Este artigo forma parte dunha serie titulada A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro. Podedes ler o primeiro artigo nesta ligazón.
De que viviamos daquela e de que vivimos hoxe?
Existe aínda unha imaxe preconcibida da economía galega como unha economía fundamentalmente agraria e pesqueira, escasamente industrializada e cun sector terciario pouco desenvolvido
Existe aínda unha imaxe preconcibida da economía galega como unha economía fundamentalmente agraria e pesqueira, escasamente industrializada e cun sector terciario pouco desenvolvido. Pois ben, sen menosprezar a importancia estratéxica do agro e da pesca na nosa estrutura económica, o certo é que a súa achega directa ao emprego e ao PIB é hoxe minúscula. Do mesmo xeito, veremos como a industria en Galicia ten na actualidade un peso superior á media española e non moi dispar ao da Unión Europea. Finalmente, ao igual que tódolos países da súa contorna, a economía galega é hoxe fundamentalmente unha economía de servizos, sector que medrou ao mesmo ritmo que se destruía emprego no sector primario.
Ao igual que tódolos países da súa contorna, a economía galega é hoxe fundamentalmente unha economía de servizos, sector que medrou ao mesmo ritmo que se destruía emprego no sector primario
No ano 1980 algo máis de 475.000 persoas estaban empregadas en actividades agrarias e pesqueiras o que significaba máis dun 40% do emprego total do país. Trinta anos despois eran apenas 82.000 persoas as que traballan nestes sectores o cal representaba un 7,5% do total. A outra cara da moeda represéntana as actividades de servizos que se en 1980 ocupaban a un de cada tres traballadores, en 2010 presentaban unhas cifras que duplicaban ás de 1980, tanto no referido ao número de ocupados como ao seu peso na economía (un 66,3%). Non se produciron grandes variacións nin no volume de ocupados nin no seu peso relativo nos outros dous grandes sectores, industria e construción. A industria pasou de representar un 17,6% do emprego total en 1980 a un 15,7% en 2010 mentres que a construción, logo de sufrir unha expansión hipertrofiada na década dos 2000, tiña en 2010 un peso semellante a 1980, ao redor dun 10% do emprego total.
Constitúe esta evolución unha anomalía ou unha particularidade no contexto español e europeo? Rotundamente non. Non experimentamos nas últimas tres décadas nada que non experimentaran antes, despois ou ao mesmo tempo, outros países da Unión Europea. Quizais o trazo máis destacado é a rapidez do proceso de cambio producido, tal e como xa apuntaran no seu momento autores como Fernández Leiceaga e López Iglesias (2000), e que evidentemente tivo consecuencias sobre o modo de vida rural e a faciana do país. En particular, a sociedade galega pasou de ser maioritariamente rural a ser unha sociedade urbana, agudizándose a concentración da poboación (sobre todo da máis nova) na franxa atlántica, xa maioritariamente urbana.
Vindeira entrega: “Unha economía exportadora de bens (pero non de servizos) e que non só depende de Citroën…”