

A mesma situación repítese no caso do goberno galego de Núñez Feijoo ano tras ano. Caben tres explicacións. A primeira sería que non coñecen ben a práctica orzamentaria. Difícil de crer. A segunda, que os orzamentos son intencionadamente un cadro escasamente realista da capacidade de gasto do goberno e o goberno xoga coa maioría absoluta da que desfruta no Parlamento. A terceira, que o goberno non ten capacidade para desenvolver as actuacións comprometidas nos orzamentos.

No caso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha tendería a pensar que dado as amplas competencias que lle son atribuídas o problema pode estar na falta de capacidade. Podería ser así, pero no que atinxe á universidade os fondos non fixeron máis que diminuír e as convocatorias estanse a converter nun ben moi escaso. Tendo en conta este contexto de contracción, chama a atención que, coa esperable elevada demanda de financiamento público para a investigación por parte do persoal investigador, á Consellería lle sobren cartos das escasas convocatorias que realiza.

O 28% non chega ao seu destino, é dicir, máis de 5 millóns de euros non investidos

As cifras resumidas, no ano 2013 dos 19,04 millóns de euros das convocatorias de “Estruturación e consolidación de unidades de investigación do SUG” e “Proxectos de investigación para investigadores/as emerxentes”, únicas fontes de financiamento da actividade investigadora do persoal investigador universitario, o 28% non chega ao seu destino, é dicir, máis de 5 millóns de euros non investidos. Coñecendo a liña argumental do profesor universitario e conselleiro neste momento, ata é posible que alegue falta de calidade nas propostas presentadas por parte dos seus colegas, algo que descoñecemos pois anomalamente non hai lista de agarda. Eu inclínome a pensar que reducir ata o absurdo o grupo de posíbeis beneficiarios, establecer prazos imposíbeis de cumprir para solicitar e xustificar as subvencións, incrementar as achegas con partidas orzamentarias de subvención vía créditos coas dificultades existentes de liquidez e solvencia financeira e resolucións de concesión de importes significativamente inferiores convértense en prácticas imprescindíbeis para cadrar uns orzamentos que teñen moito de propaganda mediática.

É imprescindible e urxente a esixencia dun informe detallado, exhaustivo e contrastado sobre o grao de cumprimento do Plan de Financiamento 2011-2015 en sede parlamentar

Unha forma adicional de recorte que nin desde ás universidades nin desde o parlamento é denunciado. É imprescindible e urxente a esixencia dun informe detallado, exhaustivo e contrastado sobre o grao de cumprimento do Plan de Financiamento 2011-2015 en sede parlamentar, para coñecer as cifras de financiamento real do SUG.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.