A era dos materiais

Existe un amplo consenso ao redor da necesidade dun novo modelo produtivo no que os residuos se recuperen e volvan aos circuítos industriais (ou non) apropiados para, por unha banda, xerar menos residuos e, por outro, reducir a presión sobre os recursos naturais.

Este consenso fundaméntase en que o modelo actual, denominado lineal, fracasou no seu obxectivo de mellora na calidade de vida porque non soubo garantir un aire limpo, uns ríos sen contaminación e un chan produtivo, no canto de erosionado ou contaminado, provocando unha crise ambiental planetaria cuxo expoñente máis coñecido é o cambio climático.

Ata a data, vimos como a normativa que regula sectores que obteñen beneficios do aproveitamento ou explotación de recursos naturais mostrábase á sociedade imbuída dunha filosofía protectora do medio ambiente, cuxo thelos é que a obtención e o beneficio dun recurso natural, […], só debe comprometer na menor contía posible a afectación ao medio ambiente. Este texto pertence ao preámbulo do Real Decreto 975/2009 sobre xestión dos residuos das industrias extractivas onde o lexislador comenta o carácter de protección do medio ambiente da Lei 22/1973 de Minas. Vendo os vertedoiros ao longo e ancho de España podemos dicir que nin a lei preconstitucional nin o real decreto aprobado polo PSOE de Zapatero souberon cumprir co seu obxectivo filosófico ambiental dado que, como ocorre cos incendios forestais, nin se prevén nin se vixía para evitar desastres.

A filosofía de “coller, facer e refugar” ou, como o mundo do márketing vendeu durante anos, “usar e tirar” é o reflexo dun ciclo industrial no que se cría que tanto os materiais como a enerxía ou a auga era ilimitados, fáciles de obter, e que o seu consumo non tería ningún tipo de consecuencias ambientais.

Neste escenario é preciso facer unha revisión profunda da lexislación que incumbe ao aproveitamento e explotación de recursos naturais desde a perspectiva do equilibrio ente explotación e recuperación ambiental para non degradar aínda máis o planeta. Igual de importante é recuperar aqueles espazos degradados que permitan aumentar a resiliencia dos ecosistemas, únicos socios que a humanidade ten para recuperar o planeta. É imprescindible que os lexisladores teñan en conta esta realidade: o único sistema planetario capaz de facerlle fronte ao cambio climático non é outro que a Natureza; sen a recuperación do equilibrio natural da Terra non conseguiremos frear o cambio climático.

En Podemos non pretendemos frear o crecemento económico do país. Queremos un país máis xusto para a cidadanía e un país máis saudable, o que leva inequivocamente a un maior coidado do aire que respiramos, da auga que bebemos e do chan que nos achega alimentos. Queremos superar a idea de imbuír de filosofía e pasar das palabras aos feitos.

A nosa proposta de protección ambiental fundaméntase en que vivimos nun planeta finito, con recursos finitos que poden ser explotados a un ritmo de reposición maior que o de extracción e non ao revés, como ocorre na economía lineal.

É a nosa preocupación presentar políticas inclusivas, equilibradas e comprometidas coa xente, a industria e o medio ambiente onde estes tres alicerces soporten o mesmo peso no desenvolvemento económico do país.

Entendemos que as voces dos que ata agora están a gobernar son contrarias a este irrebatible argumento que Podemos leva escrito no seu ADN, pero emprazámolos a unha discusión política do feito ata hoxe e do que hai que facer de aquí en diante. Esperemos que se recolla a luva.

Entramos nunha nova era, na era dos materiais, onde todo poida volver ter unha segunda vida máis aló de incineralo ou tirar a un vertedoiro. Tamén haberá que traballar con afán a lexislación e os mercados de segunda man e de reparación de equipos a través de ferramentas que consigan que a industria produza bens de maior durabilidade e que estes sexan facilmente reparables para un segundo uso e que, de non ser posible reutilizalos, sexan facilmente desmontables para recuperar os materiais que conteñen, sempre dentro dun marco de garantías de produto recuperado para o consumidor.

Este é o centro da esfera da nova economía circular: xa non hai lixo e case non hai residuos; hai materiais que temos que recuperar se ou se para reducir a presión sobre os recursos naturais. Si se pode!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.