O procés é, valga a redundancia, un proceso aberto ainda lonxe de atopar resolución. Sentenciado a morte mil veces polo nacionalismo español, rexorde outras tantas para lembrar o seu presente á Historia. Como referimos en anteriores partes deste monográfico, as medidas represoras do 155, os chamados paternalistas á “sentatez”, etc. do unionismo poden, abofé, encarcerar a un presidente electo democráticamente, “moderar” ás aliadas titubeantes do proceso, e mesmo instaurar certo temor xeral na sociedade civil catalá aos seus cans de presa armados; mais de ningún xeito poden suprimir os anhelos de autodeterminación dun pobo oprimido.
A independencia secuestrada ao pobo catalán, é hoxe tamén a causa internacionalista de revolucionarias e progresistas de todo o mundo. Contra os desexos do unionismo (que podía abofé contar con certa simpatía cara o independentismo catalán de parte da sociedade vasca ou galega), xorden imparables ao longo do estado máis amigas do pobo irmán catalán que cuspen sobre a bandeira da falsa unidade españolista, e erguen orgullosas como súa a Estelada en Murcia, Zaragoza, Sevilla ou na propia Madrid.
A loita nacional na Cataluña, mal que lles pese ás esquerdas españolas que depositaron directa ou indirectamente a súa política na represión do Estado, pode falar xa con toda propiedade de varios avances considerables precisamente fronte á alternativa “ruturista unionista”: a deslexitamación ante millóns da fraude dunha Transición que sempre tivo máis de “Réxime do 39” ca de “Réxime do 75”, da súa Constitución, a monarquía que o representa e mesmo da UE da que forma parte.
Como aconteceu tantas veces nas loitas das oprimidas, puxo de manifesto a quen os descoñecía os fundamentos violentos da Democracia, e apuntou co seu dedo de dignidade a unha esquerda cómplice que seguiu chamando “á unidade” mesmo cando ás centos de feridas civís do 1-O, seguíronlle os encarceramentos sen xuízo baixo acusacións de “rebelión” ou “terrorismo”.
Os seus fracasos son, de certo, os fracasos da vía reformista da clase social que a encabezou ata o de agora. Lamentablemente para o seu pobo, ningún dos partidos políticos do procés (do PDeCat á CUP, pasando por ERC) estivo en ningún momento á súa altura. Abonde de exemplo as imaxes de Oriol Junqueras renegando ante os xuíces do Supremo de todo o que houbo de positivo na súa actuación e a do Govern naqueles meses de setembro e outubro, é dicir, o incumprimento deliberado das leis españolas e facer posible a celebración do referendo de independencia.
Tentar convencer á sociedade civil catalana de que “Nada do que se fixo é delito”, presenta a España como algo que nunca foi: un Estado plenamente democrático no que se pode exercer libremente, e acorde á Lei, o dereito de autodeterminación. A isto, respóndelle por si soa a propia forza dos feitos, que pasou polas cargas policiais e a entrada en prisión ou exilio forzado dos líderes políticos do referendo.
Ese temor ao “delito” non é, para desconcerto de toda a esquerda “posibilista”, algo que comparta nin moito menos a totalidade do independentismo catalán. É máis ben, como decimos, patrimonio case exclusivo dos líderes “procesistas”. O mellor do pobo catalán non dubidou dende o primeiro día en botarse enriba o peso da súa loita pola autodeterminación organizado hoxe nos chamados Comités de Defensa da República: os CDR. Saben moi ben que os seus “delitos” son os que dictaminan uns tribunais que non recoñecen, como sabe a nosa esquerda reformista que os seus aliados son outros. Hoxe máis que nunca.
Aquel fin de semana do 1-O de 2017, houbo dúas actitudes ben diferentes ante o referendo: a da Generalitat (PdeCat e ERC), Òmnium e ANC, que chamaban a unha “performance” masiva coas papeletas impresas da casa fronte aos colexios electorais dende as 8 da mañá para lograr a foto da Policía e Guardia Civil impedindo o voto (ás que prestou, por certo, a colaboración dos Mossos), e a de quen logrou a celebración do referendo ocupando durante todo o fin de semana eses mesmos colexios. Os CDR nacían cunha primeira victoria onde outros só vían un fracaso seguro. E non sería a última.
Virían logo as folgas xerais do 3-O e 8-N: empregando os métodos de loita clásicos do movemento obreiro e sindical, prodúcense cortes de autovías e levántanse barricadas urbanas para frear grilleiras policiais a toda velocidade entre manifestantes con risco de atropelo mortal. O unionismo de dereita e esquerda, xunto co independentismo institucional reformista, responden ao unísono condenando a “escandalosa violencia” dos radicais CDR e chamando á orde. Ao calificativo de “delito” veñen sumárselle outros menos “amables”: dende Ciudadanos a La Sexta, fálase de “comandos” para referirse aos CDR, e das súas accións como a “kale borroka” catalana.
Dende logo, é un exercizo a todas luces inútil indignarse aquí polos exabruptos do discurso españolista. Ten bases ben materiais que a retórica ou razoar, por lúcido que sexa, non vai demoler. Mais quizais si vale a pena dirixir algunhas palabras finais a quen polo menos, e ainda non defendendo consecuentemente a independencia catalana, o termo “autodeterminación” non lle provoca unha fobia incontrolable.
Cando na nosa terra se repite o discurso de “os CDR non son kale borroka” (ERC), da “revolta da paz e os sorrisos” (ANC), estase dando por boa a estratexia criminalizadora do inimigo unionista. Na língua vasca, o termo kale borroka significa literalmente “loita na rúa”. Nun momento dado, a estratexia represora do Estado contra o independentismo vasco, transformouno en “terrorismo urbano” para así poder reprimir á mocidade vasca detendo, torturando e encarcerando a centos.
Os CDR en Cataluña cortando unha estrada, os murcianos protestando polo soterramento das vías do tren, as feministas concentradas fronte ao Parlamento andaluz contra o fascismo; abofé que son todos kale borroka, mais nun sentido ben diferente do que di a prensa e medios do réxime. Son precisamente as kaleko borroketan (“loitas na rúa”) as que fan a Historia, as que conquistan dereitos sociais e políticos. Non o depositar a papeleta de ningunha das forzas políticas que se presentan o vindeiro 10N. A comparación aquí co pobo vasco debera ser motivo de congratulación, non de espanto.
Pobre Galiza se seguimos tragando con esta perversión podre da linguaxe! Chegará o día (senón chegou hai xa tempo e non somos aínda de todo conscientes) en que sexamos todas e todos “terroristas” nalgunha medida. Despois de todo, o concepto “terrorismo” téñeno reservado para sinalar á disidencia, fortalecer o pensamento único e amordazar: terrorismo queimar a foto do Borbón, terroristas Valtonyc e os rapeiros de La Insurgencia, a esquerda abertzale e o independentismo galego, e seguramente quen asina estas liñas. Se hai algo positivo en todo isto, quero pensar, é que o medo está cada vez menos do noso lado.