Este artigo forma parte dunha serie titulada A economía galega: breve balance das tres últimas décadas e perspectivas de futuro. Podedes ler os artigos anteriores nestas ligazóns: I, II, III, IV, V e VI.
E como afronta Galicia esta crise?
Esta é agora unha crise fundamentalmente Europea e ese é o marco onde se deben procurar grande parte das solucións
Pois en principio non peor que os territorios da nosa contorna xeográfica máis inmediata, isto é, dos países da periferia europea en problemas. En calquera caso, non ten o noso país salvagardas nin particularidades que puideran evitar unha saída en falso da crise, como tampouco as tivo para evitar os efectos nocivos da mesma sobre a produción e o emprego. Como xa se argumentou máis arriba, esta é agora unha crise fundamentalmente Europea e ese é o marco onde se deben procurar grande parte das solucións. Aínda así, o certo e que o noso país viña mantendo un diferencial positivo en relación ao conxunto Español, tanto no referido á evolución do PIB como do emprego. As razóns deste mellor comportamento están relacionadas ao noso ver con dúas características distintivas da nosa economía, e que terían amortecido o impacto da crise.
O peso da débeda de familias e empresas galegas no PIB era en 2012 o máis baixa do Estado cun 106%, moi por debaixo da media das autonomías que se situaba no 160% do PIB
En primeiro lugar, o menor nivel de endebedamento de familias e empresas, derivado tamén dunha menor expansión da construción civil, e moi probablemente doutros factores de carácter cultural e demográfico. Segundo os datos do Banco de España, o peso da débeda de familias e empresas galegas no PIB era en 2012 o máis baixa do Estado cun 106%, moi por debaixo da media das autonomías que se situaba no 160% do PIB. Isto puido provocar que a caída do consumo privado e do investimento, sendo moi acusada, non o fora tanto como no conxunto do Estado. O segundo factor distintivo do caso galego vén da man dunha maior competitividade exterior que, como xa vimos, maniféstase nun superávit comercial en produtos industriais xa existente antes do estoupido da crise. A pesares destes elementos positivos, a evolución da nosa economía no medio e longo prazo vai depender doutros factores de carácter estrutural, así como da propia actuación dos poderes públicos de Galicia.
As políticas destinadas á mellora da capacidade innovadora do noso tecido produtivo semellan clave para a mellora económica
Nomeadamente as políticas destinadas á mellora da capacidade innovadora do noso tecido produtivo, que por certo sufriron un claro retroceso comparativo nos últimos cinco anos, semellan clave para a mellora económica e do noso benestar no futuro inmediato.
Vindeira entrega: “Innovar cos pés na terra, e pensármonos como centro económico”