A economía galega (V)

Este artigo forma parte dunha serie titulada A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro. Podedes ler os artigos anteriores nestas ligazóns (I, II, III e IV).

O noso talón de Aquiles: cada día somos menos e con menor peso especifico

Neste período rexistramos unhas taxas de natalidade das máis baixas de Europa e non fomos quen de atraer tampouco poboación emigrante ao ritmo que o facían outros territorios da contorna, o que explica que sexamos tamén unha das rexións máis avellentadas do continente

A escasa capacidade innovadora é á súa vez unha das causas do que posiblemente sexa o principal problema ao que se enfronta Galicia e a súa economía na actualidade e no futuro inmediato. Referímonos á perda de peso demográfico e económico que experimentou o noso país nos últimos anos, proceso que non ten trazas de reverterse no curto prazo. Se en 1981 a poboación galega representaba un 7,5% da poboación española, en 2011 esta porcentaxe caera ao 5,9%. Nunha etapa de crecemento demográfico no conxunto español, en particular nos anos de bonanza económica, Galicia experimentou un estancamento demográfico mesmo despois de remataren os procesos de emigración masiva das décadas dos 60 e 70. Neste período rexistramos unhas taxas de natalidade das máis baixas de Europa e non fomos quen de atraer tampouco poboación emigrante ao ritmo que o facían outros territorios da contorna, o que explica que sexamos tamén unha das rexións máis avellentadas do continente.

Outro dos fenómenos demográficos que amosa as eivas da nosa economía é o saldo migratorio negativo entre a poboación máis nova, que conforma tamén a xeración con maior cualificación da historia do país

Este fenómeno, con consecuencias variadas que todos podemos imaxinar, convértese ademais en factor relevante para o devir futuro da nosa economía, toda vez que as relacións causa-efecto entre factores demográficos e económicos teñen unha natureza biunívoca. Outro dos fenómenos demográficos que amosa as eivas da nosa economía é o saldo migratorio negativo entre a poboación máis nova, que conforma tamén a xeración con maior cualificación da historia do país. E referímonos ao saldo migratorio e non ás saídas porque nun contexto onde o mercado de traballo galego está fortemente integrado no español e cada vez máis na europeo, é normal que se incrementen as taxas de mobilidade laboral dentro destes espazos.

Sen embargo, a saída neta de continxentes máis novos, en particular cara o resto do Estado, significou a perda de aproximadamente 40.000 persoas de entre 16 e 34 anos dende 1992 a 2012. É Madrid, cun 35% do total en 2005, a comunidade que concentra a maior parte da emigración galega no Estado segundo os datos de Blanco e Fernández (2007)1, aumentando a distancia dese xeito respecto a Catalunya e Eusdadi, destinos tamén tradicionais da emigración galega. A saída de activos cara a capital do Estado é ademais particularmente selectiva e como se apunta nun estudo máis recente realizado por González Laxe et al (2013)2, perto do 40% dos titulados universitarios galegos contratados no resto de España entre 2003 e 2010 dirixíronse a Madrid, unhas 15.500 persoas en termos absolutos3 4.

Boa parte das persoas máis novas que cada ano deixan Galicia ocupa nos lugares de destino, máis cedo ou máis tarde, postos de traballo de alta cualificación en actividades relacionadas cos servizos avanzados e intensivos en coñecemento

Este proceso de emigración selectiva ten unha clara lectura económica que entronca con aspectos discutidos anteriormente. Así, non é nada ousado afirmar que boa parte das persoas máis novas que cada ano deixan Galicia ocupa nos lugares de destino, máis cedo ou máis tarde, postos de traballo de alta cualificación en actividades relacionadas cos servizos avanzados e intensivos en coñecemento.

No forte proceso de concentración que experimentou o sector financeiro, non só derivado das forzas do mercado senón tamén por decisións políticas, o noso país perdeu case todas as súas entidades financeiras que foron absorbidas, particularmente en tempos recentes, por entidades españolas

O anterior permítenos valorar con máis clarividencia a importancia de mudanzas económicas concretas como as que por exemplo se veñen producindo no sector financeiro galego e español. No forte proceso de concentración que experimentou este sector, non só derivado das forzas do mercado senón tamén por decisións políticas, o noso país perdeu case todas as súas entidades financeiras que foron absorbidas, particularmente en tempos recentes, por entidades españolas. Dende o Banco Gallego ao emblemático Banco Pastor (finalmente non aconteceu o mesmo, por sorte e por agora, con NCG Banco). A gravidade destas absorcións vai máis alá do carácter simbólico da localización dos centros de decisión posto que implican a perda de centos de postos de traballo nas sedes centrais destas entidade e nas empresas auxiliares das mesmas. Empregos de alta cualificación e alta intensidade en coñecemento e que por tanto achegan un elevado valor engadido e que pasan a facelo noutros territorios, particularmente en Madrid e en menor medida en outras rexións desenvolvidas do Estado e nas capitais Europeas. A atracción (e retención) deste tipo de emprego volveuse sen dúbida un factor competitivo claro para calquera territorio, aspecto que deberíamos ter moi en conta no futuro.

En definitiva, e como vimos en apartados anteriores, nas últimas tres décadas fomos quen de mellorar o noso nivel de vida, mesmo en maior medida que os nosos veciños, tamén acadamos niveis aceptables en canto á competitividade exterior da nosa industria, onde existen exemplos de éxito ben coñecidos. Sen embargo, ao mesmo tempo fomos perdendo peso demográfico e tamén económico o cal fai que colectivamente sexamos menos relevantes en moitos outros ámbitos.

Vindeira entrega: “A crise que mandou parar e que perdura”

 

(1) Blanco, H. e Fernández, M. (2007); “Migraciones y capital humano: el caso gallego”. Comunicación presentada no Encuentro de Economía Laboral y de la Educación, 12-13 de Julio de 2007

(2) González, F; Martín, F e Martín, F. (2013); “Deficiencias estruturais, emigración interrexional e fuga de cerebros: o caso de Galicia” Revista Galega de Economía, 22, 2, 9-30

(3) Lamentablemente non temos fácil acceso aos datos de movementos migratorios co resto de Europa, ao aparecer estes recollidos baixo o epígrafe xenérico “Estranxeiro”, sen dúbida una eiva que deberían corrixir o antes posible os institutos de Estatística. Dese xeito o saldo migratorio da poboación máis nova co resto de Europa, que nós intuímos claramente negativo, aparece sumido nos datos do “estranxeiro” e que nos últimos anos foi positivo en particular pola chegada de importantes continxentes dende América Latina. Este proceso, que afecta sobre todo a poboación latinoamericana nova e que ocupa postos de traballo de baixa cualificación, foi en calquera caso moi inferior á media española e cunha compoñente distintiva manifestada no “retorno” de segundas e terceiras xeracións de galegos no exterior.

(4) Compre destacar o proceso puntual que se produciu na década dos 90 de emigración ás Illas Canarias dun volume nada desprezable e que afectou en particular a cohortes mozas. Dito proceso parou e mesmo chegou a reverterse claramente a partir do ano 2007.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.