Este artigo forma parte dunha serie titulada "A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro”. Podedes ler os artigos anteriores nestas ligazóns (I e II)
Unha economía exportadora de bens (pero non de servizos) e que non só depende de Citroën…
Galicia é un país exportador de mercadorías. A nosa balanza comercial de bens é claramente positiva, tanto en relación co resto do Estado como en relación ao resto de Europa e só é negativa co resto do mundo (sen contar España nin Europa) pola forte dependencia externa respecto ao petróleo. Visto en perspectiva temporal, tamén podemos afirmar que a entrada no daquela Mercado Común non pareceu sentarlle mal ao sector exportador galego. Se analizamos a evolución da taxa de cobertura (Exportacións/ Importacións x 100) do comercio de bens con outros territorios distintos ao español, podemos observar que se en 1988 existía un déficit comercial claro, na actualidade rexistramos un superávit consolidado. Se nos fixamos exclusivamente no comercio coa UE-27 vemos que, en toda a serie da que dispomos datos, existe un superávit comercial cunha tendencia ademais crecente.
O peso do sector do automóbil representaba en 2012 menos dun 20% das exportacións, case doce puntos menos que no ano 1995
Outro dos mitos da economía galega refírese a que Citroën é responsable da maior parte das exportacións galegas. Pois ben, os datos sobre o comercio internacional (sen contar España) matizan claramente esa idea preconcibida. O peso do sector do automóbil representaba en 2012 menos dun 20% das exportacións, case doce puntos menos que no ano 1995. Hai que ter en conta ademais que dentro desta rúbrica inclúense as partes e accesorios de vehículos que fabrican as numerosas empresas do clúster vigués da automoción as cales, en moitos casos, nin sequera teñen á empresa francesa como principal cliente.
A galega é unha economía relativamente máis aberta e máis competitiva que a española
Por outra banda, nos últimos anos asistimos a un auténtico boom da exportación de produtos de confección vinculado ao fenómeno Inditex e a outras firmas que se en 1995 representaban un 5% das exportación en 2012 xa superaban ao sector do automóbil. Trátase dun sector que ademais foi paseniño mudando a súa fasquía pois experimentou un proceso de deslocalización que non por iso significou unha perda de importancia na nosa economía, que seguiu a concentrar as actividades de deseño, loxística e outras, de maior valor engadido. O sector da alimentación, en particular o vinculado cos produtos do mar, constitúe outro dos puntais da exportación galega xunto coa construción naval, se ben esta última amosa unha tendencia máis irregular, condicionada por encargos específicos. Nos últimos anos tamén se foi consolidando certa especialización en bens de equipo e manufacturas diversas, onde destacan os transformados da madeira e do aluminio. A galega é unha economía relativamente máis aberta e máis competitiva que a española, de tal maneira que non só rexistra unha balanza comercial máis positiva que esta última senón que o seu peso no comercio exterior español supera con creces a nosa achega en termos poboacionais ou de PIB.
Os datos anteriores refírense en todo momento ao comercio exterior de bens e mercadorías mais, que ocorre cos servizos? Tradicionalmente os estudos sobre comercio exterior non consideraban as actividades terciarias debido a propia natureza das mesmas onde o proceso de produción e venda é simultáneo e por tanto a lóxica da almacenaxe e distribución para a súa exportación, propias das mercadorías, non é aplicable. Sen embargo o anterior non sempre é así xa que hai determinados servizos que habitualmente son incluídos nas balanzas comerciais ao ser o cliente residente nun lugar diferente ao da empresa, nomeadamente os servizos turísticos ou os servizos de transporte.
A listaxe de actividades terciarias susceptibles de ser exportadas esténdese a un sector cada vez máis relevante nas economías desenvolvidas, non só dende o punto de vista do emprego e o valor engadido xerado, senón tamén da súa contribución á innovación nos territorios onde están presentes
Mais a listaxe de actividades terciarias susceptibles de ser exportadas non queda aí e esténdese a un sector cada vez máis relevante nas economías desenvolvidas, non só dende o punto de vista do emprego e o valor engadido xerado, senón tamén da súa contribución á innovación nos territorios onde están presentes. Referímonos en particular aos servizos avanzados a empresas, tales como os servizos de consultoría, enxeñería e asistencia técnica, investigación, servizos informáticos, servizos financeiros, etc. Nese sentido González López (2009) ten indicado que a dinámica de produción e consumo deste tipo de servizos marca unha diferenza entre as (novas) rexións periféricas e as rexións centrais, na medida en que as segundas soen especializarse na provisión deste servizo ás segundas, que rexistran deste xeito un saldo comercial negativo nestas actividades. Nos distintos países europeos, ademais, soen ser as grandes capitais as que concentran este tipo de actividades e xogan ese papel de provedor a outras rexións. O caso galego sería un exemplo desta dinámica tal e como se evidencia no traballo sinalado máis arriba.
Galicia rexistra un saldo negativo no comercio exterior de servizos e que ese saldo é particularmente negativo co resto do Estado
Neste sentido podemos indicar, a partir de estudos previos e da evidencia estatística existente, que Galicia rexistra un saldo negativo no comercio exterior de servizos e que ese saldo é particularmente negativo co resto do Estado (e moi probablemente, aínda que carecemos de evidencia exacta, con Madrid). Así, as Táboas Input-Output de 2008 publicadas polo IGE (2012) indican que se ben Galicia rexistra un saldo positivo na balanza de bens co resto do Estado, o saldo é moi negativo cando nos referimos aos servizos (case 2.400 millóns de euros ese ano). Esta mesma fonte de datos indica que as ramas onde se situaría ese déficit serían sobre todo os servizos informáticos, os servizos de consultoría e enxeñería diversa, os servizos financeiros, os servizos de publicidade, os servizos de hospedaxe e os servizos aéreos. Efectivamente, se comparamos o peso que teñen estas actividades na economía galega en relación á economía española, e en particular en comparanza coa capital madrileña (e en menor medida con outras autonomías), observamos un inferior nivel de desenvolvemento das mesmas no noso país.