Andan os tertulianos de dereitas a escachar de risa coa famosa escena da «Vida de Brian» (1979) sobre a Fronte Xudaica Popular e a Fronte Popular de Xudea. E isto vén a conto dos debates sobre unha «candidatura de unidade» prás eleccións xerais, tamén chamada Marea Galega nos últimos meses.
A crítica dos Monty Python aos partidos de esquerdas é certeira no que atinxe aos tics e teimas ridículas, mais cómpre non esquecer que eles fan especial fincapé na cuestión do imperio e as súas colonias. Pois os Monty Python falan dende o confortable status pequeno-burgués (que se dicía nos anos 70) de persoas que foron educadas no corazón dunha gran metrópole. Un punto de vista que deixan ben sentado noutra escena, divulgada na rede co título: «Que fixeron os romanos por nós?»
As voces dereitosas esfórzanse en transmitir unha idea manida: a esquerda sempre tende á fragmentación
Así é que nos faladoiros dos medios, as voces dereitosas esfórzanse en transmitir unha idea manida: a esquerda sempre tende á fragmentación. E chámanlle «as esquerdas» adrede, pra logo dicir que carecen do pragmatismo necesario non xa pra gobernar, senón mesmo pra entenderse de partida. Conclusión: dúas candidaturas en Galicia fronte aos partidos do réxime son a proba evidente desa incapacidade histórica. E dito isto, aos comentaristas de pago xa se lles barre o tino de satisfacción.
Pero, cales son realmente as estratexias diverxentes?
Como é ben sabido, no 2011 prodúcese unha ruptura no seo do nacionalismo galego. Xorde ANOVA e proponse un cambio de rumbo radical. A liña de supervivencia baseada en conformarse cun escaso apoio electoral e agardar tempos mellores, tan querida pola UPG, considerouse esgotada. Ou sexa, válida só pra dar voltas «arredor de si», que diría Otero Pedrayo. E a estreita calella dos pactos co PSOE pra gobernar nos concellos (privatizando a eito) e mesmo na Xunta de Galicia, sempre co nacionalismo de esteo en segundo plano, revelouse coma unha calella sen saída.
Pola contra, o pensamento anovador que impulsou as Mareas parte dunha idea central: que o PSOE e mailo PP son os peares do réxime do 78, e que cómpre artellar espazos alternativos de confluencia pola esquerda e con capacidade real pra intervir na política en todos os niveis institucionais. Ou sexa, pra GOBERNAR AGORA, pra mudar as políticas agora, non dentro de cincuenta anos.
Contra todo prognóstico, as mareas cumpriron o seu obxectivo e fixeron afuciñar o PP coma nunca antes sucedera nunhas municipais.
Estas dúas tendencias tiveron o seu gran ensaio nas pasadas eleccións municipais. Por unha banda ANOVA, Esquerda Unida e nalgúns casos Podemos (non esquezamos a inhibición de Podemos Vigo), ademais doutras forzas e colectivos, crearon e fixeron triunfar as Mareas en tres das grandes cidades de Galicia. Contra todo prognóstico, cumpriron o seu obxectivo, e fixeron afuciñar o Partido Popular coma nunca antes sucedera nunhas municipais.
Pola outra banda, e varios pasos por detrás no discurso e nos procedementos, o BNG fixo un tímido ensaio de laboratorio coa súa proposta chamada de «asembleas abertas». Tan abertas e aglutinantes que deron como resultado a terceira confirmación do seu declive, coa salientable excepción de Pontevedra.
Deixando a un lado a desfeita case global dos partidos do réxime en Galicia o 24M (pra eles un descalabro), vexamos agora que sucedeu nas dúas tendencias que son motivo de chanzas nos medios oficiais verbo da tan comentada «candidatura de unidade».
O BNG, tralo revés das municipais, chegou tardiamente á conclusión de que todo aquilo que observaban con desprezo (véxase o humor requeimado e cutre da Troleada Benito Soto): asemblearismo, participación cidadá, primarias abertas, espazos de confluencia, acumulación de forzas, alternativa rupturista… ao parecer tiña un sólido contacto coa opinión de amplos sectores da sociedade galega. E comezaron o seu itinerario da imitación. O 25 de Xullo serve, como fixo Beiras no 2012, pra lanzar unha alternativa? Perfecto. 25 de Xullo de 2015: Banquete de Conxo pola reunificación nacionalista. Que a moda agora é crear espazos de confluencia? Velaí a Iniciativa pola Unión. Que as vellas siglas non coveñen? Apárcase o BNG como marca electoral e créase Nós-Candidatura Galega. Primarias abertas? Pois veña unha de primarias con vídeos caseiros.
Vólvese falar moito do interclasismo. E tómanse como referencia a nomenclatura do galeguismo histórico.
Mais cal vén sendo a orientación desa proposta? Obviamente un galeguismo progresista e máis ben tépedo. A UPG deixou caer a Quintana, como chibo expiatorio do fracaso nas eleccións de 2009. Pero na práctica converteuse e converteu o BNG en quintanista. E os síntomas son máis que evidentes. As voces máis activas nesta rápida mutación proveñen desa ponla moderada. Vólvese falar moito do interclasismo. E tómanse como referencia a nomenclatura do galeguismo histórico, séculos XIX e XX: Banquete de Conxo, Xeración Nós. Por se iso non fose suficiente, os aliados do BNG pra esta virada in extremis chámanse: Partido Galeguista, Agora Galiza, Terra Galega, Coalición Galega e así. Ou sexa: Posición Terriña. O cal non significa que no BNG non haxa militantes críticos de esquerdas con outras miras. Pero esa é a mensaxe principal e a nova estratexia de supervivencia que se adopta. Eu diría que a última baixo a longa férula de Paco Rodríguez.
Nunha dirección ben clara e diferente, ANOVA promove con éxito a acumulación de forzas en clave principalmente de esquerda, e lógrase un entendemento fructífero con Podemos Galicia e mais con Esquerda Unida, un dos seus aliados en AGE. Os escollos iniciais son superados, pois hai capacidade abonda pra o diálogo e a negociación. Acádase un acordo inédito entre independentistas e federalistas, en pé de igualdade e sen prevalencia de ningunha marca. E consolídase así, ampliado a todo o país, o espazo de confluencia que xa fora construído pola base nas grandes cidades de cara ao 24M.
A proposta rupturista da Marea baséase no recoñecemento de Galicia como nación, e no dereito do pobo galego a decidir nun eventual proceso constituínte
Como resultado desa converxencia, créase a coalición En Marea a nivel de Galicia, tendo como alicerces as Mareas muncipalistas, e co apoio doutros partidos e colectivos cidadáns. E faise superando diferenzas ideolóxicas menores en función dos intereses da maioría da poboación. Mais os termos do acordo entre as forzas que compoñen a nova coalición non se refiren unicamente ás cuestións sociais máis urxentes ou de fondo, pois a proposta rupturista da Marea baséase no recoñecemento de Galicia como nación, e no dereito do pobo galego a decidir nun eventual proceso constituínte. Un avance, pola inmersión do federalismo nesta reivindicación histórica, inimaxinable dende as posicións nacionalistas que se conforman con xirar permanentemente «arredor de si».
A Marea Galega non levará ese nome, porque como xa antes lle pasara á plataforma liderada por Ada Colau, alguén alleo ao proceso rexistrou a marca con espurios intereses. Mais a Marea existe, en Galicia e ben pola esquerda. E a súa potencia institucional coñecerémola o 20 de decembro, cando fale a cidadanía.