A dupla moral do PP

© PPdeG

Hai poucos días o PP de Santiago puxo en marcha o ventilador para botar lixo sobre o goberno municipal de Compostela Aberta. As acusacións pivotaron sobre un suposto trato de favor a empresas nas que traballan algunhas persoas que teñen relacións familiares con integrantes da organización que sustenta ao executivo compostelán.

O máis chamativo desta campaña do grupo que encabeza Agustín Hernández é a súa inconsistencia argumental. Afirman os seus promotores que non teñen dúbidas sobre a legalidade das actuacións denunciadas -por iso non as trasladan ao territorio xudicial- pero, en troques, consideran que non se compadecen cos criterios éticos que deben presidir a acción política. Resulta sorprendente, sen dúbida, a reconversión destes discípulos de Feijoo: sempre defenderon a primacía dos ditames xudiciais sobre calquera outra consideración. Noutras palabras: se non existía unha sentenza condenatoria (de carácter penal ou administrativo) non operaban eventuais avaliacións éticas sobre o comportamento dos cargos públicos do seu partido. E a respecto das relacións familiares, o PPdG sempre actuou sen complexos:dende a política de colocación practicada polo clan Baltar ate contratos e nomeamentos recaídos en familiares de Núñez Feijoo ou do seu círculo político mais achegado.

O PP ve a palla no ollo de Compostela Aberta mais non é quen de atopar a viga no propio. Iso ten varios nomes: dupla moral, fariseismo, carencia de credibilidade. Din as crónicas que ante o reproche do alcalde, Martiño Noriega, Agustín Hernández imitou a Rodrigo Rato e proclamou: ”a política é así”. Certamente, este xeito de facer política é o que ven alimentando o desprestixio de tal labor e a conseguinte desafección de milleiros de persoas ante as citas electorais que se lles presentan.

Outro exemplo recente da disociación entre as proclamas e os actos puidemos constatalo na reacción ante a política do goberno de Sánchez no tema catalán. Casado descualifica, cos adxectivos mais insultantes, as propostas para dialogar nunha mesa de partidos porque iso, presuntamente, non respecta a lóxica institucional. 

Ao mesmo tempo, o goberno da Xunta publicitou unha declaración institucional de condena das propostas de Sánchez. Este comportamento revela unha incongruencia palmaria por canto unha declaración institucional require un consenso coas forzas da oposición que neste caso non existe. Na Cámara do Hórreo todas as declaracións desta natureza só van adiante se hai ese acordo unitario. Esa norma non escrita que rexe na acción do poder lexislativo tamén debe ser aplicada na actuación do Executivo. De non ser así estamos ante a apropiación indebida dunha institución pola aquela forza política que, transitoriamente, administra o seu funcionamento.

O domingo electoral de Maio xa está no horizonte próximo. Polo que se ve, o nerviosismo está instalado na rúa Génova e tamén en Montepío. O lixo ciscado polo PP de Compostela busca, polo menos, dous obxectivos primordiais: provocar a desmobilización dunha parte dos votantes de CA e colocar os maiores atrancos posíbeis a un hipotético pacto de goberno entre as formacións da esquerda. De tal xeito que, se as cifras non entronizan a Hernández como alcalde, o terreo de xogo ficaría enlamado para dificultar a xestión gobernamental futura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.