A España máis reaccionaria

Canto máis se escora cara ao absurdo un nacionalismo catalán comprometido até a extenuación coa misión de salvar a Artur Mas e a Convergència, máis se bota ao monte unha política española que, en lugar de penetrar no século XXI dos estados constitucionais sen soberano e os gobernos multinivel, parece querer regresar á infancia do século XIX.

Se o plan consiste en atraer os cataláns demostrándolles o reaccionarias que poden chegar a ser as institucións españolas, a cousa vai como un tiro

Se o plan consiste en atraer os cataláns demostrándolles o reaccionarias que poden chegar a ser as institucións españolas, a cousa vai como un tiro. A algúns xa só lles falta o trabuco. A este paso Artur Mas conseguirá a milagre de presentarse ás eleccións sen ter que explicar unha palabra sobre a corrupción que afoga o seu partido ou as políticas de recortes masivos infrixidas polos seus gobernos. Toda a forza vaise en especular sobre o artigo 155 da Constitución. 

Aquí xa vale todo para chamar á Garda Civil. Desde a retirada dun busto do ex xefe do Estado que xa nin tiña por que estar alí, ás alegres especulacións de reputados e serios xuristas sobre a conveniencia ou non de suspender a autonomía catalá se o resultado dunhas eleccións tan legais como lexítimas non lles gusta.

Faría ben o Rei en afastarse deses monárquicos que lle marmuran ao oído que se debe atrever a facer e dicir todas as cousas que, na corte, moitos pensan que Mariano Rajoy non se atreve a dicir e facer. A última vez que un Borbón fixo algo parecido, a cousa acabou cun desafiuzamento. A súa maxestade saberá. Pero non parece nin moi intelixente, nin moi sensato, ir de visita institucional a Catalunya a lembrarlle aos cataláns que deben cumprir a lei.

Un votante catalán que ande buscando razóns para votar por unha lista non soberanista debe sentirse máis só que Jose Luis Perales escoitando os seus discos

Un votante catalán que ande buscando razóns para votar por unha lista non soberanista debe sentirse máis só que Jose Luis Perales escoitando os seus discos. Todo canto se lle ofrece son ameazas, desgrazas, catástrofes e desastres. Aquí parece que só queren gañar uns. Todos os demais dedícanse a avisalo de que se gaña, vaise enterar.

No recente referendo escocés os unionistas tamén percorreron ese camiño. Primeiro deron por seguro que gañarían. Logo probaron coa ameaza de converter Escocia nun país errante expulsado dos mares de Europa. Despois tentaron o suborno e lembrarlles aos escoceses que a independencia lles ía a custar unha pasta, como nesas parellas que seguen xuntas pola hipoteca. Ao final, á desesperada, tiveron que porse a facer política e explicar por que tiña sentido e valor seguir xuntos. A eles saíulles ben. Pero son raros e conducen pola esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.