A esencia neoliberal da UE: o Tratado de Maastricht e os límites da xestión progresista

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

Para cando nos falen de políticas “progresistas” desde as institucións coma se puidesen ser esencialmente distintas á xestión conservadora, lembremos os límites que establece o Art. 104 do Tratado de Maastricht, verdadeira Constitución Europea, dado o fracaso que obtiveron cando tentaron a aprobación da Constitución Europea fai uns 20 anos:

"Queda prohibida a autorización de descubertos ou a concesión de calquera outro tipo de créditos polo Banco Central Europeo e polos bancos centrais dos Estados membros, denominados en diante “bancos centrais nacionais”, en favor de institucións ou organismos comunitarios, Gobernos centrais, autoridades rexionais ou locais, ou outras autoridades públicas, organismos de Dereito público ou empresas públicas dos Estados membros, así como a adquisición directa aos mesmos de instrumentos de débeda polo BCE ou os bancos centrais nacionais."

Dito claramente: queda prohibido que os estados se financien a si mesmos ou a través do BCE, que debería emitir a moeda necesaria que precisasen os estados ou a UE para xestionar os seus asuntos e gastos.

Este Artigo fai un mercado cos estados -é dicir, coas necesidades de todos e todas-, obrígaos a ir aos mercados financeiros para ter diñeiro. Estes son os que van ao BCE e este, no canto de emitir a moeda necesaria para cubrir os gastos sen intereses, préstallo aos bancos privados, para que estes, a intereses superiores (para iso son entidades de lucro) préstenllos aos estados, convertidos por Lei! en clientes obrigatorios dos bancos e entidades financeira.

E logo veñen os acredores financeiros, convertidos nesa figura polo Tratado de Maastricht, esixindo o pago duns intereses impostos aos estados, que a través da reforma do artigo 135 da Constitución polo PPSOE, converteuse en prioritario.

O Tratado de Maastricht converte en ilexítima toda a débeda pública asumida polos estados desde 1992, data da súa aprobación, porque é unha débeda imposta.

Quen pode ser tan inxenuo de que mentres esteamos baixo este Tratado, pense que a débeda é pagable e a UE reformable. E, sobre todo, quen pode ser tan canalla de venderlle a poboación de que é posible ir a un cambio en calquera dos Estados da Unión Europea, con Tratados como o de Maastricht.

Pero non nos confundamos, a UE é impensable sen o Tratado de Maastricht, é a súa Constitución. Se derrogamos ese Tratado rompemos a UE, e imos a outra Europa. Pero isto, como di o filme Irma a Doce, "é outra historia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.