A escola da desigualdade. I. A perda de talento

Seguimos a soster que a escola é decisiva para reducirmos a desigualdade CC-BY-SA smengelsrud

Neil Postman describiu a nenez como os anos en que as e os adultos gardan e controlan un determinado tipo de información para, por etapas e dun xeito ordenado, san e psicoloxicamente asimilábel, póla ao dispor das e dos menores

Hai xa máis de catro décadas, en The Disappearance of Childhood, Neil Postman describiu a nenez como os anos en que as e os adultos gardan e controlan un determinado tipo de información para, por etapas e dun xeito ordenado, san e psicoloxicamente asimilábel, póla ao dispor das e dos menores. A televisión, coa súa accesibilidade indiferenciada, ofrécelle a todo o mundo os mesmos contidos, sen segredos; en consecuencia, acaba borrando, por innecesaria, a distinción entre a nenez e a adultez. E se a televisión disque logra facer desaparecer a nenez, imaxinemos o impacto da internet! Con todo, aínda pretendemos poder decidir que lles convén saber ás e aos menores. Por que?

Se a televisión disque logra facer desaparecer a nenez, imaxinemos o impacto da internet! Con todo, aínda pretendemos poder decidir que lles convén saber ás e aos menores. Por que? Porque, en esencia, seguimos a soster que a escola é decisiva para reducirmos a desigualdade

Porque, en esencia, e alén de non sabermos aínda como encaixar o ensino nunha contorna mediática e tecnolóxica abafante, seguimos a soster que a escola é decisiva para reducirmos a desigualdade. E é certo que o ensino público, na medida en que aínda impón unha certa carga académica, en que aínda ensina, segue a funcionar como un ascensor social para non poucas rapazas e rapaces espelidos pero de condición humilde. De aí que a nosa democracia universalizase as educacións primaria e secundaria e estabelecese a escolarización obrigatoria até os 16 anos. Tras xeracións de atraso, aumentaron a esperanza de vida escolar e mais as posibilidades de titulación. Hoxe, a calidade do noso sistema educativo sitúase na media dos países da OCDE.

Aínda así, en España, un dos países europeos onde máis difícil resulta ascender socialmente, as desigualdades de partida dan lugar a grandes diferenzas nos resultados académicos. A maiores, e en fatal aplicación do ideal meritocrático, o sistema educativo carga sobre os ombros do alumnado a responsabilidade do rendemento académico, como se as circunstancias persoais, familiares e sociais fosen irrelevantes. Isto, porén, non debe levarnos a pensar, como se sostén a miúdo, que é tarefa do sistema educativo eliminar as desigualdades. Non, esa non é a súa función.

Aínda así, en España, un dos países europeos onde máis difícil resulta ascender socialmente, as desigualdades de partida dan lugar a grandes diferenzas nos resultados académicos. A misión do ensino público é sentar as bases cognitivas para que todo o alumnado desenvolva ao máximo a súa potencialidade. E isto é algo que non parece que esteamos a acadar

A misión do ensino público é sentar as bases cognitivas para que todo o alumnado desenvolva ao máximo a súa potencialidade. E isto é algo que non parece que esteamos a acadar. O cal, alén de ser inxusto e frustrante para as e os alumnos, provoca unha perda de capacidade intelectual e creativa para a sociedade. E non se trata en absoluto dunha misión imposíbel. 

Poderíase, por exemplo, aumentar e blindar o gasto en educación; prever a gratuidade total do ensino; deixar de subvencionar o ensino privado, que disimulamos chamándoo «concertado», pensado para obter privilexios educativos de clase e repeler o alumnado pobre e inmigrante; baixar as ratios, algo que resultaría particularmente beneficioso para o alumnado máis vulnerábel e con máis necesidades educativas; reducir a carga lectiva do alumnado; garantir a liberdade de cátedra, da cal xa ninguén fala pero que está ancorada no artigo 20.1.c) da Constitución; ou limitar o traballo burocrático do funcionariado docente. Todas estas cousas poderían intentarse, pero non se intentan. Inténtanse outras cousas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.