A educación ambiental como servizo público

Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas Dominio Público Praza Pública

Como outros moitos ámbitos sociais e profesionais, o da Educación Ambiental (EA) mira con preocupación máis que lexítima o escenario que se presenta nos próximos meses. Mesmo coas incógnitas propias da situación actual, nin os proxectos, nin as actividades enmarcadas no que se denomina EA parece que vaian continuar nas mesmas condicións; sexa polas actividade que requiren dunha interacción directa, polos espazos onde se realizan, polo distanciamento forzado das potenciais persoas destinatarias ou polo abandono deste tipo de “inversións” por parte de actores públicos e privados.

A crise do 2008 arrasou cun campo xa de por si precarizado que, lonxe de recuperarse na década transcorrida, levou a moitos e moitas profesionais da EA a buscar a vida noutros ámbitos profesionais

Os antecedentes non incitan ao optimismo: a crise do 2008 arrasou cun campo xa de por si precarizado que, lonxe de recuperarse na década transcorrida, levou a moitos e moitas profesionais da EA a buscar a vida noutros ámbitos profesionais (ocio e tempo libro, turismo, deporte, cultura, etc.), no mellor dos casos.

Moito se ten escrito nestes días sobre a necesidade de revalorizar os servizos públicos como soportes esenciais para os tempos de crise. Incluso algúns neoliberais recoñecidos eloxiaron e puxeron en valor á sanidade público, así como as bondades dun Estado forte, capaz de soster e remendar a desfeita dunha crise imprevista –polo menos para eles–, na súa vertente sanitaria pero tamén na económica. O coronavirus revelou sen contemplacións as costuras duns servizos públicos enfraquecidos e precarizados, mesmo vilipendiados.

Van permitirnos non afondar aquí nos múltiples debates sobre que tipo de estrutura pública reforzar e sobre como financiala. Iso si, non imos negar que nos gustan máis os adxectivos “descentralizada”, “coordinada”, “participativa”, etc. E, sobre todo, que apostariamos por uns servizos públicos centrados na salvagarda dos bens comúns e do ben común.

Neste contexto, cabe considerar a EA un servizo público? Debería selo?

Cabe considerar a EA un servizo público? A Educación, en xeral, e a EA, en particular, encaixaría nesta concepción, máis aínda nun contexto de emerxencia climática como no que nos atopamos, coa necesidade urxente de emprender transformacións sociais e ambientais de gran calado

Vaiamos á definición. Enténdese que os servizos públicos son o conxunto de bens e actividades que, a través da súa administración directa ou indirecta, un Estado garántelle a súa poboación para que poida, con maior ou menor dilixencia, atender aos seus dereitos e responder as súas necesidades para acadar unha maior igualdade de oportunidades e unha mellor calidade de vida.

Sen dúbida, a Educación, en xeral, e a EA, en particular, encaixaría nesta concepción, máis aínda nun contexto de emerxencia climática como no que nos atopamos, coa necesidade urxente de emprender transformacións sociais e ambientais de gran calado, preferiblemente sen deixar a ninguén no camiño.

Á vista da feble presenza da EA no sistema educativo e ás inercias seguida polas maior parte das administracións autonómicas e municipais, non é extravagante afirmar que a fórmula preferente para promover iniciativas de EA ten sido a xestión indirecta, deixando en mans de empresas, cooperativas e asociacións a meirande parte das iniciativas, actividades e proxectos. Esta fórmula non ten por que ser necesariamente mala, pero ten propiciado, ao noso entender, unha dinámica de precarización que deu, e dá, lugar a múltiples contradicións entre a militancia ambientalista de moitos e moitas profesionais e a necesidade de subsistir. Que ten penalizado a calidade e, sobre todo, a coherencia entre a oferta educativa real e os supostos obxectivos dunha EA que permita avanzar cara sociedades máis sustentables. Neste contexto abundan traballos xeralmente mal pagados, nos que as precarias condicións laborais dificilmente se compensan con altas doses de voluntarismo que, a súa vez, págase con graos crecentes de insatisfacción e burnout laboral. Tamén tenden a priorizarse proxectos e actividades “para a galería”, deseñadas para o “lavado verde” de administracións e empresas, sen aspiracións reais de cambio; se ben, non poucas veces quédanos o consolo de que estas actividades caian en mans de activistas do ambientalismo e o ecoloxismo, capaces de introducir pequenas pílulas de rebeldía.

Con todo, a maior parte destas respostas educativas, mímicas e desenfocadas, non parecen as máis propicias para impulsar a transición socio-ecolóxica que demanda a emerxencia climática, por identificar o reto ambiental máis urxente que temos que enfrontar neste século. A alternativa resulta evidente, precisamos unha Ea que contribúa á resiliencia das nosas sociedades e que, operando no marco do desenvolvemento dos servizos públicos esenciais (sanidade, educación, etc.), se erixa nunha ferramenta para enfrontar a crise económica e ecosocial á que nos conduce o mesmo sistema que achicou e degradou constantemente estes servizos.

É preciso repensar a noción de progreso, desligándoa do crecemento. Por este motivo é imprescindible incorporar a política ambiental na redefinición dos piares do benestar

O escenario que impulsou a socialdemocracia nalgúns países durante os anos 50 e 60 do século pasado implicou un pacto de clases que ofrecía benestar social para expandir o consumo como ingrediente imprescindible para o crecemento económico. Pero fai xa tempo que o crecemento, transmutado en fin en si mesmo polo capitalismo global neoliberal, é o problema. Non imos entrar no detalle sobre os impactos sociais e ambientais deste modelo; unicamente diremos que, cando resoan de novo as apelacións keynesianas a recuperar certo protagonismo do Estado na economía, resulta absurdo insistir na fórmula imposible de crecemento infinito nun planeta finito. É preciso repensar a noción de progreso, desligándoa do crecemento. Por este motivo é imprescindible incorporar a política ambiental na redefinición dos piares do benestar. Na saída do abismo aberto polo Covid19, a transición cara novas formas de relacionarnos coa biosfera e entre nós é un reto ineludible se o que pretendemos como civilización é impulsar valores de equidade, xustiza e sustentabilidade.

Non será doado. O combate, por dicilo dalgunha forma, polo relato da crise e as súas saídas leva xa varias semanas en marcha. Comezamos con un clamor practicamente unánime reclamando unha “nova normalidade” para recuperar progresivamente as claves da anterior. Os que desmantelaron e privatizaron a sanidade e outros servizos públicos esenciais, despois de momentáneos deslices pro-estatalistas, seguirán querendo diminuír a inversión pública e minimizar o control estatal, senón no nome do mercado, si no dunha suposta libertade que acabará por ser, fundamentalmente, a do mercado. Neste debate, urxe recolocar a EA coma un servizo e un ben público esencial para a transición ecolóxica.

Cabería preguntarse se o campo da EA está preparado para ser un servizo público nesta emerxencia permanente na que estamos instaladas. Por sorte, pensamos que a meirande parte dos e das profesionais da EA están máis que preparadas ou, se non o están, teñen unha gran predisposición para estalo en moi pouco tempo. Porén, existen moitas inercias que cambiar. A primeira delas, reverter a falta de recursos para dignificar e poñer en valor a profesión; recursos que rompan o círculo vicioso da EA concibida como adorno, como actividade subsidiaria, infradotada economicamente e invisible para as políticas públicas. A EA ten que deixar de ser unha nota ao pé de páxina das políticas educativas e ambientais, para erixirse nun capítulo transversal, coa súa propia estrutura orzamentaria e institucional.

Trátase de instituír políticas públicas de EA en sintonía con outros sectores e servizos esenciais: a sanidade, o sistema agroalimentario, a educación, o urbanismo, a mobilidade, etc

Hai outras inercias que enfrontar. A EA non pode ser, ou non pode ser só, unha forma de “achegarnos á natureza”; tampouco un manual para separar residuos ou para dirixir hábitos sustentables no fogar (apagar as luces, pechar a billa, etc.); non pode ser unha actividade máis das dirixidas ao público escolar. A EA ten que converterse nun catalizador social e cultural da transición ecolóxica. Palabras maiores.

A defensa da EA como servizo público esencial non só require máis inversión, tamén reclama proxectos a longo prazo con enfoques innovadores e orientados á transformación social. Esixe, polo mesmo, re-pensar o campo para ser quen de construír e institucionalizar estruturas de acción pública resilientes. Trátase de instituír políticas públicas de EA en sintonía con outros sectores e servizos esenciais: a sanidade, o sistema agroalimentario, a educación, o urbanismo, a mobilidade, etc. E en todas as escalas e escenarios da administración. Políticas onde o apoio mútuo, a cooperación e a necesidade de entender o mundo desde unha óptica social e económica diferente sexan a prioridade para poñer no centro o ben común e o coidado da vida.

Non se trata de aproveitar unha oportunidade en tempo de crise. É unha necesidade para a supervivencia digna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.